Galiza vs. República Chilena do Irán
26 de Decembro do 2008 perpetrado por
o traveseiro
Mañá e pasado se celebran os encontros da selección galega de fútbol, masculina e feminina, na Coruña e Pontevedra respectivamente, e esta tarde fun mercar as entradas para o primeiro deles. Esta é.
Polo que se ve, Galiza enfróntase a Chile. Mentira cochina, a selección á que nos enfrontamos é á de Irán. ¿E por que carallo pon que é perante Chile? Porque inicialmente era contra os que iamos xogar, pero por mor de non sei que problema da Federación Chilena co sindicato de futbolistas se rompeu o contrato coa Federación Galega, e esta, ás presas, tivo que procurar outro contrincante (Irán). As entradas xa estaban impresas e, sen tempo, gañas ou cartos para facer unhas novas, se puxeron á venda estas de Galiza vs. Chile.
Non deixa de ser unha curiosidade, que me recorda a final da Copa de 1995, Depor-Valencia, a do diluvio. Resulta que o partido, tras suspenderse pola choiva, se tiña que reanudar tres días máis tarde, e aos afeccionados que queriamos repetir nos valía a mesma entrada. Co roio da auga moitas entradas estaban moi deterioradas ou completamente rachadas, así que os «restos» delas se podían canxear no Clube por unhas novas. O problema é que tampouco había, así que a Federación Española enviou outras impresas coa final ficticia de Deportivo-ALBACETE, que era o que se enfrontou ao Valencia nas semifinais. Supoño que tamén terían impresas unhas con Valencia-Sporting e de seguro que as que non tiñan feitas eran as dunha hipotética final Sporting-Albacete. Casi imposíbel que se clasificasen os dous xuntos, pero coas coñas casi acontece.
Por outra banda, confirmar que os empregados que me atenderon teñen a mesma cara de amargados vendendo entradas do Depor que dun partido amigábel da Selección Galega. O prezo era de oito euros, e seis para os socios do Deportivo cousa que me enterei alí mesmo, porque o lin. Eu ía mercar catro pero como só tiña o meu carnet díxenlle que me dera unha que xa mañá virían a polas outras (hai que mira-la peseta, que dous euros dan polo menos para unha garimba) e o tipo me di que «Pero a túa non será correlativa coas deles e non poderedes estar xuntos». Naturalmente a collín igual. Esta xente aínda non se enterou que nesta clase de partidos cada un se senta onde lle sae do carallo, que ninguén anda buscando a súa localidade e se así fose, sería imposíbel atopala por dúas razóns:
1. Nesa bancada a metade das butacas están sen numerar pola gran cantidade de veces que se subsitúen.
2. As numeradas están tan cheas de merda que non atopas o número pintado nin facéndolle raios X.
Arquivado en Actualidade |
5 Grandísimas aportacións »





Decembro 28th, 2008 ás 11:44 p.m.
por alí andiven eu tamén, tomando unhas garimbas nos bares de diante de Riazor e tamén un bocata nunha xamoneria da rúa do Orzán, «la flor de nonseiqué», que bo estaba carallo, polo demais, salienta-lo partido de Novo e o penalti que de libro que non lles asubiaron aos de Irán, e hoxe tunda das rapazas en Pasarón.
A ver se para o vindeiro ano temos o campo rematado e veñen a xogar aqui, o mellor o partido e o ambientazo previo polas rúas da Coruña, inda que «protexidos» de máis, ademais este ano houbo menos xente, seria polo lio dos equipos e tal que algún acabou ata o carallo.
Un saúdo traveseiro
Decembro 29th, 2008 ás 2:43 p.m.
Teño eu unha desas do Deportivo-Albacete. A final que nunca existiu.
Decembro 29th, 2008 ás 4:43 p.m.
-O Ferreiro.
A xamonería chámase «La Flor del Jamón». Famosa polos seus boísimos bocatas frescos e os que tiña no escaparate durante meses, co pan duro e o xamón perdido.
-Otomano.
Esa entrada xa valía unha pasta polo que siñificou aquel minipartido, pero máis aínda polo feito de que fose contra o «Albacete».
Decembro 30th, 2008 ás 7:31 p.m.
Manda carallo que nun partido así a xente de fora teña que estar protexida de máis.
Xaneiro 3rd, 2009 ás 4:29 p.m.
[...] Los gallegos también dieron sus protestas por tan inusual boleto de entrada, en el blog especializado O traveseiro. [...]