Un vicio coma outro calquera

28 de Xuño do 2012 perpetrado por o traveseiro

Tanoréxico perdido (e paquete)

A tanorexia, ou adicción ao bronceamento, é o termo usado para describir unha condición na cal unha persoa xera unha necesidade obsesiva para lograr un ton de pel máis escuro, xa sexa tomando o sol ao aire libre ou en cabinas de raios UV, que nunca pode alcanzar ao crer ter un ton moito inferior ao real.

Segundo os médicos, trátase dun vicio similar a poñerse até arriba de alcol, tabaco ou outras drogas. En casos estremos, coma o de enriba, pode ser indicador de padecer un trastorno dismórfico corporal, detallado xa polo miúdo noutra entrada.

E falando de viciosos, o prestixioso columnista do Times of India, Maradona, pide no seu artigo unha estatua en Lisboa para o da foto. Si, iso, para que lle caguen por riba as pombas!

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Adefesios | 3 Grandísimas aportacións »

E Polska, Polska, Polska…

18 de Xuño do 2012 perpetrado por o traveseiro

…e non me toques naquela cousa. E Polska, Polska axiña e non me toques naquela cousiña». Readaptación da famosa cantiga popular galega «Pousa, pousa».

E falando de adaptacións. Agora que soubemos da eliminación de Polonia na Eurocopa e que as súas seareiras, coma a da foto, van torcer por España… penso que habería que facer unha versión do clásico español «A por ellos, como en Paracuellos!» substituíndoo polo ruso «Для них, такие как Катынь», que vén a ser «A por eles, como en Katyn!».

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Elas tamén xogan | 1 Grandísima aportación »

Caldeirada de Ribery

15 de Xuño do 2012 perpetrado por o traveseiro

Non se nota nin nada que estamos a pasar olimpicamente da Eurocopa de fútbol. Sen selección galega e sen a presenza, como é obvio, da República Popular Democrática de Corea, non nos queda ninguén ao que alentar, aínda que apoiamos as preferencias dunha ampla maioría dos galegos.

O Conde Orlock futbolista

Mais a pesares de todo iso non somos alleos á marea informativa eurocopeira. Porén, non podemos deixa-la oportunidade de publica-la arrepiante imaxe de Franck Ribery tomando un baño no pote dos callos recheo con augas radioactivas enviadas expresamente á concentración francesa en Ucraína dende a lagoa de Meicende, aka MyCende (Concello de Arteixo).

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Adefesios | 3 Grandísimas aportacións »

O ascenso do Céltiga (post tendencioso)

11 de Xuño do 2012 perpetrado por o traveseiro

O equipo da Illa de Arousa xogará a vindeira tempada na Terceira División tras desbancar da segunda praza ao Choco na última xornada. Precisamente xogaban perante os redondeláns, aos que lle valía o empate, mais os arousáns, que levaban oito vitorias consecutivas, xogaban na casa e non desaproveitaron a ocasión. Iso si, houbo que agardar ao minuto 86 para marcar o gol do ascenso. Parabéns ao Céltiga polo ascenso e tamén por chamarse así dende antes (1921) que outros clubes galegos de maior categoría, e ao Barbadás, que tamén subiu como primeiro clasificado.

Máis novas de actualidade do fútbol galego.

- Ao Lugo tan só réstanlle dous partidos para ascender a Segunda, que disputará perante o Cádiz (a.k.a Er Cai) tras deixar na cuneta ao Atlético Balears. Xa no Anfield Carro déronlle un bo baño, maquillado ao final (3-1), e na volta este domingo, empate a cero. E sen excesivos apuros, cun soberbio Diego Rivas (xogou mancado) nas poucas ocasións que dispuxeron os locais. E que ben xogan! até nos peores intres, cando máis apretaban os baleares, o Lugo sacando o balón xogado nun penoso terreo de herba artificial. E con moito criterio, algo impensábel nos tempos dos Alvite e Cayetano. O negativo, aínda que sen transcendencia, é que seguen sen marcar fóra da casa (non o fixeron en ningunha eliminatoria). Veremos a ver se rompen a mala racha no Carranza.

- O CD Ourense, tras quedar campión da Terceira galega, subiu xa de categoría ao supera-la primeira eliminatoria co campión basco. Tras este fito, o presidente presenta a dimisión, non sen antes tamén unha camisola oficial do clube da marca Umbro conmemorativa do ascenso ao módico (?) prezo de 30 euracos. Por certo, a un ourensán coma Borja Fernández non lle chega con deturpa-los topónimos das cidades, senón tamén os dos clubes. Felicitou ao Ourense vía twitter chamándolle CD Orense, e con varios días de retardo. Para rematar co cadro vermello, aínda que non veña a conto teño que soltalo: o mítico porteiro da etapa ourensanista en Segunda A, Ares, é agora un respectábel madeiro municipal.

- Magnífica a campaña que está a realizar en tódalas categorías a UD Carral. Os maiores están a disputa-las semifinais da Copa da Coruña, e os xuvenís acaban de conquista-la Copa das Mariñas ao derrotar na final ao histórico Unión Campestre de Montrove, o segundo equipo da Galiza (fundado no 1908) tralo Deportivo.

«Carral, nunca camiñarás sobrio»

- A directiva do Montañeros CF anunciou hai uns días que disolve o primeiro equipo, polo que tralo descenso da Segunda B, tampouco sairá en Terceira. Unha decisión coherente, porque o clube coruñés con nome de asociación de boy-scouts seguirá vivo e así adicarase ao que sempre foi, un clube de fútbol base. Persoalmente nunca entendín ese despropósito de levar ao equipo até cotas inimaxinábeis sen ter afeccionados. Hai decenas de equipos na Coruña con tradición, cunha base social, coma o Liceo de Monelos, Victoria, Sporting Coruñés, Orzán, Vioño, Silva, Torre, Unión Sportiva… O Montañeros nin bairro tiña. De tódolos xeitos, resultou moi bizarro ve-los seus confrontos no campo de Elviña perante Oviedo, Tenerife, Albacete… Joder, e que se mo din hai dez ou quince anos pensaría que están bébedos ou droghados.

- Leo nunha entrevista ao noso «amigo» Isidro Silveira que o Rácing de Ferrol non pode permitirse estar moito tempo en Terceira División e que van facer un equipo competitivo. Di que gostaría de fichar futbolistas primeiro de Ferrolterra, e se non os atopan, pois de Galiza, e senón pois traerannos de fóra, «porque queremos traer aos mellores». Resulta bastante patético que para este home non haxa futbolistas galegos válidos para xogar no Rácing de Ferrol en Terceira. Fala coma se fose Florentino Pérez ou o julai ese do Málaga.

- O Alondras espertou do soño do ascenso quedando apeado o sábado co Rácing de Santander B. Non se poden queixar os do Morrazo, que fixeron un temporadón, ficando por diante na clasificación do Rácing, Fabril, Vilalbés, Pontevedra… e a tan só tres puntos do campión Ourense.

A chorar a Cangas?

Como anécdota, salienta-la presenza no Campo de Morrazo do pichichi español da Segunda División, onde repartiu autógrafos e sorrisos entre os asistentes. O futbolista moañés é moi querido tanto nas cidades e vilas galegas coma no resto do estado grazas  ao seu saber estar tanto no campo coma fóra. Sempre comedido nas súas declaracións, merece como mínimo a Medalla Castelao pola súa aposta pola non violencia, porque haxa confraternidade entre afeccións e sempre contra os localismos.

- O Cerceda, por enésima vez, volta a xogar unha fase de ascenso e volta a ficar eliminado, desta vez cos madrileños do Fuenlabrada. Esta eliminación, xunto coa do Alondras, repercútelle negativamente ao Boiro, que deixou fóra da loita polo ascenso ao Choco na repesca. Os do Barbanza só poderán xogar na Terceira por vía administrativa, é dicer, se un clube galego merca unha praza en Segunda B. Voltando ao Cerceda salientar que no seu rival de onte, o Fuenlabrada, xogou Pachón, aquel futbolista con nome de can de caza que destacara no Xetafe e Valladolid e que é moi amigo de Jorge Andrade dende que se coñeceron hai anos xogando ao volei praia en Punta Cana (!).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Actualidade | 21 Grandísimas aportacións »

Apreciado

7 de Xuño do 2012 perpetrado por o traveseiro

Caíame ben, tamén polas súas pintas (sobre todo como futbolista no Rácing de Santander). Un tipo íntegro, honesto, humilde, traballador e cunha vida persoal bastante fodida, como recoñeceu en certa ocasión: «La vida me ha dado duro. Podía haber sido vulnerable y acabar pegándome un tiro, o mirar al cielo y crecer. Elegí lo segundo».

E parafraseando a súa frase referíndose a Mourinho… «si ha dicho eso es un canalla y un mal compañero», digo eu que «se Deus existe  tamén é un canalla».

Fica en paz.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Actualidade | 6 Grandísimas aportacións »

Apoiamos a Isaac Díaz Pardo