O árbitro endrogao
8 de decembro do 2007 perpetrado por
otraveseiro
Os árbitros inflúen nos resultados, esa é unha verdade coma un piano. Dende sempre, dende que se inventou o fútbol e a figura do árbitro. Ao longo da historia as decisións arbitrais conlevaron descensos de categoría de equipos, títulos non acadados, perdas millonarias por quinielas non acertadas... Ca de asasinatos que se levan a cabo a diario por motivos de cartos e sentimentais, non entendo coma non morreron máis árbitros, mais este xa é un tema para o equipo de Iker Jiménez e "Cuarto Milenio".
¿Qué leva a un árbitro a influír nun resultado? Motivos, uns cantos.
1. Porque son humanos e erran.
Teñen que tomar unha decisión en segundos, e ante a presión ambiental ou dos xogadores ás veces se trabucan. Animalicos.
2. Por discapacidade física.
Porque non ven burro a tres pasos ou ven perfectamente pero coma non poden co cú, seguen a xogada dende tan lonxe que resulta imposíbel ve-la con claridade.
3. Porque están sobornados.
Aos de categorías superiores non lles chega con estar pluriempregados, cobrar dietas e unha pasta gansa por partido, pois algúns se deixan sobornar para que gañe un o outro equipo. Isto tamén se deu dende sempre, e curiosamente en España, país de pandeireta por excelencia, o premio anual ao mellor árbitro de Primeira División leva o nome de Guruceta Muro, con antecedentes por tongos. Este ex-colexiado, xa falecido, está máis que probado que amañou un Anderlecht-Nottingham Forest, semifinal da UEFA de 1984, aceptando 18.000 libras do equipo belga. E a saber nos que participou que non se soubo.
4. Por razóns sentimentais.
Os árbitros tamén son afeccionados, e teñen as súas predileccións por determinados equipos. Se están adscritos a un determinado colexio non poden arbitrar aos equipos desa zona, pero iso non quita que fodan a outros equipos para beneficiar aos seus. A proba a temos en que despois de retirarse os hai que traballan en clubs de fútbol, como Díaz Vega no Sporting de Xixón ou Evaristo Puentes Leira no Pontevedra C.F.
5. Porque están drogaos.
Como o caso do acontecido o mes pasado nun partido da Rexional catalana. O partido enfrontaba ao Súria e Can Parellada. Gañaron os primeiros por 4 goles a 2, sen embargo o árbitro puxo no acta que remataron 3-3. Decisión salomónica e ao carallo. Incluso o equipo perdedor recoñece a victoria do Súria, pero o árbitro insiste en que empataron, ante a sorpresa de propios e estraños.
A Federación Catalana levará ao colexiado a un careo ante os dous equipos, pero todo indica que o tipo seguirá nas súas trece. Polo tanto, como non hai vídeo do partido, o máis probábel é que se manteña o empate que reflexou no acta o individuo este. Non sabemos o careto que ten Rafael Cano Florido, que así se chama o tipo, pero seguro que se parece moito ao da foto.
chúzame - Arquivado en Chámalle X |



