Cumprimos 7 anos e nin nos decatamos!

20 de Maio do 2014 publicado por o traveseiro

O 17 de Maio este blogue cumpriu anos, data escollida como xa repetín mil veces para facelo coincidir co Día das Letras Galegas e co da Internete. Para non variar, paseino de longo, e claro, agora teño que publicar algo máis extenso para compensar, iso si, sen traspasar o telón de grelos. Non é grande cousa pero velaí vai.

-A fonte de Canaletas
Este era o lamentábel estado da fonte de celebracións do FC Barcelona o outro día (foto tirada na zona de radioloxía do coruñés Hospital Abente y Lago, tamén coñecido coma “o Militar”).

-Welliton & Sissoko, unha de cal e outra de area
Os seareiros celtistas do blogue pídenme encarecidamente un post sobor Welliton, ese brasileiro vido de Rusia con vitola de estrela que fracasou estrepitosamente no campo pero non fóra. A súa detención pola policía por conducir quintuplicando a taxa de alcol en sangue e con exceso de pasaxe pasará á historia negra do futebol galaico e de seguro merecedor dun Renaldinho World Player, aínda que sexa honorífico. Un Welliton por certo que seica na tenda oficial do Celta escrebían mal o seu nome nas camisolas, un feito que me lembra ao debut de Lionel Scaloni co Depor en 1998, que na súa co dorsal 12 poñía SCALONE.

A outra cara da moeda é Ibrahim Sissoko, chegado ao Depor no mercado invernal coma un perfecto descoñecido e con bastantes quilos de máis. Logo de adelgazar Sissoko está a triunfar. Paréceme un bo xogador, fai caneos inverosímis, dá asistencias de gol das que se ven poucas, provoca tarxetas… E o bo roio que transmite, unha deportividade que non se ve nin na liga de peñas, partíndose o cu e departindo amigabelmente con árbitros e rivais. A súa vestimenta “de calle” e os seus peiteados son trending topic na Coruña.

-De branco inmaculado
A cantante cordobesa afincada na Coruña dende hai bastantes anos, Vega, mundialmente coñecida por pasarse medio concurso chorando participar na edición de 2002 de Operación Triunfo, desafiou ás superticións casándose e posteriormente embarcándose o pasado martes 13 de maio. A prensa fíxose eco de tal acontecemento publicando unha morea de fotos dos noivos e convidados na viaxe por catamarán e analizando polo miúdo os atuendos.

El (un dos donos da Estrella Galicia) levaba unha chaqueta blazer beige e garabata celeste, e ela vestía de branco, coma o seu equipo da aialma. Aí Josemari non andivo nada fino.

-Berizzo no Celta
Desta vez volta a Vigo coma adestrador e o certo é que xa nin me lembraba del, só recordo que tiña cara de equino, que repartía bastante leña, e as súas declaracións homófobas de cando xogaba no Marsella, coma por exemplo que “Me causa repulsión que un homosexual se bañe en tu ducha (bañarse nunha ducha?), que te vea las nalgas con deseo y que se emocione, ¡qué asco!”, ou “Prefiero jugar al lado de un drogadicto que de un homosexual, porque las drogas te transforman pero no te degeneran”. Noooon, para nada!

-Comando Calderé
Neste blogue somos fans de Ramón María Calderé dende os seus tempos coma futbolista polas súas pintas e en especial dende 2008, cando foi aldraxado e torturado pola guarda civil en Murcia. Mais agora que volta á palestra polas súas incendiarias roldas de prensa, como esta de hai un par de semanas en Ferrol, esiximos que aposten dunha puta vez por el para adestrar nun clube da elite (o Barça sería unha boa opción e non o paspán de Luis Enrique) e que se confeccione dende xa este proxecto de bufanda da peña Os Curriolos. “Calderé, quen te viu e quen te ve!!”

-Cañita Brava e Sissoko, mesma loita
E voltando con Sissoko, Pableras, responsábel do desarticulado aparato de captación de Renaldinhos & Pavones, mandóume hai unhas semanas un parecido razoábel difícil de entender pero que encaixa perfectamente coa filosofía do blogue. Sissoko con Cañita Brava.

Esta grande achega ocurriúselle durante un desprazamento seguindo ao Depor a Miranda de Ebro. Así nolo explica: “O contexto da foto é que foi sacada á saida dos xogadores do hotel para ir ao estadio (?). Xa saíran todos, xogadores, técnicos, utilleiros, etc.. e faltaba Sissoko, que apareceu de último, medio enfurruñado e pretendendo subir ao autobús pola parte traseira esquerda (onde non hai porta), ante o estupor e as risas da xente. Non faltaron comentarios de que debía estar acabando de comer, que andivo repañando as sobras dos postres dos compañeiros, que non lle botaron nata no flan…” Aí queda iso.

-O penalti de Djukic
O pasado venres estiven a ver en directo o programa radiofónico Turkia. A anécdota futboleira e espectacular da noite correu a cargo de El Hematocrítico, que lembrando o partido da perda da liga do Depor no que se cumpriron 20 anos hai uns días, dixo que el estaba no campo e tan borracho que cando Djukic errou o penal dixo todo cheo de razón que “TRANQUILOS, QUE QUEDA TODA A SEGUNDA PARTE”. Póñome na situación dos colegas e non sabería se cargarme a Djukic, González ou ao Hematocrítico.

 

Arquivado en Actualidade, Idas de olla | 6 Comentarios »