Oscar ao mellor vestiario
28 de Febreiro do 2011 perpetrado por
o traveseiro
Debo confesar que minto coma un Acebes cando digo para captar a atención dos leitores que o post de «Antes de colgar a túa foto na web pénsao» está no forno. Onde se atopa en realidade é no microondas… desconxelándose, pois aínda estou co proceso de selección destes afeccionados. Unha ardua tarefa se temos en conta a grande cantidade de madridistas sen dignidade que penduran as súas miserias en forma de fotos na internete. Mais a falta de vergoña non é destes tempos, vén de bastante lonxe, e como mostra, un botón.
Os marabillosos setenta
Coma sempre, os ingleses pioneiros en canto a modas futboleiras se refire. Namentres aquí a xente herda a roupa dos seus irmáns maiores, en Inglaterra iso non acontece, así o amosa este hooligan do Leeds United que luce un sueter de rombos polo menos tres tallas máis pequenas que a súa, apesares que xa estaba de moda levar a roupa entallada. Na cachola, un pasamontañas de la coas cores do equipo, que sería a envexa de todo etarra que se prece. Atadas nas bonecas, unhas bufandas brancas, tamén do clube.
A súa vestimenta inferior tampouco é para tirar foguetes. Pantalón de tergal, con botón na cintura a piques de rebentar e petrina que semella non fechada de todo. Nunha das perneiras do pantalón está bordado o escudo do Leeds. O calzado apenas se apreza por mor de que o pantalón é de estilo pata de elefante, mais semella que leva zapatos marróns.
O máis lamentábel do asunto non son as pintas do hooligan, senón que estas foran importadas e imitadas vinte anos máis tarde por afeccionados coma este do Barcelona, e case corenta despois por algún dirixente futboleiro, e como demostra esta captura tirada da recente reportaxe emitida na TVG sobor o Compostela, mágoa que non sexa de corpo enteiro.
O xersei de Caneda garda grande parecido co do seareiro inglés, iso si, vaia por diante que por moito que este trate de agochar a súa fealdade tras un pasamontañas, non pode superar á deste gran dirixente deportivo e abandeirado da pre-metrosexualidade do que precisamente hoxe souben que deixou, quen sabe se definitivamente, o Compostela.
Arquivado en Adefesios |
6 Grandísimas aportacións »










