No verán de 1988, emisarios do Espanyol de Barcelona desprazáronse a Austria para fichar ao máximo goleador daquela liga, o iugoslavo Zoran Stojadinovic. Mais a fichaxe non se levou finalmente a cabo porque o entón adestrador perico, un tal Javier Clemente, preferiu non ficha-lo a el senón ao seu reserva no Rapid de Viena, un xoven descoñecido chamado Peter Wurz. O rapaz fracasou, e aos cinco meses xa deixara o Espanyol namentres Stojadinovic marcaba goles para o Mallorca primeiro, e para o Deportivo despois. Seguramente se fichaxe polo Espanyol acabaría amargado por Clemente, como Lauridsen e Fernando Llorente entreoutros, retiraríase cedo e nunca xogaría no Depor, onde ano e pico bastoulle para triunfar. Na Coruña converteuse no heroe do ascenso de 1991, tendo lexións de fans.
Precisamente un deles, seareiro deste blogue, curiosamente reside en Austria, responde ao alcume de Estoja (en homenaxe a este futbolista), ten un blogue especializado en fútbol austriaco e alemán e é pluma ilustre de Renaldinhos & Pavones, onde se non homenaxearon a Wurz, xa están tardando.
Ben, pois resulta que o amigo Estoja ponme sobre a pista dun xornalista mítico en Alemaña que seica «é un ex-xogador de fútbol e, ademáis xogou no Real Madrid [...] envelleceu dunha forma que agora aseméllase bastante ó Fari: o nome do xornalista é Günter Netzer«.

Achtung! torito guapo
Que si se parece di… foder, é que son cuspidiños!! Imaxinemos por un intre que Netzer, en lugar de regresar a Alemaña, ficara para sempre en Madrid. Podería facerse igualmente xornalista deportivo, coma Michael Robinson, ou actuar de comentarista como Míchel, Butragueño ou Julen Guerrero (na versión somnolencia) ou xa en plan animado, coma Kiko Narváez ou Julio Salinas. Sería impagábel ver os partidos en LaSexta a Andrés Montes puteando a Netzer: «Günter! carabirubí, carabirubá, yo no sé que tienes que cada día me gustas más…!»
Aproveito a presente para botar man unha vez máis do meu album de cromos da tempada 1973-74 para escanear e engadir á anotación o de Netzer.

Ese branco nuclear pon en dúbida que o uniforme non sexa unha montaxe, coma máis de metade dos cromos que compoñen o album. A foto «carnet» parece sacada da ficha policial dun hippie xemano, e de corpo enteiro… miña madriña querida, semella un fotograma do terrorífico videoxogo Silent Hill, con ese escuro corredor con luces de tubo e esa pose coma de zombie que se gasta o tipo. É para cagarse pola pata abaixo, non si?
Como xa comentei nalgunha ocasión, os medios para truca-las fotos eran bastante arcaicos, pero para documentarse aínda era peor. Así, hai futbolistas aos que lle poñen onde naceu, a data de nacemento, peso, altura, de que clube proceden, internacionalidades… pero son poucos, porque a meirande parte deles non levan tódolos datos. É o caso de Menudo Es Mi Padre:
«Günter NETZER. Delantero. Es natural de Alemania y procede del Borussia Monchengladbach. Internacional en su país.» Información bastante escasa. Eu engadiría que «Cuando no entrena conduce un taxi a media jornada y canta copla en bodas, bautizos y comuniones».