Como non boicotear unha marca deportiva

26 de Setembro do 2011 publicado por o traveseiro

Quero aclarar que, ao fío do post anterior, por moito que lle faga boicote a Adidas polas súas horrendas últimas creacións, porque fabrique no terceiro mundo ou pola razón que sexa, chámalle X… nunca chegarei ás cotas do mítico Ladislao Kubala. Como moito (teño un suadoiro retro case igual) poñería unha etiqueta de Estrella Galicia, máis acorde cos mercadotécnicos tempos actuais, e se nos poñemos á súa altura, caso improbábel, este outro escudo.

Cómpre tamén aclarar que, sen saber de que vai a cousa, o máis normal é que o bo de Kubala tivera un contrato de patrocinio coa multinacional alemá e que vestía a súa roupa sen problema nos equipos que adestraba… agás no seu curro coma seleccionador da España alá polos anos setenta, cando foi tirada a foto, e que lle obrigarían na federación a estampar a merda do escudo do aguilucho por riba. Un caso semellante que Cruyff no Mundial de 1974, que tiña contrato con Puma e boicoteaba as tres bandas da camisola da selección que defendía.

Por certo, que a foto está escaneada dun vello exemplar da revista Don Balón, que esta semana botou o peche, quen sabe se definitivo. Hai a tira de anos que non a mercaba, se cadra por iso, por xente coma min e polo que se foi ao tacho, pero pasei moitas horas de cativo ollándoas e é triste que xa non exista.

P.D. CASO REAL, ao fío do último parágrafo: O meu irmán tiroume uns cantos exemplares ao lixo porque non quería xogar con el por estar todo o puto día cos Don Balóns. Tiven que baixar a recollelos do recoletor. Verídico!

Arquivado en Espanholadas, Mundo viejuno-celebrities | Comentarios desactivados en Como non boicotear unha marca deportiva

Os comentarios están pechados.