A camisola gay do Bochum

29 de Xuño do 2014 publicado por o traveseiro

Onte celebrouse o Día Internacional do Orgullo LGBT (lesbiana, gay, bisexual e transexual), e bueno, o certo é que non é que estea moi a prol deste tipo de celebracións, tampouco en contra. Penso que cada persoa pode ter a identidade ou orientación sexual que desexe e se debería ver como algo normal, sen necesidade de buscar un día o ano para orgullecerse da súa condición, pero o dito, que paréceme ben, que se aínda por riba vale para facer festa pois caralludo.

Este feito dáme para publicar a foto do adefesio de camisola do clube alemán do Bochum VFL de hai uns anos. Non sei a ciencia certa se é para homenaxear ao orgullo gay, pero estiven a pesquisar e disque nesa cidade fundouse en 1970 a Homosexuelle Aktionsgruppe Bochum (HAB) primeira asociación gay estudiantil de autoaxuda. Sexa como for, o certo é que fea de carallo.

No estado español non creo que haxa precedente de camisolas de clubes de fútbol con referencias ao movemento gay. Como moito camisolas que receben críticas por considerar, non poucos afeccionados, que teñen cores amaneradas. Serva coma exemplo a segunda equipación de cor fucsia do Real Madrid para a vindeira tempada, en plan chicle Cheiw de fresa ácida, ou, máis recentemente, a titular do Celta de Vigo.

Á marxe disto, e postos a reinvindicar, amosamos a nosa solidariedade cos afeccionados do CD Ourense, que as están a pasar moi putas co seu equipo, que descenderá a Terceira (desaparecerá) se non paga mañá 160.000 euros.

Os frikis futboleiros lembramos o Ourense presidido por Manolo Rois, o formado cos descartes do Celta e Depor (Noly, Rodolfo, Modesto, Dacosta…) dos Bericat, Montoto, Mugüerza, Ares, Adolfo, Pichi… Dos estranxeiros exóticos, coma Festus Agu, Baba Sule, Ljubojevic… ou o gran Ivica Mornar. Da famosa parella de adestradores, caso único no fútbol español profesional, Fuertes e Teixidó; doutros técnicos míticos, coma Rodríguez Vaz ou Mario Guede, e, por que non, de Manolo Preciado, que xogou catro tempadas en O Couto e onde se sacou o título de treinador. Por todos eles, pero sobor de todo, polos afeccionados… SOS CDOURENSE.

 

Arquivado en Adefesios | 5 Comentarios »