Hierro, ese ser.
24 de maio do 2007 perpetrado por
otraveseiro
Fernando Ruiz HIERRO (Vélez-Málaga, 1968), ten o honor de estrea-la miña odioteca, onde ten un lugar destacado. Iniciouse no fútbol no equipo do seu pobo e cando estaba en idade xuvenil fichou polo Málaga. Aí, un adestrador anónimo que lle quixo facer un favor á humanidade descartouno por mediocre. Nembargantes, o seu irmán Manolo levouno xunto a el ó Valladolid, onde lle ensinou a dar cobadazos e tronzar pernas. Nesta época estivo a punto de deixa-lo fútbol ó recibir unha importante oferta para protagonizar unha secuela de "O planeta dos simios".
Moi cedo chamou a atención dos grandes do fútbol español. O Barça pensou que o fichara pero se trabucou e asinou ó seu irmán. Fernando chegou a un acordo co Atlético, posou ca camisola roxibranca no Calderón pola mañá e pola tarde os traizoou asinando polo Madrid, onde xogaría ate o 2003. Neste equipo escribiu grandes páxinas polo seu xogo limpo e deportivo, e as anécdotas que amosan a súa calidade humana se contan por centos.
Unha desas anécdotas foi cando á saída dun restaurante madrileño un home se lle achegou para pedirlle un autógrafo para o seu fillo. "Claro que si, buen hombre, ¿cómo se llama el niño?" "Jordi –respostou-" Hierro puxo na adicatoria algo así coma "Para JORGE con cariño..." O señor díxolle que "Pero... es que... se llama Jordi". "Puede ser, pero aquí estamos en España". Tamén destacou polas súas amenas conversacións cos árbitros ("ya no sabez como jodenno eh?!!!") e polo seu respecto pola multiculturalidade nos campos de xogo ("negro de mierda!!") (a Songo'o).
Na casa, ídem de lienzo. Segundo a súa muller, é un ser humano admirábel, divertido, responsábel e afábel, lle gusta o flamenco, que baila con estilo depurado, as películas de acción (¿seguro?) e gusta de preparar pratos de cociña mediterránea. Vamos, un anxeliño.
chúzame - Arquivado en Odioteca |


