Que veñen os invasores!

25 de novembro do 2007 perpetrado por otraveseiro

Joseph Blatter, presidente da FIFA, considera que habería que modificar a política de nacionalización dalgúns países para evitar que nos vindeiros anos haxa seleccións nacionais que estean cheas de futbolistas non nados neses países, e que se podería perde-la esencia dos partidos internacionais. Até aí ben. O malo é o xeito que ten de dici-lo, dando unha visión apocalíptica do tema, que máis que unha opinión parece o guión dunha peli desas americanas dos anos cincuenta onde cutres extraterrestres invadían a Terra cos seus traxes de felpa ca súa correspondente cremalleira nas costas.

os-invasores.JPG

Isto é o que dixo Blatter: "No Brasil hai 60 millóns de xogadores, e se non nos coidamos dos invasores do Brasil, non só hacia Europa, Asia ou África, a Copa Mundial do 2014 ou do 2018, dos 32 equipos poderiamos ter 16 cheos de xogadores brasileiros".

O guión da película viría a dicir que 60 millóns de alieníxenas brasileiros invaden o mundo chegados nunha flota de xigantescos pratiños voantes. Son hostís e despiadados, se alimentan dos nenos das categorías inferiores e aos maiores os van suplantando pouco a pouco, quedándose con algúns poucos para usa-los coma escravos limpabotas ou para chupar banquiño no mellor dos casos.

No 2018 apenas quedarán xogadores nacionais, só brasileiros, e na selección española tan só haberá un xogador español, Raúl González, que sobrevivirá grazas a que segue a durmir na súa cámara hipóxica, tamén coñecida como habitación da eterna xuventude.

Chuzame! chúzame -

Arquivado en Actualidade |

Comentarios

  1. Djukica Escribiu:

    O Blatter ese creo que lle da ós canutos máis da conta, non é a primeira vez que se lle vai a pinza, lembro cando non hai moito quería prohibir os partidos internacionais en Ecuador, Perú e non sei onde mais polo “mal de altura”…

    Ponte zancas ou zocas Blatter, pero deixa de dicir memeces e xubílate, que xa vas vello filliño.

Deixar comentario

Nota: Pode que o comentario tarde en se publicar, porque pode estar esperando moderación.

Apoiamos a Isaac Díaz Pardo