A semana de “El Puma”
14 de decembro do 2007 perpetrado por
otraveseiro
O venres da semana pasada cambiando de canle topo co programa franquicia da TVG, o casposo Luar, onde nese mesmo intre está a cantar (por suposto, en playback) o venezolano José Luís Rodríguez, El Puma. Interpreta, ante o delirio do público, un tema case que inédito, un que tocou moi pouco ao longo da súa carreira artística, 1.000.000 de veces máis ou menos, "Pavo Real": Numerao, numerao, viva la numerasión, quien ha visto matrimonio sin correr amonestasión... pavo real, uh, pavo real, uh. Había tempo que non o vía, e está igual que sempre, Corporación Merdostética fixo un bo traballo dende logo.
Pois onte leo en Bar Deportes que alguén debería dicirlle a Joan Laporta, presi do Barcelona, que o seu peitado cada día se asemella máis ao de El Puma, acompañando esta anotación cunha foto do ínclito. Eu pensando que levaba tempo sen saber do cantante (?) este, e en pouco tempo mo lembran dúas veces. Pero non sería a derradeira nunha semana.
Hoxe estou a botar unha ollada a un exemplar antigo dunha revista futboleira e no apartado do Real Betis me topo co fulano da foto, J.L . "El Puma" Rodríguez. Futbolísticamente non lembro como xogaba, non podo dicir se era bo ou malo, pero o que si teño claro son tres cousas:
- Ten o cabelo como Evo Morales,
- De faciana é cagado ao ex do Madrid, Roberto Carlos.
- Por último, e o máis importante, se chama igual e ten o mesmo alcume que o cantante venezolano que atopo ultimamente até na sopa.
¿Casualidades? ¿serendipias? E menos mal que a marca que vestía ao Betis daquela era Hummel, que si chega a ser Puma, xa me dá algo.
chúzame - Arquivado en Chámalle X |



