Os manicomios de “Balaídos” e “El Sardinero”
10 de decembro do 2007 perpetrado por
otraveseiro
Que o teu equipo gañe na casa despois de remontar un resultado adverso e que isto serva para colocarse en posicións privilexiadas... non ten porque ser bo, cando menos para os afeccionados, aos que lles provoca unha loucura colectiva. Alomenos iso pensan os do xornal deportivo madrileño AS.
O Racing de Santander gañou onte ao Mallorca na casa, e con remontada, e serviu para situarse en postos de UEFA e a só dous puntos dos de Champions League. En "El Sardinero" non están acostumados a verse tan altos na táboa clasificatoria, así que isto provocou que Santander enlouquecera así, de repente. O que non entendo é coma os sufridos afeccionados cántabros non tolearon antes, tendo que escoitar antes de cada encontro o himno do Rácing interpretado por David Bustamante.
O Celta venceu tamén na casa fronte ao filial do Sevilla, e, como en Santander, remontando resultado e valendo para aproximarse aos primeiros postos (ollo, de Segunda). Polo visto, tamén se desatou a tolemia, aínda que neste caso xa non me sorprende tanto, sobretodo cando me lembro das retransmisións e resumos do Celta na TVG, onde sempre estaban berrando con cada gol/victoria que "¡¡Balaídos vense abaixo, Balaídos vense abaixo!!". E aínda segue en pé.
Ao final nas tendas de merchandising de ámbolos dous equipos van ter que troca-las camisolas a vender dos equipos por unhas camisas de forza. Eso si, cos nomes dos xogadores impresos nas costas, e en vez de gorriños venderían embudos. E agora que están tan de moda muda-los nomes dos campos de fútbol, "El Sardinero" se podería trocar por "El Majadero", e o "Estadio de Balaídos" por "Frenopático Municipal de Balaídos".
chúzame - Arquivado en Idas de olla |


