Grazas ao twitter de Miguel Piñeiro descubro o ben feita que está a web dunha equipa humilde coma o C.E. Sabadell. Sen ir máis lonxe, pódese ler en catalá, inglés e castelán, algo aparentemente normal e lóxico nunha páxina de calquera clube profesional, agás os galegos, claro.
Esta semana están a publicar unha serie de reportaxes sobor o partido entre o Deportivo e o Sabadell desta xornada, coma unha entrevista a Yann Songo’o, fillo do que fora porteiro deportivista que medrou na Coruña e que fichou hai poucos días polos arlequinados; outra ao seu director deportivo, que debutou co Barça en Riazor, e finalmente a Pedro Muñoz, ex-xogador de ámbolos dous clubes. A verdade é que a entrevista está caralluda, xa non polo feito de estar en catalá, senón que o lugar escollido foi o Centro Galego Nós de Sabadell, e todo amenizado cunha enchenta de polbo á feira e bebendo cervexa Estrella e viño galego.
O certo é que sinto un pouco de envexa de que, como dicía antes, un clube pequeno se curre esa web e este tipo de reportaxes, que de seguro repetirán cos seus vindeiros rivais, e a do Deportivo dea puta pena. E poño dous exemplos acontecidos no último mes.

1. O Deportivo xoga o Trofeo Teresa Herrera perante o Sevilla FC e os andaluces sorprenden ao persoal saíndo ao campo cunha faixa que reza «DEPOR, SEMPRE DE PRIMEIRA». Sen embargo, para o manzanillo que escrebeu a crónica para Canaldeportivo.com, no apartado de incidencias…. «El Sevilla saltó al terreno de juego portando una pancarta en la que se leía: ‘Deportivo, siempre de Primera’, con lo que se ganó la ovación de la grada». Esta castronada máis propia dun Jiménez Losantos da vida ou de La Razón e medios do estilo non pasou desapercibida nos foros oficiais da devandita web, pois coma di un tal PMI: «Non vou a entrar se esta páxina debe estar en galego ou en castelán. O que si quería denunciar é o maltrato que se lle da á língua galega. Non é de recibo que na nova na que se comenta a vitoria do Sevilla no Teresa Herrera aparece na fotografía o lema «Depor sempre de Primeira» e na redacción da mesma haxa unha traducción da frase ó castelán. Non me imaxino o webmaster consultar un traductor para saber como sería en castelán, supoño que se entenderá perfectamente aínda que sexa en galego. Me parece unha situación penosa: os sevillanos cunha pancarta decindo un lema en galego e os galegos dicíndoo en castelán. Creo que sería xusto que se rectificase o lema na redacción. Non fagamos o ridículo.»
Como era de supor non lle fixeron nin puto caso, pois non houbo rectificación, pero polo menos tampouco lle borraron a mensaxe, coma a min, cando me censuraran hai uns anos cando critiquei ao administrador por poñer unha nova sobre unha visita do vicepresidente do Deportivo á Real Academia Galega redactada integramente en castelán e deturpando os topónimos.
Ben, o caso é que o temiña da galegofobia dos dirixentes do Deportivo xa está hinchando os collóns a moita xente, até o punto de que un grupo de afeccionados estase a mover para lograr que o Deportivo deixa de excluír ao galego. Aquí tedes o folleto de apresentación.
2. O seguinte xa non ten que ver co tema do idioma, pero si coa incompetencia ou mala baba do tipo que administra a web oficial, que debeu sacar o título por CCC, ou así.

Esta é unha nova publicada como se apreza o pasado 17 de Agosto. O máis normal, penso eu, é que se queres poñer unha imaxe relacionada coa noticia, neste caso unha de Redondela… é que sexa unha dos coñecidos e centenarios viadutos do ferrocarril, por exemplo. Ou eu que sei… o escudo da vila. Sen embargo este señor opta por deixar unha do monumento de Os Cabalos, que non só non se atopa en Redondela, senón que está na Praza de España… de Vigo! E para agrandala barrabasada confirmamos que nese lugar sitúase a sede do Real Clube Celta!!
Que levaría a este homiño a cometer tremendo erro? Faríao a propósito? Ou se cadra estaba a fumar petas vendo á mesma vez un episodio de Bob Esponxa namentres traballaba e escoitaba na radio a popular canción «vexo Vigo, vexo Cangas, tamén vexo Redondela»? Combinación brutal.