Ancagua, Hierro, ancagua!!

29 de Decembro do 2011 perpetrado por o traveseiro

Hoxe soubemos do triste pasamento á idade de 80 anos da famosa mona Chita, ou Cheetah para os listillos. Segundo os seus coidadores do Santuario Suncoast Primate de Florida, o mono gostaba de pintar e ver partidos de fútbol. O equipo polo que torcía era, como non podía ser doutro xeito, o FC Chita, anteriormente coñecido coma Lokomotiv Chita, mais o que de verdade lle inculcou a afección foi o seu sobriño neto favorito: Fernando Ruiz Hierro.

Precisamente hai mes e medio, durante a entrega a Hierro do Marca Leyenda, por, segundo este xornal ser «uno de los mitos de la historia del fútbol español» (será tronzando pernas…) puidemos escoitar falar ao exfutbolista do seu tío avó Chita, ao que puido coñecer por fin hai pouco durante unha visita do chimpancé ao zoo de Fuenxirola, onde reside Hierro dende que é director deportivo do Málaga C.F.

Hierro contou que tiña unha grande relación e complicidade con Chita e nun ambiente agradábel e distendido contou anécdotas das rodaxes de Tarzán imitando con voces e xestos ao seu famoso familiar, momento que recolle a imaxe, a cal por certo semella á dos tres monos sabios eses xaponeses. Todo concorda.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Idas de olla | Comenta, non sexas rata »

Chorar si, renderse xamais

21 de Decembro do 2011 perpetrado por o traveseiro

Podedes soterrar a Kim Jong-Il, pero ides de cachas todos aqueles que coa súa morte pensades que a selección norcoreana, a Auténtica Vermella, vaise ir ao garete. Diso nada, a selección seguirá mellorando para competir cada vez a maior nivel, entre outras cousas grazas a Kim Song Nam, mestre de educación física dende hai trinta anos da afamada escola norcoreana Pyongyang Pongnam.

Unha  fábrica de cracks, e non a merda esa de Valdebebas

«Hai pouco, os rapaces da nosa escola gañaron o torneio nacional de fútbol. Enfocamos o ensino de técnicas convenientes ás calidades mentais e ás condicións físicas dos nenos que son febles na resistencia e na concentración. A nosa escola sacou a moitos xogadores con moito futuro», declarou o propio Kim Song Nam.

Outro mestre desa escola, o camarada Nam Yong Gwon, dixo que «aprendín como xogar ao fútbol nesta escola. Algúns dos nosos graduados representaron á DPRK  en torneios internacionais e moitos son agora grandes activos nos equipos locais.  Kyong Jin e Choe Myong Song xogaron un papel grande nos equipos de DPRK cando gañaron a asiática U-19 e a U-16, campionatos de fútbol disputados o ano pasado. Tódalas escolas primarias e secundarias no noso país teñen clases de fútbol».

Nada que ver con China, que nunca será nada neste deporte porque en vez de traballar a base preparando aos futbolistas dende nenos prefiren contratar a mercenarios coma Camacho para  ensinar a xogar a tipos de trinta anos. «Amos, no me jodas», que diría o propio técnico murciano. Por non falar xa do manido tema da liga española da China, que para encherse os petos Astiazaran & Cía. está moi ben, mais para que saian craques entre ducias de nenos chineses gordos coma ceporros uns, anoréxicos outros… pois como que non.

Polo tanto, dende aquí quero mandar unha mensaxe de tranquilidade a todos aqueles seareiros galegos da Auténtica Vermella. Hai futuro porque hai canteira. Así que estamos seguros que voltaremos ver á Chollima nun mundial, e por descontado, nas tascas galegas adscritas á rede de quedadas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Idas de olla | 1 Grandísima aportación »

Outra xornada foi posíbel

12 de Decembro do 2011 perpetrado por o traveseiro

Aínda que moitos non se decataran, houbo máis partidos da xornada 16 de Primeira División que o Madrid-Barcelona. Se só sabedes os resultados, mais non o acontecido neses encontros, velaí vai un pequeno resumo para que non teñades que ir ás fosas abisais das webs deportivas para informarvos.

-Llevant – Sevilla
Voltou gañar na casa o equipo granota, formado por xogadores que a meirande parte deles hai tempo que tiñan que estar no xeriátrico pero que están a ofrecer un grande rendemento. Ademais, están a ter a sorte do campión, porque o Sevilla fartouse de fallar goles diante da portería. En especial salientar a negadez de Trochowski, que tivo até tres ocasións para marcar e topouse con Munúa, e máis outras de Del Moral, Kanoute e Negredo. Este último ten moito que ver na derrota, ademais. Negredo é un exemplo do perigoso que son os dianteiros centros cando están a defender os córners en contra. Neste caso non despexou de cabeza ao medio da área, nin picado ao chan, simplemente limitouse a mirar coma un parvo un balón que lle caeu nos pés na liña de gol. Javi Varas dubidou en collelo porque agardaba que Negredo lle metera un bo hostiazo, que é o que hai que facer sempre aínda que lle rebentes as mans ou mesmo a cabeza ao compañeiro. Nese segundo de dúbida apareceu Nano para furar e darlle a vitoria ao seu equipo.

-Betis – Valencia
Dicían por Sevilla cando o Betis lideraba a clasificación que os verdibrancos eran coma os piollos, que duraban pouco na cabeza. E de primeiros duraron dúas xornadas, tampouco botaron moito tempo no posto sétimo, nin no dez, doce, trece, catorce, dezasete… e todo apuntaba que rematarían a xornada no dezanove. Menos mal que, tras ir perdendo 0-1 dende o minuto 66 chegou Rubén Castro (a Lotina non lle valía para o Deportivo) e meteu no desconto dous goliños que serviron para remontar e subir ao posto décimoterceiro. A ver o que duran aí. No Valencia marcou Soldado, para non variar.

-Rayo – Sporting

Os vallecanos xogando no seu histórico horario das doce do mediodía, e a suposta aclimatación non foi vantaxe para superar aos asturianos, en parte pola penosa actuación da defensa franxivermella, unha auténtica banda. Marcaron para os visitantes David Barral e o galego Nacho Novo en dúas ocasións. Salientar que me segue a parecer un xogador do montón, o cal di moi pouco do Glasgow Rangers, que igual o mete no seu Hall of Fame. Claro que tamén mediocres coma Juanito e Raúl son venerados polo madridismo. Para os locais anotou Michu, apupado polos numerosos afeccionados xixoneses desprazados até Vallecas, entre os que se atopaban veteranos sportinguistas, xa presentes outros anos en ValladoliZ e CádiD, e que pedían a dimisión dun tal FernándeD.

-Xetafe – Granada
Segundo encontro que os andaluces xogan a porta pechada nunha semana, o da casa por sanción e este porque xa é tradizón que a xente en Xetafe fique na casa vendo a tele, seguramente o programa da Campos. Vitoria baixo o meu punto de vista inmerecida do Dubai Team pola mínima grazas a un punteirolo dende a frontal da área de Casquero. No resumo en plan falso directo de LaSexta o narrador dixo tralo gol que «¡ruge el Coliseum!». Se estaría a referir ao de Roma? Porque no de Xetafe non se escoitan nin os grilos.

-Vilarreal – Real Sociedade
Os castellonencos, despois de arrastrarse miserabelmente pola Champions e pulverizando os peores rexistros dun equipo da liga española até entón propiedade do Deportivo de Irureta…, seguen esa mesma liña na competición doméstica, onde xa están cos mesmos puntos (15) que o terceiro pola cola. Cando queiran chimpar a Garrido igual xa é demasiado tarde (sei do que falo). A Real só está un punto por riba, aínda que o conseguido onte ten moito valor porque xogaron con dez durante os derradeiros trinta minutos por expulsión de Elustondo. O técnico realista dá por bo o resultado e Garrido tamén, e di que está contento porque ve melloría (?) e que queren facer algo bonito na Copa. Xogan co Mirandés e eu aposto porque van quedar fóra.

-Zaragoza – Mallorca
Un auténtico truño de partido, como xa nos teñen acostumados estes equipos. Cheiraba a empate, primeiro porque os baleares levaban nove meses sen gañar fóra, e segundo porque o Zaragoza non xoga absolutamente a nada é dá puta pena. Nos locais puidemos ver o debut ante a súa afección dunha das súas fichaxes estrelas, Antonio Tomás, que segundo esa especie de Nostradamus chamado Lotina, este ano ficharía por un grande clube xogando competicións europeas, agás Barça e Madrid. En fin, que ao final valeu o gol que Víctor atinou a meter nunha desas porterías que teñen o final da rede a un kilómetro da liña de gol, e que son así dende que teño uso de razón. Dos marcadores electrónicos do Mundial 82 xa falaremos outro día.

-Málaga – Osasuna
Nos días previos varios xogadores malaguistas dicían que este equipo ía facer historia, que tiñan ambición e patatín e patatán, pero o certo é que tantos petrodólares pero non se dan achegado aos postos de Champions, e onte non foron quen de derrotar a un Osasuna cheo de baixas que incluso foi por diante do marcador durante boa parte do xogo. O dito, reparto de puntos que serve para que o equipo dese que ten cara de histórico da ETA, como se chama… Mendilibar, siga a tan só dos puntos das competicións europeas.

-Athletic – Racing

Nova decepción en San Mamés, onde o Athletic volveu perder puntos ante un equipo da zona baixa. Os do Loco Bielsa foron moi superiores, e a pesares de que conseguiron adiantarse perto do final… o Racing empatou no desconto grazas a un remate de testa de Álvaro. E sobre estas liñas, a bilbaina Eunate Aguirre, campiona do mundo de bodyboard, que deu o saque de honra. Xa sei que quedaría millor unha da surfeira en biquini ou co neopreno, mais para iso o buscades no Google Imaxes (eu xa o fixen), aquí vai en plan futboleira.

-Espanyol – Atlético
O xogo que pechou a xornada, e de que xeito. Menuda banda o Atlético… pero menuda banda! Aos seis minutos Verdú, ese xogador con pouco sangue pero que Lotina querería coma xenro (hoxe tomeina con Lotina) xa lles marcara dous goles, e antes do vinte Romaric enchufoulles o terceiro. Falcao volveu marcar antes do descanso, mais logo caeu un cuarto gol e o de Arda Turan xa non serviu para nada. Esta mañá un afeccionado berroulle a Manzano que «Si tienej dignidá vete!», e ten toda a razón ese afeccionado en pedir a dimisión de Manzano. Iso non quita que a pidan estes tipos ociosos que non teñen nada mellor que facer un luns pola mañá que ir a un campo de adestramento a insultar a técnicos e xogadores. E habería que verlle as pintas, que esa é outra. Quen é o que non ten dignidade? E ollo, hainos en tódolos equipos. Por certo, é un segredo a voces que Manzano será destituído en vindeiras datas, pero o remedio pode ser pior ca enfermidade: Luis Aragonés. Alomenos o Atlético aforraría en auga quente e champús.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Actualidade | 4 Grandísimas aportacións »

Deportistas: por que non se suicidan máis a miúdo?

9 de Decembro do 2011 perpetrado por o traveseiro

Na capa do Marca de antonte anunciaban un «REPORTAJE: ¿Por qué llega al suicidio un deportista de élite?» Aos do panfleto deportivo madrileño pásalles un pouco como a min, que non lles gosta moito escreber (coa diferencia que eu non cobro por elo) porque logo abres o xornal e esa «reportaxe» que pintaba ben tradúcese en dúas páxinas que se  lle quitas as imaxes (unha inmensa do marcador de Goodison Park lembrando a Gary Speed, seleccionador galés que se aforcou o outro día; outra non moito máis pequena do funeral de Robert Enke; unha máis deste porteiro que cascou tirándose ás vías do tren; e finalmente unha de Babat Rafati, un árbitro alemán que a semana pasada tentou suicidarse curtándose as bonecas) fica tan só un texto de merda que cho les en medio minuto.

Suicidio colectivo xa!

E aínda por riba os psicólogos consultados tampouco din nada que non saibamos, coma que os deportistas de elite están sometidos a presión (coma calquera persoa) e que tipos coma Speed tamén poden estar deprimidos aínda que teñan éxito no seu traballo e teñan cartos. Nos ha jodío, pois menuda novidade.

E logo está a ridiculez da cuestión formulada… que leva a un deportista profesional a prantexarse o suicidio ou mesmo levalo a cabo? A miña pregunta, que gostaría que me aclararan eses afamados psicólogos é o por que non se suicidan máis a miúdo, sobretodo moitos futbolistas e exfutbolistas españois.

Aí temos o exemplo de Álvaro Benito (foto superior), futbolista que ía para figura do Madrid e que unha chea de lesións obrigárono a pasar polo quirófano varias veces (incluíndo transplante de ligamentos dun cadáver) e que non só o levou ao suicidio senón que se vingou da sociedade facéndose cantante (?) e guitarrista dun grupo pseudopunkpopeiro para quinceañeiras.

O flipao este iniciouse na música precisamente durante as súas longas convalecencias, aburríase e algún malnacido que debería ser levado ao tribunal da Haya por crímenes contra a Humanidade, agasallouno cunha guitarra. Unha historia semellante á de Julio Iglesias, outro 100% hostiábel que ía para porteiro do Real Madrid e que, cando tiña 19 anos, un accidente cando conducía un carro posto até as cellas case o deixa paralítico afastándoo dos seus soños coma profesional do balompé. Tivo que estar encamado dous anos, mais lonxe de suicidarse, déuselle por aprender a tocar unha guitarra de tuno que algún fillo de puta como o de Alvaro Benito lle regalou. O demencial resultado xa é por todos e todas coñecido.

Chema Buceta, psicólogo durante sete anos do Real Madrid, di falando do caso do árbitro alemán que quixo suicidarse porque o obrigaban a retirarse pola idade («¿Queréis verbenas? pues ver venas!», debeu poñer na súa nota de despedida), motivo segundo el máis que suficiente para curtarse as venas: «Dejar de hacer lo que te gusta es un gran problema. La jubilación anticipada te va arrinconando hasta que te aparta de lo que más te gusta. Eso genera estrés, depresión…» E nomean ao colexiado Iturralde González, que cancelou a súa conta en Twitter por sentirse presionado. Un Iturralde por certo, que se xa me caía ben porque tras manter unha pequena conversa con el e porque rara vez perdía o Depor con el arbitrando… agora de putísima madre tras coñecer que tivo unha banda de punk, que cantaban en euskara, que estaban influenciados por grupos coma Kortatu, Negu Gorriak, RIP, Eskorbuto…, que ten máis de 20.000 discos… pero iso xa é fariña doutro costal. O caso é que con eses antecedentes, se non se matou ou o fixo a heroína, non o vai facer agora polas estúpidas presións vía twitter dos xornalistas e de catro afeccionados mamarrachos.

E para rematar, e xa que tamén sae na foto, Guti, que recentemente anunciou que se retira do fútbol pero moito me temo que non o seu suicidio, porque a Guti non o xubilan, xubílase el, e ademais tampouco deixará de facer o que máis gosta, que non se trata precisamente xogar ao fútbol, senón ao golf, saír de festa e enroiarse con cachondas.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Pregunta para nota, Puto Guti | 11 Grandísimas aportacións »

O primeiro Dioni

2 de Decembro do 2011 perpetrado por o traveseiro

Faime certa coña esta imaxe deste futbolista do Osasuna da primeira metade dos oitenta (Dionisio Domínguez Sanguino, para servirlles) polo feito de deixarse fotografar para os cromos mirando para outro lado e aínda por riba ter coma nome futbolístico DIONI, coma o popular ladrón e cómico birollo. En todo caso, nada comparábel ao inefábel Quique Flowers no que atinxe ás poses para fotos oficiais.

Post chorra que serve para dar sinais de vida no blogue. Porque non estabamos mortos, nin detidos nin, coma dicía o outro, queimando os cartos nas máquinas, nos bares e nas putas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Adefesios | Comenta, non sexas rata »

Apoiamos a Isaac Díaz Pardo