O árbitro endrogao

8 de decembro do 2007 perpetrado por otraveseiro

Os árbitros inflúen nos resultados, esa é unha verdade coma un piano. Dende sempre, dende que se inventou o fútbol e a figura do árbitro. Ao longo da historia as decisións arbitrais conlevaron descensos de categoría de equipos, títulos non acadados, perdas millonarias por quinielas non acertadas... Ca de asasinatos que se levan a cabo a diario por motivos de cartos e sentimentais, non entendo coma non morreron máis árbitros, mais este xa é un tema para o equipo de Iker Jiménez e "Cuarto Milenio".

arbitro-endrogao.jpg

¿Qué leva a un árbitro a influír nun resultado? Motivos, uns cantos.

1. Porque son humanos e erran.
Teñen que tomar unha decisión en segundos, e ante a presión ambiental ou dos xogadores ás veces se trabucan. Animalicos.

2. Por discapacidade física.
Porque non ven burro a tres pasos ou ven perfectamente pero coma non poden co cú, seguen a xogada dende tan lonxe que resulta imposíbel ve-la con claridade.

3. Porque están sobornados.
Aos de categorías superiores non lles chega con estar pluriempregados, cobrar dietas e unha pasta gansa por partido, pois algúns se deixan sobornar para que gañe un o outro equipo. Isto tamén se deu dende sempre, e curiosamente en España, país de pandeireta por excelencia, o premio anual ao mellor árbitro de Primeira División leva o nome de Guruceta Muro, con antecedentes por tongos. Este ex-colexiado, xa falecido, está máis que probado que amañou un Anderlecht-Nottingham Forest, semifinal da UEFA de 1984, aceptando 18.000 libras do equipo belga. E a saber nos que participou que non se soubo.

4. Por razóns sentimentais.
Os árbitros tamén son afeccionados, e teñen as súas predileccións por determinados equipos. Se están adscritos a un determinado colexio non poden arbitrar aos equipos desa zona, pero iso non quita que fodan a outros equipos para beneficiar aos seus. A proba a temos en que despois de retirarse os hai que traballan en clubs de fútbol, como Díaz Vega no Sporting de Xixón ou Evaristo Puentes Leira no Pontevedra C.F.

5. Porque están drogaos.
Como o caso do acontecido o mes pasado nun partido da Rexional catalana. O partido enfrontaba ao Súria e Can Parellada. Gañaron os primeiros por 4 goles a 2, sen embargo o árbitro puxo no acta que remataron 3-3. Decisión salomónica e ao carallo. Incluso o equipo perdedor recoñece a victoria do Súria, pero o árbitro insiste en que empataron, ante a sorpresa de propios e estraños.

A Federación Catalana levará ao colexiado a un careo ante os dous equipos, pero todo indica que o tipo seguirá nas súas trece. Polo tanto, como non hai vídeo do partido, o máis probábel é que se manteña o empate que reflexou no acta o individuo este. Non sabemos o careto que ten Rafael Cano Florido, que así se chama o tipo, pero seguro que se parece moito ao da foto.

Chuzame! chúzame -

Arquivado en Chámalle X | Comenta, non sexas rata »

A outra constitución

6 de decembro do 2007 perpetrado por otraveseiro

futbolembarrao2.JPG

Xogar ao fútbol nun campo embarrado non é doado, a pelota non roda, e hai que tripicar o esforzo porque os pés se che cravan no chan. Ademais, canto máis se xoga peor se pon o terreo de xogo. Se a iso engadimos que as condicións metereolóxicas son adversas porque chove, debe facer un frío que pela e as protagonistas están a xogar lixeiras de roupa...

Polo tanto, hai que ter unha boa constitución física, e estas rapazas sen dúbida algunha a posúen. Nós, polo contrario, non creo que poidamos dici-lo mesmo, en tódolos sensos da palabra.

Dúas dúbidas, para rematar: ¿Alguén interesado na Carta Magna se pode topar con está merda pesquisando en internet? ¿Subirían as visitas se editara o título trocándoo por "modelos asiáticas en roupa interior xogando ao fútbol sobre superficie embarrada"?

Chuzame! chúzame -

Arquivado en Idas de olla | 1 Grandísima aportación »

O que se mova non sae na foto

4 de decembro do 2007 perpetrado por otraveseiro

Ou ao mellor si que saes, pero facendo o ridículo. É o caso da fotografía que acompaña a esta anotación, escaneada dun vello Don Balón Extra da tempada 89-90. Isto é o que aconteceu. O Valencia se presenta ante a súa afección, e tralos discursos de rigor e as fotos individuais, o equipo se dispón a pousar para a posteridade.

quiqueflowers.JPG

Non se deixa nada para a improvisación. Os xogadores se poñen en tres ringleiras. Na de enriba, de pé sobre un banco pousan varios futbolistas, nas esquinas e no medio os porteiros. Na ringleira do medio, de pé, máis xogadores, cadrando no medio o presidente escoltado por adestrador e preparador físico e nas esquinas masaxista e médico.

Finalmente, queda a ringleira de abaixo. Os futbolistas pousan sentados, nas esquinas o fan sendos utilleiros. E no medio da foto nos atopamos co panoli este, Quique Sánchez Flores. Á súa esquerda (non se ve) ten a Eloy Olalla, enriba ao presidente daquela, Arturo Tuzón, xunto ao preparador físico, un tal Modesto Turren, que parece indicarlle ca man que faga coma Revert (o compañeiro á dereita de Quique), que mire fixamente para a cámara e que pare de facer o subnormal.

Mais Quique fai caso omiso, e lle pide ca man ao fotógrafo que agarde sen tira-la foto até que remate de calzarse. É dicir, poñerse a bota, atala cos cordóns no nocello, á vella usanza, e colocando a lengüeta para que lle vexa ben a marca que o patrocina. Así era Quique, un xogador mediocre ao que vías sempre impoluto no campo, engominao, ca camisola por dentro do pantalón... Hai outra foto da plantiña da 91-92 onde sae tamén sentado e é o único con espinilleiras, algo ridículo se temos en conta que non ían a xogar ningún partido, como moito unha pachanga tipo adestramento.

Igualiño que agora, que en vez de estar nun banquiño parece que vai a unha voda, co abrigo, a bufanda de cadros ben anudada e engominao, iso sempre. Cando o botaron do Valencia hai unhas semanas dixo que perdía un cargo pero gañaba unha vida. Eu penso que o fútbol gaña moito sen a súa presencia, pero tamén perdemos un bo pallaso para as roldas de prensa e os banquiños.

Chuzame! chúzame -

Arquivado en Odioteca | 3 Grandísimas aportacións »

A sesión de baño e masaxe

3 de decembro do 2007 perpetrado por otraveseiro

Que os futbolistas profesionais son uns privilexiados non é ningún segredo. Namentres un currante normal traballa 40 horas semanais (como mínimo) para cobrar unha merda, os futbolistas o fan unhas 18 (sendo moi xeneroso) para montarse no dólar. E facendo o que lles gusta e saben facer, algúns nin sequera iso, pero agora non é momento de falar dos denominados paquetes ou torcebotas.

Pois dentro desas longas xornadas laborais dos nosos amigos os futbolistas hai un apartado coñecido coma SESIÓN DE BAÑO E MASAXE. Consiste en meterse en jacuzzis (sen mulleres, só fodería) para relaxarse e pasa-lo rato principalmente, e recibir masaxes por parte de profesionais da materia. Pois grazas a Walter Pandiani, xogador do Osasuna, descubrimos que hai futbolistas que se saltan esas duras sesións. Se escaquean, se as saltan... en definitiva, faltan ao traballo.

jacuzzi.JPG

Pandiani xogaba no Depor, e cada vez que se enfronta ao seu vello equipo, os xornalistas, para meter cizaña e vender xornais, o entrevistan. Neste caso foi o AS, que lle pregunta entre outras cousas que "¿Pode poñer algún exemplo daquela situación?" (da falta de profesionalidade naquel equipo) Resposta: "Si, nos días de baño e masaxe algúns non ían a adestrarse, e o técnico (Irureta) nin se enteraba de quen pasaba e quen non por Abegondo. Moitas veces ía despois do adestramento a toca-las chanclas que estaban nas taquillas, era o único xeito no que controlaba se se saltaran a sesión ou non".

Se é que esas verbas son certas, que ten toda a pinta de que si, sacamos dúas conclusións:
1. A xente normal da rúa paga, e bastante, por esas sesións en centros especializados.
2. Os xogadores cobran por asistir a elas e os moi fillos de puta non van.

E logo está o estraño xeito do adestrador de comprobar se os xogadores faltan ao traballo. Non hai máquina de fichar, nin un empregado que o informe ao xefe quen non acudiu a traballar, non. Irureta adícase a toca-las chinelas, como diría a miña nai, para comprobar se están molladas, co grave risco de contraer fongos nas mans, aparte do lamentábel da imaxe dun tío hurgando nas taquillas alleas, aínda que sexa o que manda.

Chuzame! chúzame -

Arquivado en Chámalle X | Comenta, non sexas rata »

Entradas Posteriores »

Apoiamos a Isaac Díaz Pardo