Onde cona é que vai o noso diñeiro?

26 de Abril do 2012 perpetrado por o traveseiro

Recortes en sanidade, educación, I+D… namentres os clubes de fútbol deben un pastón ao Estado, cousa que non impide que segan fichando por un tubo e os dirixentes dos clubes, xa de paso, forrándose. En Europa flipan e aquí pasamos de todo. Bueno, non todos…

Porque ser futboleiro non significa ser «débil mental, subnormalito, mongólico, simiesco…» (Sánchez Dragó dixit). Nós gostamos do xogo pero estamos até o carallo do fútbol negocio, por iso deberiamos difundir cartaces coma o de enriba. Editado por As Filhas, pódese descarregar, imprimir, copiar, colar… tanto a cor coma en branco e negro, en galego-portugués e tamén en castelhano de Castilla.

A marxe disto, grandes putadas os nomes que figuran na ligazón á nova de que a Comisión Europea investiga as débedas dos clubes coa Facenda. O do director da escola de negocios IESE, Sandalio Gómez («Hola, me llamo Sandalio, pero mis amigos me llaman Chanclo») e o do mestre da Universidade de Barcelona que segue as contas dos clubes, José María Gay.

P.D. Cartaz e ligazón vistos previamente no C.C.C.P (Centro de Cultura Contemporanea Persoal).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Pregunta para nota | 7 Grandísimas aportacións »

7 Comentarios

  1. W. Sobchak Escribiu:

    Imos ver,eu non son futboleiro é polo tanto non son obxectivo. Pero tócame bastante o carallo que no estado español seica todo o mundo vive por riba das súas posibilidades agás os equipos de fútbol. Como pode ser que a LFP sexa máis cara que a Bundesliga? Por outra parte, en Alemaña, a pesar de ter supostamente unha liga peor a xente non vai menos ao campo.
    Ao que vou, non fai falta ter unha linga fan inflaccionada. Os seareiros iades gozar igual coa competición. A min préstame moito os libros de Irving Welsh e nel podes ver que a xente de Escocia vive tanto a súa liga como a de aquí. Sen necesidade de andar empufados ata arriba.
    E ademais eu teño albuns de cromos dos anos 80 e daquela no celta e no depor había galegos a esgalla e os de Las Palmas eran todos canarios. E a xente desfrutaba igual co fútbol. Que non é preciso pagar a unha recua de mercenarios para que a xente o pase ben.
    Non sei se me explico

  2. Cru Escribiu:

    Explícaste de dez. Suscribo todas e cada unha das túas palabras.

  3. o traveseiro Escribiu:

    Coma un libro aberto, máis tampouco estou dacordo en todo. Por exemplo, nomeas Escocia, onde hai un caso claro de empufamento, e ademais dun grande, o Rangers. A diferencia e que alí non lles treme o pulso para restarlle puntos ou mesmo liquidar a sociedade se é preciso, algo imposíbel que se dea aquí, tan só pasa con clubes de categorías inferiores.

    En Italia, que é un putiferio en tódolos aspectos, xa houbo caso de disolucións de clubes históricos da Serie A por débedas (Torino, Fiorentina…) ou mesmo descendendo a un grande coma a Juventus por tramposos. Imposíbel que se dea na nosa liga. En Francia non pasan unha, nin en Suíza.

    No que atinxe á asistencia aos campos… como pretenden que vaia a xente ao estadio con esas columpiadas de prezos?. E que conste que o Deportivo pon prezos alcanzábeis. A min por exemplo cústame o abono anual para ver tódolos partidos, sen días do Clube, menos de 200 euros, incluíndo partidos de copa. As entradas soltas tampouco son moi caras.

    Pero logo vas por aí e flipas, o outro día en Balaídos 30 pavos, e nos venden o roio coma unha oferta por colaboración entre os clubes. Para Soria xa están a falar de entre 30 e 60 euros por ver un partido da puta Segunda División. É para mexar e non botar pinga.

    En Alemaña, como dis, vai máis xente ao campo porque as entradas son máis baratas. De feito, tivo bastante transcendencia nos medios a faixa que sacaron os seareiros do Schalke 04 no partido fronte o Athletic, sobor o prezo das entradas do partido de volta: «¿Entrada 90€ = 1€ por minuto? ¡El fútbol no es sexo telefónico!». Até os alemáns déronse conta da estafa. Porén, os estadios son cómodos e modernos, con sitios para aparcar, con espazos onde deixar aos fillos namentres estás no campo, tendas, restaurantes… Igualiño que aquí, vamos.

    Respecto ao tema do número de galegos nos equipos oitenteiros… tes razón en que a xente pasábao ben… poñéndoos a parir, máis que aos de fóra. Por exemplo, no Deportivo o noso mellor xogador, José Luis, era asubiado, o mesmo que Agulló, Jorge… E logo fichaban a un Batrovic da vida e cando saltaba ao campo (as poucas veces que o facía) ovacionábano. En Las Palmas fixo que pasaría algo parecido cos canarios.

  4. Cru Escribiu:

    Non hai por onde collelo. Aínda o outro día discutía o tema cuns colegas. O da Segunda División é unha cousa de pena. Pero segues para abaixo… Como pode ser que che cobren 10 ou 12 pavos por ver un partido de Terceira(!) e aínda por algún da Preferente (!!)? De tolos. É que eu non vou a un partido deses nin de balde… Xa se ten que torcer moito a tarde do domingo.

    Por outra banda, lin o outro día non sei onde que o Barsa e o Madrí adicaban algo así coma o 65% do seu presuposto a pagar os salarios dos xogadores (supoño que no resto dos clubes pasará o mesmo, pero xa sabemos que o resto non existen). Os gañáns estes di que “es que lo generamos”. Despois cando sabes que, por exemplo, un escritor reputado, dos grandes, leva un 10% do prezo dun libro… Eu calcáballe a esta banda de marulos un I.R.P.F. do 95%.

    Paro, que me quento.

  5. W. Sobchak Escribiu:

    Ben, disimulade os erros. Que xa avisei que eu non son moi futboleiro.
    O conto é que hai que meterlle man aos mangantes que ateigan o futbol, sen prexudicar aos que tendes paixón polo tema

    O dos xogadores locais. Eu penso que ten moito que ver o Autoodio galego (ainda lembro o caso de Antonio, penso que se chamaba, o central da parte de Lugo)
    A vindeira vez que vaia a casa da miña nai hei de buscar eses albúns, pero en serio que o 95% dos xogadores de Las Palmas eran nados en Las Canarias.

    Un saudiño!

  6. O Traveseiro Escribiu:

    Coma lin nunha camisola: «Football is for you and me… not for fucking industry».

    Supoño que referiraste a Antonio Doncel, nado na Pobra de San Xiao. Efectivamente, non era un craque pero cagaba por moitos dos centrais que ficharon logo, pero claro, era canteirán e había que darlle caña.

    En canto ao tema Las Palmas… confirmado! Acabo de botarlle unha ollada a un album que teño descargado da tempada 81-82 e dos quince futbolistas que saen, 13 naceron en Las Palmas e os dous restantes en Tenerife.

    Parabéns pola túa achega e tamén por ter unha nai que non te tira ao lixo esas reliquias, aínda que pense, como a miña, que «non sei para que garda este rapaz tanta merda».

  7. Lilith Escribiu:

    O futebol de terceira pra riba deveria desaparecer desde já:

    «Ver jogar os jogadores na lama, cos pés na mesma lama»

    Obrigadas polo post.
    As Filhas nom esquecemos.

Escribir comentario

Nota: Pode que o comentario tarde en se publicar, porque pode estar esperando moderación.

Apoiamos a Isaac Díaz Pardo