Mister, me cago

27 de Novembro do 2007 perpetrado por otraveseiro

Ían unha nai e o seu fillo pola rúa e dille o cativo: "Mamá mecano". A nai lle responde que non. Máis adiante, o fillo insiste: "Mamá, mecano". Novamente a nai lle di que nin de coña. O cativo, erre que erre, "mamá mecano". A nai escomeza a fartarse do fillo: "Fillo, para xa, que non penso comprarche ningún disco de Mecano, ¿qué queres, que me rache o tocadiscos? Son penosos" (isto é da miña colleita). O rapaz replícalle cada vez máis alto que "¡¡mamá mecano!!" Antes de que a proxenitora lle conteste novamente a interrumpe o neno: "Mamá... me cané".

mpablo.jpg

Algo parecido aconteceu onte en San Mamés, no Athletic-Deportivo. Segundo as verbas do médico visitante, Manuel Pablo "achegouse ao banquiño e lle dixo ao adestrador que estaba indisposto e Lotina lle preguntou '¿Cómo que indisposto?' 'Que me cago', lle dixo Manuel Pablo".

Aí o lateral canario andivo listo, pois se se lle dá por insistirlle, coma o cativo do chiste, "que estou indisposto", en lugar de ser claro e contundente: "Míster, que me vou defecar pola pata abaixo", o mesmo a alfombra de San Mamés remata embarrada.

Por certo, que o doutor Lariño, médico do Depor, asegurou que o virus ese que produce as cagaleiras se contaxia simplemente estando ao lado dun afectado ou falando con el. Carallo, este si que é un virus chungo, e non os troianos eses.

Chuzame! chuzame -

Arquivado en Actualidade | 2 Grandísimas aportacións »

Que veñen os invasores!

25 de Novembro do 2007 perpetrado por otraveseiro

Joseph Blatter, presidente da FIFA, considera que habería que modificar a política de nacionalización dalgúns países para evitar que nos vindeiros anos haxa seleccións nacionais que estean cheas de futbolistas non nados neses países, e que se podería perde-la esencia dos partidos internacionais. Até aí ben. O malo é o xeito que ten de dici-lo, dando unha visión apocalíptica do tema, que máis que unha opinión parece o guión dunha peli desas americanas dos anos cincuenta onde cutres extraterrestres invadían a Terra cos seus traxes de felpa ca súa correspondente cremalleira nas costas.

os-invasores.JPG

Isto é o que dixo Blatter: "No Brasil hai 60 millóns de xogadores, e se non nos coidamos dos invasores do Brasil, non só hacia Europa, Asia ou África, a Copa Mundial do 2014 ou do 2018, dos 32 equipos poderiamos ter 16 cheos de xogadores brasileiros".

O guión da película viría a dicir que 60 millóns de alieníxenas brasileiros invaden o mundo chegados nunha flota de xigantescos pratiños voantes. Son hostís e despiadados, se alimentan dos nenos das categorías inferiores e aos maiores os van suplantando pouco a pouco, quedándose con algúns poucos para usa-los coma escravos limpabotas ou para chupar banquiño no mellor dos casos.

No 2018 apenas quedarán xogadores nacionais, só brasileiros, e na selección española tan só haberá un xogador español, Raúl González, que sobrevivirá grazas a que segue a durmir na súa cámara hipóxica, tamén coñecida como habitación da eterna xuventude.

Chuzame! chuzame -

Arquivado en Actualidade | 1 Grandísima aportación »

Ver moito fútbol causa trombos

22 de Novembro do 2007 perpetrado por otraveseiro

Alomenos iso é o que sostén Ramiro Rivera, ex-profesor xefe do servicio de ciruxía cardiovascular do hospital Gregorio Marañón, o único supervivente do equipo médico que tratou a Franco dunha tromboflebite uns meses antes de cascar. O tipo aproveita agora para publica-lo acontecido neses días, e entre outras cousas asegura que a causa máis probábel da tromboflebite de Franco foi que "se lle deu por estar tanto tempo sentado nese sillón baixo, durante toda a fin de semana, vendo partidos de fútbol do Campionato Mundial de 1974, o que gañou a selección alemana á de Holanda na final".

portada_peq_franco_ha_muerto.jpg

Até este momento, e segundo as biografías do dictador, os trombos se debían á presión da caña de pescar sobre a ingle. Ramiro Rivera, que non sei se é mestre cervexeiro dende 1906, tira por terra esa teoría, e considera que pescar atúns ou salmóns de vinte kilos non é malo para a saúde, senón estar piltrado na casa vendo fútbol.

Así que xa sabedes, se non queredes rematar como o da foto, non se vos ocorra ver moito fútbol nas fins de semana no salón da casa, e moito menos sentados nun sillón non homologado pola UEFA. Se os partidos son por LaSexta, aparte de tromboflebite podedes rematar tamén mal da cachola. O que avisa non é traidor.

Chuzame! chuzame -

Arquivado en Espanholadas, Mundo viejuno-celebrities | 1 Grandísima aportación »

O gol de pene

13 de Novembro do 2007 perpetrado por otraveseiro

No xornal alemán Bild non paran de darlle voltas ao gol que lle marcou Mario Gómez, do Stuttgart, ao Bayern de Munich a pasada fin de semana. E todo polo feito de que o gol, segundo eles, foi ca chorra e tamén de chorra, pois ninguén é capaz de despexar nin de remata-lo balón, nin sequera Mario Gómez, ao que lle peta o balón nesa perigosa zona e se mete na portería defendida por Kahn.

O asunto é que no Bild destacan isto coma se fose o nunca visto, que "o lexendario Gerd Müller meteu unha vez un gol de cú, Uwe Seller ca parte de atrás da testa e Diego Maradona axudouse ca man de Deus. Pero ninguén marcou como Mario Gómez". Mentira cochina.

pollazo.JPG

A proba a temos na foto, que, ademais, é relativamente recente. Concretamente da pasada tempada, onde o dianteiro do Depor, Sebastian Taborda, marcou co pene perante o Valencia, á saída dun córner. Ao revés do xogador do Stuttgart, a Taborda non lle pegou o balón nalgún lugar entre o estómago e o muslo, como recoñece o xogador alemán. Taborda meteu toda a súa masculinidade para bater a Cañete, un gol por certo, que foi o único que marcou en Riazor até o de agora.

Posiblemente (bo, posiblemente non, fixo) Taborda non teña a calidade de Mario Gómez, que non custou 3 millóns de euros o 70% da súa ficha, que non sexa internacional por Alemaña, nin o seu "pichazo" llo marcara ao Bayern, pero eso non quita que metera un gol co pene moito antes que el, e de mellor factura sen dúbida.

Chuzame! chuzame -

Arquivado en Actualidade | 1 Grandísima aportación »

Sabino dame fariña

12 de Novembro do 2007 perpetrado por otraveseiro

Leo no xornal gratuíto QUE! que A Coruña é a segunda provincia, por detrás de Valencia, onde máis subiu o prezo do pan, un 45%. A asociacións de consumidores puxeron o berro no ceo, pois consideran que a suba é excesiva, e que aínda por riba a calidade do pan non mellorou. ¿E que ten que ver o pan co fútbol aparte que hai xogadores que andan empanaos polo campo? Pois a fotografía que ilustra a nova. A da esquerda, claro, a outra a engadín eu a xeito de información.

sabinpanadeiro.JPG

E é que o panadeiro que atende a esa velliña é un ex-xogador profesional de primeira división: SABIN BILBAO Bolumburu (Lujua -Biscaia-, 1960). Sabín ten a honra de se-lo autor do primeiro gol do Depor en Primeira División trala longa noite de pedra de case que vinte anos de ausencia, e chegou a formar parte do SuperDepor dos Bebeto, Mauro Silva e compaña na tempada 92-93.

Como vedes, Sabín Bilbao, a diferencia dos Maradona, Julio Alberto, Monsalvete e tantos outros, si que lle soubo sacar partido á FARIÑA.

Chuzame! chuzame -

Arquivado en Chámalle X | 1 Grandísima aportación »

Retransmisión de partidos con vodka

7 de Novembro do 2007 perpetrado por otraveseiro

Si, xa sei que algúns comentaristas de televisión narran os partidos que parece que están chuzas perdidos das paridas que din, incluso me atrevería a asegurar que máis dun lle dá á farlopa. Pero non, cando digo que se retransmiten partidos con vodka refírome á tecnoloxía VODKA (Vídeo on Demand Kernel Architecture), e que a puxo en funcionamento o mes pasado a web do Depor para retransmitir un encontro do seu filial, o Fabril Deportivo, perante o Raio Vallecano.
vodka2.JPG

Na crónica do partido destacan que o mesmo foi seguido en Canaldeportivo.tv por 2.690 espectadores, a meirande parte deles conectándose dende Rusia. Estou por apostar que se en lugar de VODKA a tecnoloxía aplicada fose LT (licor de toxo) a audiencia do país sería moito maior, por aquelo de ser producto autóctono.

Chuzame! chuzame -

Arquivado en Idas de olla | Comenta, non sexas rata »

Apoiamos a Isaac Díaz Pardo