Para que entredes en calor

30 de novembro do 2008 perpetrado por otraveseiro

Coido que a estas alturas xa ninguén pode poñer en dúbida dúas cousas: estes días fai un frío que pela e os comentaristas e visitantes habituais deste blogue están máis saídos que un mono. E digo eu que se lles sube a libido ollar medio corpo dunha rapaza á que nin sequera se lle ve a faciana, moi brancucha e delgada coma un bacallau, en actitude agresiva e rodeada de madeiros... ¿como se porán con estas oito?

Ademais estas tamén son compañeiras da anterior. Pertencen todas ao Kolectivo Sur, peña de xóvenes seareiros xerecistas, e de seguro á súa sección feminina. Segundo as súas camisolas, catro son militantes anticadistas (de negro e escudo do Cádiz á papeleira), tres pertencen á A.M.V (Agrupación de Mujeres Violentas), cuxo nome está baseado nun tema antimachista dos Def Con Dos; e a oitava en discordia está coma independente polos MODS. Os ollos non llos podemos ver porque prefiren mante-lo anonimato e eu o respeto, pero se queredes ver mellor os outros atributos teredes que premer na imaxe para ampliala.

Chuzame! chúzame -

Arquivado en Elas tamén xogan | 3 Grandísimas aportacións »

Merenda pasada pola batidora

27 de novembro do 2008 perpetrado por otraveseiro

Disque á cebra da Juventus de Turín lle gusta merenda-la flor de Lis símbolo de Florencia e do escudo do clube da cidade, a Fiorentina (clickar na imaxe para ve-la máis grande). Polo que se ve, a Juventus non fai honor ao seu nome, ten seareiros bastante puretas.

Sen embargo, despois da visita dos juventinos ao campo do Zenit ruso, van ter que pasa-la flor pola turbes, como di a miña nai, porque a cebra quedouse sen piños para masticar. Seguindo cos parecidos razonábeis dos últimos días, o vello de abaixo, o das gafas de sol e gorra da primeira foto, ten certo parecido co crítico de cine Carlos Pumares, famoso por ser unha persoa dialogante e que non se alporiza nunca con ninguén.

Chuzame! chúzame -

Arquivado en Xentes da grada | 1 Grandísima aportación »

Queremos de cobrar

26 de novembro do 2008 perpetrado por otraveseiro

Os xogadores do CD Leganés, da Segunda B, sairon o outro día ao campo no partido fronte ao Mérida (1-2) cunha faixa na que pedían axuda porque levan non sei cantos meses sen cobrar. Nótase que non teñen experiencia neste eido, porque como todo o mundo sabe polo que ve na rúa, para pedir esmola e que cha dean, tes que dar mágoa. Para conseguilo, os do Leganés nun primeiro lugar teñen que sair cos uniformes rechamandeiros e as botas feitas unha merda; e despois que a mensaxe conteña clásicos dos esmoleiros coma que "teño fame..., teño seis fillos..., a miña muller está no paro..., o meu pai está tullido..., miña nai está encamada..." Sería importante poñer que o que lles deas non será investido en viño, ou no caso dos futbolistas, en cubatas.

Tamén se pode incluir o habitual de que "máis triste que pedir é roubar", que incluimos neste exemplo, por suposto escrito con mala letra e faltas de ortografía, para dar máis peniña. Un texto por certo que non o escribín a man alzada, esa fonte de letra existe, e se chama skeetch.

Chuzame! chúzame -

Arquivado en Chámalle X | 2 Grandísimas aportacións »

Mulleres de armas tomar

25 de novembro do 2008 perpetrado por otraveseiro

Estas seareiras do Xerez Deportivo non parecen necesitar escolta policial, máis ben todo o contrario, e a ver quen se atreve a poñerlles a man enriba. A foto seguramente está tirada durante un corteo de afeccionados nun derbi co Cádiz. E aparte disto, atención ao sitio onde leva a caxetiña de tabaco a rapaza da esquerda e ao careto de circunstancias que pon o pavo de detrás, o cal ten un aire co xogador deportivista Sergio González, ao que lle darei estopa por aquí un día destes, como prometín.

Por certo, se algún ainda non se percatou de que vai isto, hoxe se celebra o Día Internacional Contra a Violencia Machista.

Chuzame! chúzame -

Arquivado en Elas tamén xogan | 7 Grandísimas aportacións »

Cambio radical

25 de novembro do 2008 perpetrado por otraveseiro

Jaume Huguet García, nado na localidade barcelonesa de Montcada i Reixac en 1959, foi un porteiro saído da canteira do Barcelona e que, aparte de no filial deste clube, xogou no Calvo Sotelo, Logroñés e Sabadell. Seguramente despois en máis equipos, pero cando pesquiso en internete sobre el sáeme a súa faceta máis artística, pois seica Jaume Huguet "caracterízase pola elegancia e sentimento melancólico que imprime ás súas figuras, no que pode atisbarse a influencia italiana". Está claro que por moito arte que lle dera ás súas estiradas, este Huguet non é o porteiro, senón un pintor catalán do século XV. Pero este blogue non é de pintores, en todo caso de pintamonas, así que falarei do Huguet futbolista, que se apresentou no vello Las Gaunas co Logroñés no verán de 1988 desta guisa. Así, en grande, para que se vexa ben.

Aínda que pareza mentira, eso que leva na cabeza non é un gorro ruso coas orelleiras para arriba, senón o seu cabelo natural. O leva peiteado con cepillo de cabalos (polo menos) e para diante, en seco, sen ningún tipo de gomina ou crema, e sen patillas, como se levaba por esas datas, e o flequiño tapándolle as cellas. O aceno que pon é bastante lamentábel, como de estreñido, e a camisola que escolleu peor aínda, parece un pixama de cor rosa pálido e gris, e non ten nin o escudo do Logroñés nin a marca do fabricante. Polo que se ve, o patrocinador negouse a figurar nese adefesio de camisola, así que o taparon cun esparadrapo.

Moi mal por Huguet, que lle importaba tres pementos que ese día se tirarían fotos para o Extra Don Balón, que quedarían para a posteridade para que algún día nos puideramos rir del, aparte dos seus fillos e netos. Pero o bo de Jaume é que aprendeu a lección, e xa nas ringleiras do Sabadell, dous anos máis tarde, voltou a pousar para a mesma revista.

Non ten nada que ver co anterior, e até parece que non e feo, e todo. Repito, parece que non é feo, porque o segue a ser. Mesmas pelambreiras, pero desta vez peiteadas para atrás cunha lixeira raia ao medio, para que lle podamos ve-la súa magnífica fronte. Sorriso profidén e divertida pose, con brazos en xarra, como cando ves na praia que algún está disimuladamente mexando no mar, parado sen meterse moito, coa auga pola cintura e cara de satisfacción. A camisola non é tan horteira para o que se levaba daquela, é da marca Uhlsport, un clásico en luvas e camisolas de porteiros, cuxo anagrama o leva tapado porque ao Sabadell entón o vestía Kappa. Non podo dicer que así da gusto pero bueno... alomenos non parece un pitadeiro. Esta foto si que lla pode ensinar aos seus fillos, que tampouco significa que non o vaian putear igual.

Chuzame! chúzame -

Arquivado en Adefesios, Mundo viejuno-celebrities | 5 Grandísimas aportacións »

Varios moi variados (e moi galegos) (3)

23 de novembro do 2008 perpetrado por otraveseiro

-Queixumes dos pinos.

No campo de O Carral, en San Salvador de Sofán-Carballo-A Coruña, andan a balonazos cos pobres piñeiros que rodean o terreo de xogo. Este feo costume semella que ven de lonxe, porque ese balón ten toda pinta de tratarse do antigo, é mítico, Adidas Tango de finais dos setenta.

-Mercadotecnia de aí ao lado.

Hai clubes que fan todo o posíbel por espallarse noutros mercados vendendo productos propios en Asia ou Estados Unidos, por exemplo. No Deportivo se conforman con introducirse no puxante mercado oleirense (concello limítrofe coa cidade herculina) vendendo camisolas na tenda oficial con ese deseño. O raro do asunto é que respecten o topónimo oficial de Oleiros e non o de A Coruña. Para iso que poñan Alfareros-La Coruña-15179, ou xa que se van de internacionais co de sport beach, que poñan Potters en lugar de Oleiros.

-Este bus moito che tarda.

O C.D.Sigrás, da parroquia do mesmo nome, concello de Cambre (A Coruña), ten colocada unha marquesina de bus urbano nun dos fondos do seu campo. Se temos en conta que ese moble pertence ao Concello de A Coruña, e que os buses urbanos de alí non saen apenas fóra dos límites do municipio... xa poden agardar polo bus.

Chuzame! chúzame -

Arquivado en Chámalle X | 1 Grandísima aportación »

Un día nas carreiras

21 de novembro do 2008 perpetrado por otraveseiro

Cantaban os Platero y Tú que "me voy para el lugar, dos putas y un madero, y uno de los tres no es bueno". Isto é parecido, pero sería "me voy a las carreras, me encuentro tres borregos, y sólo uno es verdadero". Concretamente o do medio da foto, Matías Borrego, rodeado de Míchel Salgado e Raúl. A foto foi tirada o pasado domingo (e escaneada do Marca do luns) no hipódromo madrileño de La Zarzuela, onde son habituais estes xogadores, supoño que para tomar nota dos movimentos dos cabalos para logo eles comportarse igual no campo de fútbol, é dicer, moverse polo terreo de xogo como potros desbocados.

Polo visto Salgado ten una cuadra de cabalos chamada Cuadra Vigo, da que forma parte a xegua que foron ver competir o outro día, é que ten o curioso nome de Bética, (ou o que é o mesmo, seareira do Betis) que era montada polo tal Matías Borrego, que lucía un traxe 100% Real Club Celta de Vigo. Nin que dicer ten que non gañou. Quedou quinto, que vendo o percal tampouco está tan mal.

Chuzame! chúzame -

Arquivado en Odioteca | 5 Grandísimas aportacións »

20 de Novembro

20 de novembro do 2008 perpetrado por otraveseiro

- Día Universal da Infancia.

De máximo risco deben de se-los partidos da rexional alemana para que aos seareiros máis novos os engaiolen desa maneira. Polo menos teñen o detalle de ter buratos e non estar pechada por arriba nin ser totalmente de cristal, porque doutro xeito, se algún se lle dá por tirarse un peido...

- Día do Facherío.

Os xogadores do mítico Wimbledon FC dos oitenta saudaban deste xeito aos seus propios afeccionados. Hoxe repetimos saúdos, pero cos nostálxicos do franquismo coma destinatarios dos mesmos.

Chuzame! chúzame -

Arquivado en Actualidade, Mundo viejuno-celebrities, Xentes da grada | 4 Grandísimas aportacións »

« Entradas Anteriores

Apoiamos a Isaac Díaz Pardo