Aínda estou consternado ao ler na imprensa esta mañá que Bebeto pásase á política, quere ser deputado polo Estado de Rio polo Partido Democrático Trabalhista. Nunca imaxinei que remataría metido en política. De feito, cando xogaba no Deportivo rodou un spot publicitario para a leiteira Leyma. Lembro que o irmán dun amigo do instituto traballaba como cámara na produtora do anuncio e dixéranos que botaran toda unha tarde para roda-los trinta segundos de spot porque a Bebeto custáballe aprende-lo guión… e iso que practicamente só tiña que dicer «Bebe deportivamente». Quen o verá agora dando un mitin.

Métome de cheo a coñecer máis da súa candidatura e o primeiro que acho ao entrar na súa páxina web é o cartaz, o cal semella un boleto de lotaría co engadido do logo do partido, que me dá bastante grima é non sei o por que. Disque o número é o que teñen que teclear os votantes se prefiren a súa opción. Os dous primeiros díxitos (12) corresponden ao partido e os outros tres elíxeos o candidato, neste caso (777) polo dorsal sete que lucía na Canarinha. Con estes dados, o normal é que o lema de campaña fose «Vota a Bebeto e tocarache a lotaría». Tal como está o patio os teclados botarían fume, todo deus botando por Bebeto. En fin… outras curiosidades que acho no seu programa:
-Non está polos cartos.
Todo quisque métese en política para medrar e montarse no dólar. Alomenos iso é o que pensa moita xente pola rúa (a miña opinión é que hai de todo). Bebeto, na súa carta de presentación, desbota esa idea, el non está polos cartos, que xa gañou dabondo co fútbol. Está para servir á sociedade e non para servirse el: «Não entro pelo dinheiro na política – já encontrei através do esporte a estabilidade. Minha obrigação com você – eleitor – é moral». Coma diría Bilardo na súa segunda etapa no Sevilla… «Yo no vengo por la plata, solo quiero el bien de la institusión».
-Peloteos.
A súa web tamén ten un espazo semellante á «Galería de Piropos» do noso blogue, só que alí os depoimentos non os dan internautas anónimos, senón persoeiros públicos brasileiros que salientan sobre tódalas cousas a súa calidade humana, a experiencia á fronte de moitos proxectos sociais e o seu pasado coma craque do fútbol, considerando que se deu alegrías ao povo co balón tamén as pode dar fóra do terreo de xogo (seica non se lembraron de Maradona).
-Tema da campaña.
Dura pouco máis de medio minuto, pódese escoitar e tamén baixar na propia web e no blogue. É bastante pegadizo e queda bastante ben como melodía de chamada do móbil: «Bebetooooo é o nosso deputadoooo!…».
-Estatuto do Torcedor.
Seica é unha nova lei que escomezou a funcionar hai pouco nos partidos dos campionatos brasileiros, e semella que é coma algúns dos artigos da represiva Ley del Deporte española. Bebeto en campaña admite que está en contra das bengalas, as drogas e o alcol nos estadios, polo tanto, está a favor dese estatuto: «Sou contra levar fogos para os jogos, contra violência. Tem que ir para torcer, levar seus filhos, a família toda. Sem bebida alcoólica, sinalizador, essas coisas podem machucar». Tamén aproba a medida que proíbe ofensas a seareiros rivais: «Pode torcer sem provocar ninguém. A própria bebida estimula a violência».
-Romario, de adversario.
Bebeto apreséntase coma deputado estadual, e O Baixinho coma federal polo Partido Socialista Brasileiro e disque coincidiron varias veces os dous en caminhadas pedindo votos por Rio, o cal non se explica porque por lóxica Bebeto as fai polo día e Romario pola noite, supoño que un visitando os barrios das clases máis populares e o outro bares e pafetos tentando de capta-lo voto dos apuntaladores da barra.
-Diferencias entre craque e crack.
Bebeto foi un craque, ou sexa, un grande xogador. O crack é distinto, é «uma mistura de cloridrato de cocaína (cocaína em pó), bicarbonato de sódio ou amónia e água destilada, que resulta em pequeninos grãos, fumados em cachimbos ( improvisados ou não)…» Que conste que non o digo eu, nin sequera a wikipedia, o di propio Bebeto no seu site. No Brasil nos anuncios de medicamentos non aconsellan que «consulte ao seu farmacéutico», senón a Bebeto. Lean, lean…