Hamburgo, non apto para menores
31 de xullo do 2008 perpetrado por
otraveseiro
O xornal deportivo do para-anormal por excelencia, o Marca, de cando en vez deixa algunha páxina libre para falar doutras posíbeis fichaxes do Madrid que non sexan Cristiano Ronaldo, ou, como eles poñen sen ruborizarse, CR7. Ben, pois como dicía, ultimamente deixan un pequeno oco para ocuparse de Rafael Van der Vaart, centrocampista holandés do Hamburgo. A ese vou, ao Hamburgo, un histórico clube alemán que sen dúbida ten un dos emblemas máis feos do panorama futbolístico mundial.
Supoño que eses rombos significarán algo relacionado coa cidade ou a saber, pero que bueno, o ideal sería que estiveran rodeados de algo máis, do nome do clube, ou das iniciais, cando menos. Isto me lembra que de cativo, cando botaban unha serie ou película non apta para menores poñían un par de rombos na esquina superior dereita da pantalla, equivalente ao actual simboliño vermello co 18 dentro. Automaticamente o raparigo de turno tiña que recolle-los bártulos e pirarse para a cama porque na meirande parte dos casos esas películas as botaban pola noite e ademais ao haber só dúas canles non había moitas opcións de que puideses ver nada. A diferencia radica en que hai vintecinco anos lle poñían os rombos a todo o que se movía, coma por exemplo a series como Dallas, que a día de hoxe sería para tódolos públicos fixo.
Porque no ano 2008 non ten importancia algunha ver a XR poñéndolle os cornos á súa señora, Sue Ellen que saía borracha perdida se ao fin e ao cabo é ficción, cando podes poñer El Diario de Patricia ás seis da tarde onde sae xente da rúa contando as súas experiencias co adulterio, as drogas, o alcohol...
Cos programas do corazón pasa tres cuartos do mesmo, saen en directo famosiños de terceira división berrando como tolos, dicindo tacos e contando tódalas súas miserias. Se puxeran un escudo do Hamburgo por cada merda que sae na tele a esta se lle remataría por chamar A Hamburguesa.
chúzame - Arquivado en Enxendros |




