Os imos chorrear

27 de febreiro do 2009 perpetrado por otraveseiro

Vicente Boluda, presidente do Real Madrid e que na Arxentina faría honor ao seu apelido, fala de chorrear, pero sen saber a que se refire exactamente. Non así estes ultras... ¿gregos?, que si que se pode dicer que os están a chorrear. Por non falar do pasotismo dos policias que, literalmente, levan á práctica ese dito Feito na Galiza de "Mexan por nós e temos que dicir que chove".

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Arquivado en Defecacións verbais, Xentes da grada | 2 Grandísimas aportacións »

A primeira de todas

26 de febreiro do 2009 perpetrado por otraveseiro

Esta é a entrada máis antiga que conservo dun partido europeo do Deportivo en Riazor. A dicer verdade, é a máis vella porque non hai outra anterior, pois é do primeiro partido que xogaron os coruñeses en Europa na súa casa, e iso que xa se disputaron uns cincuenta polo menos. A impresión da entrada é bastante cutre, era a mesma que a dos partidos de liga, con esa manía que tiñan de meter unha banda de cor polo medio, parecía unha etiqueta dunha botella de viño de Paternina. E o partido o lembro coma se fose onte, pero xa hai máis de quince anos, que se di cedo.

Daquela o Depor tiña que remontar un 1-0 do partido de Dinamarca, e o solventou sen problemas marcándolle cinco, por ningún do Aalborg. Claro que daquela os daneses eran uns barcos, e nós tiñamos a Bebeto, que anotou tres tantos, por dous de Claudio Barragán. Hoxe polo contrario hai que marcar un mínimo de catro para pasa-la eliminatoria, os do Aalborg son mellores que antes e, ademais, non temos a Bebeto, senón a Bodipo. A ver que se coce, nun par de horas o saberemos.

Por certo, a entrada de hoxe non a escaneo porque non a hai, os socios pasamos co carnet, de balde. Mil catrocentas pelas tiven que pagar en 1993, pero valiu a pena.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Arquivado en Actualidade | 9 Grandísimas aportacións »

Fernando Vázquez… “O Vingador”

25 de febreiro do 2009 perpetrado por otraveseiro

Fedellando polo Myspace ese de marras, e saltando coma un mono de árbore en árbore (neste caso de ligazón en ligazón)... fun dar co site dos Lovercans, unha banda viguesa de punk-rock. De seguro que non chegaría até eles se non me chamara a atención a súa ocurrente imaxe corporativa.

Nela aparece un que podería ser Clint Eastwood ou Charles Bronson suxeitando unha pistola na que reza "Toma polo cú", pero co careto de Fernando Vázquez, coñecido adestrador nómada que, a pesares de que non é moi pureta (ten 54 anos) xa pasou polos banquiños do Lalín, Racing de Ferrol, Lugo, Compostela, Oviedo, Mallorca, Betis, Las Palmas, Raio Vallecano, Valladolid, Celta e Selección Galega. Este mesmo deseño se pode levar nunha camisola que eles mesmos poñen á venda en edición limitada por 10 euros (O VINGADOR T-SHIRT).

Por certo que os Lovercans, na súa presentación en sociedade din unha frase que valería perfectamente para este blog: "...e moita moita retranca galega, que agardamos que saibades comprender e tomar dende o punto de vista coñeiro que gastamos os vigueses HAI PATADAS E PRA TODOS!!!! LoverCans- nunca te fies deles xa que ti podes se-lo seguinte-" Lles tomo a palabra, agás o de vigués, que se pode substituir sen problema.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Arquivado en Chámalle X | 1 Grandísima aportación »

Un equipo mercenario

23 de febreiro do 2009 perpetrado por otraveseiro

Hoxe fun toma-lo café a un sitio non habitual e, ao ver que non tiñan ningún xornal á vista, pregunteille á camareira se "¿Tes por aí algo de prensa?" Botou a man debaixo da barra e colleu unha chea dela namentres me facía unha abraiante pregunta: "¿Que prefires, deportivos ou de información?" A frase é reveladora, porque ven a dicer o que todo o mundo sabe, que os xornais deportivos non informan, dedícanse a encher páxinas de paridas.

Logo están os outros, que ás veces informan e outras desinforman, pero polo xeral poñen noticias e non estupideces máis propias da prensa rosa. Isto lémbrame tamén unha vez que pasaba por un centro comercial e me asaltou unha rapaza do Círculo de Lectores preguntándome se me gustaba ler, e eu, como tiña algo de presa, a quitei de enriba dicíndolle que "Sinto, pero non leo libros (mentira cochina) só xornais". E ela díxome "Ah, xa, xa... o Sport, o Marca, o As..." recibindo eu iso coma unha patada no fígado: "Bue, tampouco te pases, inculto son, pero non tanto". Este caso, coma o de hoxe, demostra a visión que teñen dos xornais deportivos e do palurdos que son os que os lemos, aínda que sexa coma min, para documentarse.

Dito isto, finalmente botei man do Xornal de Galicia, un clásico dixital que botou a andar hai pouco en edición impresa. Nas páxinas deportivas atópome con esta pérola:

Xa no corpo da noticia: "La apuesta por la cantera se vio refrendada con el empate de Adrián López ante un equipo, el Valencia, que no ha perdido el alma mercenaria de hace quince años, como pudo verse al final del choque o en el antideportivo gesto de Villa en la primera parte, cuando recibió el mandato de su banquillo de tirarse al suelo".

Como se pode comprobar, as "grandes" plumas non son propiedade dos xornais exclusivamente deportivos, pero iso si, seguen a ser unha boa canteira para os de información xeral, porque o que asina esta crónica é nada máis e nada menos que Xaime Calviño, que, coma director do Deporsport, xa se pasaba tres povos con todo cristo, un día si e outro tamén, na súa coluna de opinión diaria.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Arquivado en Baseado en feitos reais, Xornalistos | 2 Grandísimas aportacións »

Adolf Guti

22 de febreiro do 2009 perpetrado por otraveseiro

Me pasa Pableras un arrepiante documento gráfico onde aparece Guti cun look ao Hitler. Haberá algún que me veña co roio de que de hitleriano nada, que en realidade Guti vai de EMO, unha tribo urbana que se caracteriza porque os seus membros son supersensíbeis, lles molesta o sol, se queren suicidar (non caerá esa breva) e porque son tóxicos coma Guti. Aparte dese, está o tema de que non pode ser hitleriano un tío que se pon unha camisola coa imaxe do Che Guevara, como se destapou hai tempo nesta santa casa. Mais si que o é, e aporto dúas probas definitivas.

A primeira, o parecido físico de nenos, nun afastado pasado onde aínda non era posíbel abortar. Á esquerda, José María Gutiérrez Guti, e á dereita, como non podía ser doutra forma, o pequeno Adolfito Hitler no ano 1899. Non me digan que non están monos e que non é para axustizalos aí mesmo. ¡Que gran favor se faría á Humanidade!

A segunda, máis recente, o noso heroe pousando sorrinte cunha bufanda dos Ultrasur, coñecida banda de neonazis e mongólicos terminais.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Arquivado en Cuspidinhos, Odioteca, Puto Guti | 7 Grandísimas aportacións »

Varios moi variados (5)

20 de febreiro do 2009 perpetrado por otraveseiro

1. O tanga do Real Madrid

Atopar un pelo na comida (no prato de comida, malpensados) é bastante noxento. Se o pelo é duro, negro e rizado, pois máis noxo se cabe. Mais se aínda por riba o pelo tivo contacto con esta prenda íntima... entón xa é para estar poteando tres días seguidos.

2. Bético, e de amarelo

O Betis, un equipo que leva trece barras no seu escudo, non entendo como logo poden ser tan superticiosos para repudiar o amarelo de toda uniformidade... até hoxe.

3. O gol, polas nubes

Comentouse aí atrás que Souleiman Al-Fahim, propietario do Manchester City, está disposto a pagar 100 millóns de euros (uns 16.000.000.000 pesetas das de antes) polo dianteiro David Villa. E namentres esto acontece, un domingo si e outro tamén equipos se retiran da competición porque non poden pagar as ínfimas cantidades (se as comparamos co prezo de Villa) dos salarios dos xogadores. Eso os que non saen igual ao campo a face-lo paripé. A última, que non a derradeira, os do Talavera, de Terceira División, celebrando cun día de retraso o día dos namorados.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Arquivado en Idas de olla | Comenta, non sexas rata »

Ciencia infusa

18 de febreiro do 2009 perpetrado por otraveseiro

Este magnífico álbum do TMEO lémbrame a historia verídica que contara hai coma catro anos un foreiro deportivista. Se queixaba do trato que dispensaban as empregadas da tenda oficial do Deportivo aos clientes. Era unha época en que na Deportenda non entraba nin o gato, igual que agora, pero houbo uns días que estaba ateigada de xente debido a unha promoción especial da camisola do clube. Coido que tiñas que xuntar non sei cantos cupóns do xornal do Clube e por quince euros (ou por aí, moi asequíbel) a camisola oficial era túa, e logo se querías tamén te poñían o dorsal nas costas.

Atopei polo buscador a mensaxe orixinal e o compañeiro di o seguinte: "Este malestar chegou ao seu punto máximo o outro día cando unha señora que estaba diante miña preguntoulle á tía cando ían vir os números para poñerlle á camisola e a dependenta moi amablemente lle dixo: '¿vostede que se cre, que son adiviña ou que o vou saber por CIENCIA INFUSA? Veña outro día e se aínda non os temos pois xa volverá'" A miña teoría é que as rapazas non estaban acostumadas a ter tanto choio e se vían desbordadas, ou simplemente serían precarias, estarían puteadas polos seus encargadiños de turno..., pagando os clientes a súa mala hostia.

Mais aínda así a resposta da rapaza non ten xustificación, porque a unha señora non se lle pode falar así, non lle podes dicer que non o podes saber por ciencia infusa porque non che entende, porque ¿que é eso de ciencia infusa? A contestación ideal sería: "Non o sei porque ese saber non foi adquirido mediante o estudio nin tampouco me foi recibido directamente de Deus".

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Arquivado en Baseado en feitos reais | 2 Grandísimas aportacións »

Lotina tocapelotas

17 de febreiro do 2009 perpetrado por otraveseiro

Aconteceume esta anécdota hai unhas semanas no curro, e non a publiquei nese mesmo día porque como dicía Ramón Sánchez Ocaña, "Más vale prevenir..." O digo porque aínda que haxa unha posibilidade entre un millón que lle chegue aos seus oídos, que polo menos lle custe máis atinar quen era, non vaia a ser que me poña unha querela criminal. O sinto, míster Lotina, hai mala xente en todas partes. Foi así.

Se achega Lotina canda a min e dime: "Cóbrame anda, que la máquina del fondo se ha estropeao". Miro ao monitor e comprobo que o caixeiro de pago está correctamente en servizo. "¿Pero qué le pasó?" –lle pregunto- "Que no me coge las monedas". Miro para as mesmas e comprobo que están rodeadas de tanta roña que obviamente a máquina non distingue o seu valor. Lle cobro e lle digo que lle botaría unha ollada ao caixeiro a ver que lle pasaba, aínda que o que debería dicirlle se non tivera medo a perde-lo traballo é: "Amigo, si te quieres deshacer de las monedas asquerosas tíralas en la calle o dáselas a un mendigo, y si quieres tocar las pelotas vete a jugar al pádel (ver foto) pero no nos vengas aquí a joder".

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Arquivado en Baseado en feitos reais | 7 Grandísimas aportacións »

Árbitro miope, partido regalao

15 de febreiro do 2009 perpetrado por otraveseiro

A pasada fin de semana disputouse o encontro de xuvenís entre o Laracha e o Olímpico de Rutis, pertencente á 1ª Autonómica Galega. Chegouse ao descanso co resultado de 0-2, momento en que o colexiado, o señor Don Gonzalo Rodríguez Viñas, decide suspendelo. Os motivos os explicou no acta: "O partido foi suspendido no descanso debido á perda de ambas lentes de contacto no terreo de xogo, que impedía ve-las accións con claridade", engadindo que "Perdendo ambas lentes de contacto máis ou menos 10 minutos antes da finalización do primeiro tempo".

O presidente do equipo local, Don Xosé Manuel Ceide, comentou que "Imos reclamar á Federación Galega de Fútbol. No descanso, o árbitro díxonos que levaba 25 minutos sen lentillas e non 10 como puxo ao final do acta. Ademais, durante ese tempo pitounos seis fora de xogo, anulounos dous goles e concedeu o primeiro do Olímpico en claro fóra de xogo". O técnico do Laracha, Don Roberto Gómez, tamén mostrouse moi molesto co árbitro: "O primeiro gol ven precedido dunha falta e o segundo dun claro fóra de xogo. A un xogador meu non lle mostrou a tarxeta amarela porque non o vía".

Que un tipo que arbitre 10 ou 25 minutos (segundo as partes) sen ver un burro a tres pasos non é para tanto, pois a maioría dos de Primeira División non ven nada durante os 90 minutos. A min o que me escama é... ¿como carallo perdeu as lentes de contacto? Xa non unha, senón as dúas. E falo con coñecemento de causa porque eu as utilizo dende hai uns tres anos e só perdín unha nunha ocasión, e foi porque me frotei ese ollo con estrema violencia sen darme de conta que as levaba postas. Vou á praia con elas, non mas quito para nadar na piscina, nin para realizar ningunha actividade física, por eso non entendo como puido palma-las dúas.

De tódolos xeitos, para que non volva a acontecer algo parecido, propóñolle que salga ao campo ou ben coas lentes de contacto suxeitas con chinchetas, ou que se poña unhas gafas boas e con armazón e cristais ben resistentes, como estas de cu de botella de cervexa. Poderá receber hostias e balonazos, pero nunha lle romperán nin as perderá.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Arquivado en Chámalle X | 6 Grandísimas aportacións »

Mendieta pai, fillo e espíritu santo

13 de febreiro do 2009 perpetrado por otraveseiro

Halftown é un afeccionado do Racing de Santander e á súa vez socio e compromisario de Renaldinhos & Pavones, onde nun comentario dixo que en certa ocasión, pedíndolles autógrafos aos xogadores do Castellón, o croata Mladenovic presentoulle a un imberbe Gaizka Mendieta, que contaba daquela con dezasete anos, e que anos máis tarde se convertería na estrela do Valencia CF. Tanta estrela chegou a ser que até un presidente valencianista o calificou coma o morcego do escudo do clube.

Pois velaí tedes unha imaxe daquel Mendieta, todo un aposto mociño que, o que son as cousas, non tiña nin pelusiña no bigote e si bastante na cabeza. O digo porque cando se retirou hai pouco era exactamente o contrario, estaba calvo perdido pero en troques levaba perilla. E coma ultimamente non me prodigo moito, unhas veces por falta de tempo e outras porque estes días a conexión me vai máis lenta que a volta ciclista en bicicleta estática... pois o compenso tirando novamente do albume de cromos que teño da tempada 73-74. Desta vez o futbolista que ten a desgraza de pousar aquí é nin máis nin menos que o proxenitor de Gaizka, Andrés Mendieta Ocamica, daquela tamén integrante do Castellón (tamén xogou no Depor, por certo).

Os datos que aparecen na traseira do cromo son, ademais do nome a apelidos: "Guardameta. Nació en Lequeitio (Vizcaya) el 12 de febrero de 1945. Estatura: 1’89 m. Peso aproximado: 86 kilos. Internacional militar y aficionado". Gustaríame saber que tipo de internacionalidade é esa, militar e afeccionado. A miña teoría é que ao mellor naqueles tempos se che tocaba facer a mili por aí adiante aproveitaban e te seleccionaban para xogar bolos polo estranxeiro. Así, agora habería internacionais, pero non por España, eh!, senón por Afganistán, Bosnia ou Iraque. E os internacionais afeccionados pois serían coma Manolo el del Bombo, que dito sexa de paso, para completa-lo post váleme de Espíritu Santo.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Arquivado en Mundo viejuno-celebrities | 1 Grandísima aportación »

« Entradas Anteriores

Apoiamos a Isaac Díaz Pardo