O diaño sobre rodas

30 de Agosto do 2007 perpetrado por otraveseiro

Cecais debería titular "O mongol sobre rodas", para evitar confusións ca famosa película de Spielberg dos setenta, pero o título vale igual pola semellanza, ámbolos dous son un perigo para a seguridade vial. A diferencia é que este non leva un xigantesco camión cisterna se non unha cutre Nissan Vanette tuneada dun xeito que... non sei cal é a palabra máis axeitada para defini-lo... si, xa o teño, VOMITIVO. Para ve-las fotos premer nelas (non aptas para estómagos delicados).

mandrilismo1.JPGmandrilismo2.JPGmandrilismo3.JPG

As fotos as tomei nun parking público durante o pasado Trofeo Teresa Herrera, onde o Madrid veu unha vez máis a que lle deramos polo cú en forma de derrota, para non variar. A diferencia da liga, e ao ser pleno agosto, é que o Madrid trouxo siareiros, e entre os diversos especimens atopamos ao noso heroe.

Non están tódalas fotos que son, ou o revés, ou como carallo se diga. Unha lenda percorre todo o lateral da furgalla: "En el cielo manda dios, en la tierra el Real Madrid". Non está nada mal, aínda que o máis normal coñecendo ao propietario é que puxera que "En el cielo manda Juanito y en la tierra Raúl". Dentro, aparte dos asentos enfundados con camisolas do Madrid, hai diverso material dos ultrasur e de Ejpaña en xeral, coma bufandas e bandeiríns, aparte de restos de comida, toallas, papel hixiénico, botellas... vamos, un foco de infección en toda regla. Loxicamente non entrei pero o cheiro o imaxino, e debe feder como a planta de residuos de Nostian nun día de calor.

mandrilismo41.JPGmandrilismo5.JPG

Un amigo comentábame con toda a razón que o que lle parecía raro é que a furgoneta non fose branca, e eu penso que si é branca, pero ten tanta merda enriba que non se nota. Iso ou que é a décima furgalla que tunea. As anteriores eran brancas, pero se as racharon todas neses campos de deus (e o que ten ir provocando) e só puido conquerir a bo prezo esta Vanette gris amarronada.

Chuzame! chuzame -

Arquivado en Xentes da grada | 1 Grandísima aportación »

Se che vai caer o pelo

27 de Agosto do 2007 perpetrado por otraveseiro

rgallego1.JPG

Eso foi o que lle deberon de dicir ao australiano Stan Lazaridis cando xogaba no Birmingham City. O tipo tomou moi en serio esa advertencia, até tal punto que decidiu medicarse para combate-la alopecia. O problema é que a substancia que contén o “crecepelo”, a finasteride, é dopante. En Inglaterra tiña permiso para consumi-la, non así no seu país. O caso é que Lazaridis deu positivo no pasado mes de novembro por esta substancia, e cas coñas lle meteron unha sanción dun ano, polo que non poderá participar co Perth Glory, actual equipo ate ben entrada a tempada, en decembro e na xornada décimoquinta.

Por certo, o da foto non é Lazaridis, senón Ricardo Gallego (ex do Real Madrid), que como se pode apreciar, tiña un bo pelaso, que foi perdendo co paso dos anos, algo bastante habitual nos seres humanos pero que hai xente que non o asume. O australiano este é unha mostra e que ademais tira por terra a teoría de que che podes quedar calvo de tanto pensar. Ramón Calderón, presi do Madrid, tamén nos vale como exemplo.

Chuzame! chuzame -

Arquivado en Chámalle X | 1 Grandísima aportación »

O estadio máis pequeno do mundo

25 de Agosto do 2007 perpetrado por otraveseiro

Se lle facemos caso á (des)información da web do diario deportivo madrileño AS, o estadio máis pequeno en canto a aforo da Primeira División é o da UD Almería. Pero ademais non hai campo na Segunda División máis pequeno, nin en Segunda B, nin en Terceira, nin en Preferente... e así sucesivamente.

En realidade non atopamos campo en todo o Estado, nin de seguro en Europa, América, Asia, África, ou mesmo Oceanía cunha cifra tan baixa en canto a número de persoas que poden asistir a un partido de fútbol: 0 (cero) ESPECTADORES.

capture_08242007_230302.jpg

E iso que o estadio é relativamente moderno. O Estadio del Mediterráneo inaugurouse no ano 2004, e se construíu precisamente para albergar os Xogos do Mediterráneo, competición que non pode ser de moita magnitude cando fan un estadio con esa capacidade.

Visto o visto, no vindeiro encontro que dispute o Almería no seu terreo de xogo, perante o Valencia, non vai caber nin un alfinete, pero non porque sexa o debut en primeira do equipo na súa casa, senón porque non vai poder entrar nin cristo polo escaso aforo.

Chuzame! chuzame -

Arquivado en Xornalistos | 3 Grandísimas aportacións »

Victoria “sudada”

24 de Agosto do 2007 perpetrado por otraveseiro

Onte fixen de tripas corazón e atrevinme a ver un pouco do partido amigábel Grecia-España. Polo visto se disputou de miragre, xa que o campo parecía unha leira e os españois non querían xogar por temor ás lesións. Xa dende o principio o espectáculo era dantesco, os equipos pousando namentres soaban os himnos e detrás dous grandes bandeiras gregas, e xusto no medio, a mascota da selección, Manolo "El del bombo", sostendo brazos en alto ese bonito e sofisticado instrumento. Isto non ven moi a conto, pero gustaríame saber cantos anos ten ese home, que o recordo dende que teño uso de razón, sempre facendo o ridículo polo mundo enteiro. Eu xa non son un cativo, por iso o digo.

Bo, pois o caso é que o título desta anotación non ven a conto de que España gañou con apuros, no derradeiro intre, senón ao xeito de comparecer tralo partido do seleccionador Luís Aragonés. O tío xa era famoso polas imaxes nos banquiños "xogando" ca dentadura postiza e a súa pintiña de desaseado, e falando en roldas de prensa namentres se rabuñaba o sobaco ou a orella.

luiscocho.JPG

Pois hoxe puiden capturar da TV esa nova imaxe do sabio (?) de Hortaleza suando coma un cocho ante os medios de comunicación. A suor lle caía pola fronte e por embaixo do nariz. Ademais, despeiteado, as gafas descolocadas, ao igual ca garabata... e a todo isto, non sae na foto, pero berrando coma un tolo algo así como "¡Estoy alucinado, yo es que estoy alucinado!", referíndose ao problema do céspede.

A ver se hai algún valente que se poida achegar a el (polo previsíbel mal cheiro e o carácter violento da personaxe) que lle diga que aínda que el non xogase, de cando en vez non viría mal darse unha ducha despois dos partidos. Por certo, que os pelotas de Antena 3 achacaban esa imaxe sudorenta de Aragonés á calor e ao exceso de humidade. Que casualidade que só lle afecte a el de toda a expedición.

Chuzame! chuzame -

Arquivado en Chámalle X | 1 Grandísima aportación »

A folga de recollida de lixo chega á Premier

23 de Agosto do 2007 perpetrado por otraveseiro

É motivo de preocupación estes días en Galiza a folga de recollida de lixo que afecta nada máis e nada menos que a perto de 90 concellos das provincias de A Coruña, Lugo e Pontevedra. Dura xa dende o domingo, e a situación comeza a ser insostíbel debido a que loxicamente cada vez se acumula máis lixo nas rúas e a subida das temperaturas trae consigo un cheiro que tira para atrás. Alomenos eso din, pois no meu concello hai limpadores de lixo, o que non hai son munipas e bombeiros, xa que polo visto hai uns douscentos (que se di pronto) de baixa médica.

Pois nos queixamos de vicio, pois en Inglaterra, e concretamente no campo do Chelsea, levan catro anos cunha rata vivindo no banquiño local, envolta nun abrigo de pitadeiro, e polo visto ten trazas de seguir alí moito tempo. Mou, como así lle chaman agarimosamente en Inglaterra, é inofensiva, aínda que fede un pouquiño.

antinazis1.JPG

Sen embargo, na bancada moitos afeccionados normais e por suposto os xogadores (moitos deles negros) teñen que aturar ao seu lado bolsas de lixo con residuos orgánicos como os da foto. Son altamente perigosos, tóxicos e contaxiosos. Agardemos que non só sexa en Stamford Bridge onde non funciona correctamente o servicio de limpeza.

Chuzame! chuzame -

Arquivado en Actualidade | Comenta, non sexas rata »

Picoletos vs. Xitanos

18 de Agosto do 2007 perpetrado por otraveseiro

A ninguén se lle escapa que os torneos de verán xa non son o que eran, que cada vez vai menos xente a ve-los e que as recadacións non dan nin para pagar aos árbitros. Pois namentres o Teresa Herrera, Colombino ou Carranza van a pique, un novo trofeo irrumpe con forza.

Este trofeo, que xa vai pola segunda edición, chámase Memorial Victoriano Montes e se disputa este sábado na localidade de Pueblonuevo, na provincia de Badaxoz, e é organizado por un tal Fernando Medina "El Almeja". A particularidade deste torneo é que os equipos participantes (formato triangular) están formados por gardas civís, xitanos e artistas, e a recadación irá a parar a Cáritas Diocesana de Badaxoz.

espanholadas2.JPG

Se descoñecen as aliñacións, pero polo que se puido saber o equipo da Benemérita está bastante descompensado porque a meirande parte dos futbolistas xogan pola extrema dereita. A liña de atrás practica unha defensa bastante dura, raiando a violencia. Pola banda dos xitanos, predominan os medios centros defensivos, que teñen moita facilidade para roubar balóns, como non podía ser doutro xeito. Coma os picoletos, tampouco xogan moi limpo.

No que atinxe aos artistas, tamén se descoñece a formación inicial, pero garantiu a súa presencia Juan Carmona, do grupo Ketama (ou Kemata). Agardo que non os denuncien por aliñación indebida, xa que ese de artista non ten moito. Tamén xogarán os exfutbolistas Roberto Fresnedoso, ex do Espanyol e Atlético entre outros, e o Mono Burgos, que ben seguro nos deixará algunha cantada desas que nos tiña acostumado cando era profesional.

Chuzame! chuzame -

Arquivado en Espanholadas | Comenta, non sexas rata »

A decadencia de Camacho.

11 de Agosto do 2007 perpetrado por otraveseiro

Non nos enganemos, a carreira de Camacho como adestrador está en punto morto, e non me extraña nadiña que ninguén o contrate. Supostamente non o queren polas súas pretensións económicas, pero en realidade ¿quen o vai fichar? Lembremos que hai algo menos de dez anos asinou contrato polo Madrid e despois os deixou tirados antes de escomeza-la tempada porque non lle gustaba o que se cocía alí dentro.

camacho1.jpg

Anos máis tarde, comanda un novo fracaso da selección española, eso si, dando espectáculo (no banquiño, el e os seus sobacos). Despois ficha novamente polo Madrid pero unha vez máis dimite porque non podía ca situación. O tío moi chulo cando adestraba ao Raio ou Espanyol, berrándolles aos futbolistas nos adestramentos, que si hai que poñer collóns, que si os partidos se gañan por testiculina e patatín e patatán... Chegou ao Madrid e quixo face-lo mesmo pero os galácticos non o aturaban e non pararon ate que Camacho dimitiu. Moito alardear de man dura e ao final se rilou pola pata abaixo. O caso é que aínda por riba tivo o morro de tentar voltar ao Madrid como director deportivo dun candidato á presidencia, pero non saíu elexido.

A día de hoxe non ten equipo, así que se adica ao marabilloso mundo da publicidade televisiva. Xa fixera os seus pinitos con Citroën (vamos vamos que nos vamos), e agora semella que en Murcia non teñen un murciano máis coñecido que teñen que botar man do de Cieza para representa-la imaxe da rexión anunciando urbanizacións de luxo con campos de golf (¿pero estes non tiñan falta de auga?). E por si xa non fora pouco atopa-lo na tele cada dous por tres co anuncio de marras, o outro día poño o Tomate e tamén sae, pero non vendendo pisos, senón totalmente borracho nunha cea con familiares e amigos en Ibiza. Esto si que é decadencia e non a de Maradona.

Chuzame! chuzame -

Arquivado en Chámalle X | 1 Grandísima aportación »

Que secuestren o Marca

6 de Agosto do 2007 perpetrado por otraveseiro

g0715.jpg

Resulta incomprensíbel que o xuíz Del Olmo secuestre "El Jueves" dos quioscos e non fixera o propio con este exemplar do Marca de hai unhas semanas na que non figura ninguén mantendo relacións sexuais, pero case que peor aínda, sae Guti na praia dicindo parvadas. A portada en sí é zafia, groseira e de mal gusto, porque:

1. Ninguén xoga ás palas na praia con esa pinta.
2. Guti non pode ofrecer algo do que carece (cerebro).
3. Schuster anda á percura de cerebros, polo que pode tratarse dun caso gravísimo de tráfico de órganos.

Polo tanto, o xuíz debería chamar cando menos a declarar ao director dese panfleto, xa que esas primeiras páxinas son bastante habituais, e son un mal exemplo para os nenos que as poden ver en tódolos lados. Eso si, cunha multa chega, que non se lles dea por pecha-lo Marca, porque aínda que é un auténtico lixo, tamén unha fonte inagotábel de documentación e ideal para botarse unhas risas de cando en vez.

Chuzame! chuzame -

Arquivado en Xornalistos | Comenta, non sexas rata »

« Entradas Anteriores

Apoiamos a Isaac Díaz Pardo