Galiza – Málaga connection
31 de Xaneiro do 2011 perpetrado por
o traveseiro
Malaka Hinchas é un grupo ultra que anima ao Málaga C.F, legalizado como peña e ademais apolítico, algo que non entendo moi ben porque… acaso os que se agrupan alí deixan a súa ideoloxía na porta de acceso ao campo, coma se fose unha chaqueta ou un paraugas? Non irán de fachas, pero a min o roio destes grupiños ambiguos tampouco me vai.
O caso é que esta xente sacou o pasado sábado fronte ao Zaragoza unha faixa («Roja a los árbitros») escrita… con tipografía galega!
Castelao en Málaga?
Para os non iniciados, a nosa letra é «orixinaria do estilo uncial, está baseada na letra do reino de Gallaecia. Perdurou ao longo dos séculos gravada en pedra en igrexas, catedrais ou mosteiros, e posúe unha xeometría e formas moi características». Esta tipografía recuperada hai décadas por Castelao está nos últimos tempos a poñerse de moda, e xa non só se pode ver en rótulos de tascas e cartaces e colantes de contido político e cultural, senón que até chega sorprendentemente a usarse en tifos de peñas futboleiras andaluzas.
Só falta por saber que levou a estes notas a escoller esta e non outra letra para a súa faixa. Segundo as miñas pesquisas, feitas entre as diferentes tipografías galegas existentes, todo apunta a que se trata da cualificada polo seu creador coma RITA e o motivo escollido pode que sexa que se senten 100% identificados co tipo de individuos aos que está destinada…
…e naturalmente usada tamén por nós hai tempo para render tributo a un dos grandes ídolos deste blogue: Mesut Özil.
Máis autobombo. A semana pasada, no mesmo intre que ducias de flipaos gardaban horas de cola para ver e tocar a copa do mundo no Concello da Coruña, eu, sempre contracorrente, asistín á exposición sobre Luís Suárez no Palexco do porto. Está até o día 6 de Febreiro e é moi, moi, moi recomendábel. Tan só botei en falta, ou polo menos eu non a vin, a foto do craque galego traballando, cando xa era un profesional do fútbol, na carnicería dos seus vellos.
Arquivado en Xentes da grada |
8 Grandísimas aportacións »


















