Ascenso feito con formigón armado
9 de xuño do 2008 perpetrado por
otraveseiro
Gracias a Otomano me enteiro de que hoxe se cumpren dezasete anos do último ascenso do Deportivo a Primeira División, nun partido fronte ao Murcia. Como pasa o tempo, xa van dezasete anos menos un día dende que Lendoiro na balconada do Concello berrara á enfervorizada afección aquelo de "¡¡¡Barça, Madrid, xa estamos aquí!!!", e todo deus lle seguiu o roio e berramos con el. Un lema que era unha especie de advertencia de que xa estabamos aquí para ser unha alternativa ao poder establecido deses dous clubes. Unha auténtica utopía que se converteu en realidade arredor de dez tempadas.
Como acompañamento a este feliz cumpreanos tiven que escoller unha foto entre un cento delas que se tiraron nese día e nos seguintes. Puiden poñer unha do famoso incendio da cuberta de Riazor en pleno partido; do oportunista do ex-alcalde Paco Vázquez índose de deportivista de pro no campo e nas celebracións (o Depor lle imorta e lle importaba un carallo); Lendoiro, sen papada, dándose bicos e apertas con Arsenio (impensábel a día de hoxe); xogadores visitando ás institucións moi ben vestidos... daquela (chaquetas horteiras, garabatas feísimas e camisas con debuxos de leucocitos e amebas); e por suposto, seareiros no estadio, nas rúas, nos bares e na fonte de Catro Camiños.
Sen embargo opto por poñer unha que, sen ser moi chamativa, encaixa perfectamente cos tempos que corren, por aquelo da folga de transporte e as súas pertinentes mobilizacións, de feito, a foto semella unha manifestación de transportistas. Mais se trata das que se fixeron chamar formigoneiras do ascenso, camións cementeiros pintados cas cores branquiazuis e que se achegaban en caravana até A Coruña montando un follón da hostia a base de bocinazos. A partires dese ano, e en adiante, sempre aparecían nas grandes citas do Deportivo.
chúzame - Arquivado en Mundo viejuno-celebrities, Xentes da grada |


