O videoxogo do futbolín
30 de Marzo do 2012 perpetrado por
o traveseiro
Segundo descubro vía Chuza! nos vindeiros meses sairá ao mercado para videoconsolas un novo xogo baseado no popular futbolín («chámanlle ‘ferriños’ no pais do Deza, ‘ferreiriños’ lle din pola parte de Lalín, ‘metegol’ na Arxentina, ‘matraquinho’ en Portugal… cambio e furonazo, mákina total!!»).
Pois aínda que pareza mentira, non podo estar máis en desacordo coa movida, porque como tamén xa dicía a canción Oda ao futbolín na versión do Clube Xabarín… «haiche moito tolo no teu videoxogo, hai moito retolo no teu videoxogo, hai moito espeleólogo no videoxogo». Xa que logo, somos contrarios a que ese deporte 100% de tasca se pase a disputar no puto televisor do salón da casa.
As primeiras imaxes publicadas do videoxogo tiran para atrás, con bonecos vestidos de traxe e sombreiro, peóns de xadrez ou mesmo de gardas da torre de Londres; bolas pintadas de balón de regulamento, rastro de lume ao furar… En fin, que en principio non mola un carallo a non ser que a posibilidade de personalización inclúa bater a bola antes de sacar de centro, cuspir nas barras de ferro, botar serrín no chan ou obrigar a pasar por debaixo do futbolín aos contrincantes que deixes a cero no modo de xogo online. Rematar a hostias por quen puxo a moeda de cinco duros para entrar na partida é outra posibilidade que non se debería desbotar se pretenden que o videoxogo teña algo de éxito na Galiza.
E na imaxe, o futbolín ideal para desfrutar xogando esta semana santa, para meterlle un gol a cristo e a Intereconomía.
Arquivado en Idas de olla |
2 Grandísimas aportacións »





Abril 1st, 2012 ás 11:20 p.m.
E cousa importante, pódese facer cambio?
Abril 2nd, 2012 ás 3:15 p.m.
Eu sempre gostei de xogar ao «bollo», pero supoño que si.