O pasado día 28 de xuño foron entregadas en Compostela as Medallas Castelao, que dende 1984 outorga a Xunta para «homenaxear a aquelas persoas ou institucións que desenvolveran, dentro ou fóra de Galiza, unha obra artística, literaria, cultural, científica ou en calquera outra liña que o faga merecedor desta distinción». Botándolle unha ollada á listaxem de premiados concordo co que cada ano van a pior, e que, no eido futbolístico, que é do que vai isto, foron recoñecidos até hoxe Luis Suárez (1989) e Amancio Amaro (2001). E digo até o de agora porque nesta edición foron condecorados así, de súpeto, a dous persoeiros: Arsenio Iglesias e Michel Salgado.
Logo falaremos deles, mais antes de nada, unha dúbida. Sabemos se Castelao gostaba do fútbol? E se tiña algún tipo de afinidade por algún clube? Nin puta idea. Só, a bote pronto, acho tres detalles, bastante peregrinos ademais, que o relacionan con este deporte.
1. Foi soterrado, tralo seu pasamento en xaneiro de 1950, no famoso cemiterio da Chacarita, en Bos Aires. Este camposanto dá nome ao equipo Chacarita Juniors, alcumado coma «Los Funebreros» e polo que teño predilección (e a súa camisola). Fundouse coma o Deportivo e a Estrella Galicia, no ano 1906, e por riba un 1º de Maio nun local dunha sección do partido socialista.

2. O novo emblema de Galiza ideado por Castelao en 1937 foi redeseñado a mediados dos noventa polo debuxante Miguelanxo Prado, aparecendo por primeira vez na desaparecida revista Bravú no primeiro número, adicado á selección galega. Substitúe o «Denantes mortos que escravos» por «…que goleados» e a fouce e a estrela vermella por un balón setenteiro.
3. Na súa faceta coma debuxante e caricaturista, retratou nos primeiros anos vinte a un xove futbolista do Eiriña de Pontevedra, Fernando Fariña.

Fariña foi un dos grandes futbolistas galegos da historia. Practicamente fixo toda a súa carreira no Deportivo (onde foi capitán e un dos primeiros xogadores en ter ficha profesional), agás nos seus comezos e tamén durante unha xira que fixo co Celta por Sudámerica en 1928. Fíxose famoso porque sempre competía cunha boina encasquetada na cabeza. Seica mercábaa de talla pequena, mollábaa e poñíaa na cachola, e cando secaba era imposíbel que se lle saíra en ningún lance do xogo.
Tras retirarse, exerceu de mestre en Porto do Son e máis tarde nunha escola en Cobas, onde din que inculcaba aos rapaces novos valores como a tolerancia, a xenerosidade e a liberdade de expresión. No relativo ao fútbol, seguiu como adestrador, preparando, ademais de Deportivo, ao Rácing e Arsenal de Ferrol, a este último durante 21 tempadas. Salientar que, coma nós, odiaba o fútbol negocio, nunca cobrou por adestrar, e segundo dicía nas entrevistas «do fútbol nada quero, agás ver o froito do traballo feito».
Despois desta ida de pinza, imos cos agasallados futboleiros deste ano.
Miguel Ángel Salgado Fernández.
Que tempos aqueles no blogue en que o de As Neves era puteado un día si e outro tamén. Imposíbel esquecer aquela vez que atopei de miragre a delirante web do seu club de fans (localizado en Tarragona!). O mellor de todo foi que tralo post sobre o devandito clube as administradoras puxéronse en contacto connosco ofrecéndose para que lles fixeramos unha entrevista. Ledes ben… nós a elas!

Pois iso, que o tiñamos un tanto esquecido. Até agora, porque grazas á concesión da Medalla Castelao, volve ao Traveseiro. Malulo, como era coñecido por moitos madridistas por estar casado con Malula, filla do mafioso, corrupto e facha expresidente do Madrid, Lorenzo Sanz. Esta é a transcripción literal do seu discurso, adicado na súa práctica totalidade a familiares, amigos e ao finado escritor Carlos Casares. Salientar tamén que utiliza a forma «Galiza» para denominar ao país, moi pouco utilizada polo famoseo patrio.
«Bueno, vamos alá, hehehe. Excelentísimo presidente de… señor presidente da Xunta de Galicia, excelentísimo chanceler, queridos compañeiros galardoados, autoridades e representacións, señores e señoras, en primeiro lugar quero dar as grazas a aqueles que me… que me consideraron merecedor dunha das máis importantes distincións de Galiza. Síntome realmente orgulloso porque recibir esta medalla significa o máis grande, que é o recoñecemento do teu povo e a túa xente. Non podo deixar de pensar na felicidade que tería o meu antigo profesor de literatura e magnífico escritor Carlos Casares vendo recibir este premio. Meus pensamentos son para el.
Como non, aquí están… están comigo as persoas máis importantes da miña vida, a miña muller, os meus fillos, os meus irmáns, os meus sobriños e un amigo que leva coidándome moitos anos, xa sabe quen é, e que o considero parte da miña familia. Está alí ao fondo. A todos eles quero dedicarlles esta medalla, porque merecen ser unha parte dela. E quero darlles as grazas por aguantarme cada día nos momentos bos e malos que tra… que trae esta vida. Pero por enriba de todo, quero dedicar esta medalla aos verdadeiros gañadores e merecedores dela, os meus pais. A eles debo todo o que teño e ser como son. Eles son os responsables de forxar o meu carácter galego e loitador. Con pouco máis de vinte anos e sen ape… e sen apenas ler e escribir emigran a Brasil cando non había traballo en Galiza para sacar adiante a dous fillos. Voltan a Galiza case vinte anos despois e teñen que seguir traballando aínda máis duro para sacar adiante un erro nacido en mil novecentos setenta e cinco. Un erro real, hehehe. Ese erro, que está aquí agora mesmo recibindo este premio, non ten palabras para agradecer ese esforzo e cariño de pais, os que xa non podo agradecer en persoa.
Por último, quero dicir que recibir esta dist… distinción a tan corta idade supón unha responsabilidade aínda maior para seguir traballando e deixando o nome de Galiza e Castelao no máis alto. E noraboa a tódolos compañeiros galardoados e moitas grazas».
Arsenio Iglesias Pardo.
A diferencia de Salgado, Arsenio non tivo a penas lugar no blogue, tan só algunha que outra vez no que nomeamos algunha das súas célebres frases como a pronunciada nos tempos do Super Depor… «mecagüen dios, tanto super e tanta hostia!» e que non nos cansaremos de dicer que deberá figurar con letras de ouro nunha suposta camisola de conmemoración dos 25 anos (p.ex.) da formación daquel equipo.

No seu discurso, moi breve, un Arsenio visiblemente emocionado, fai referencia a un dos contos de Castelao recopilados en Cousas e máis á coñecida frase pronunciada por un dos grandes blufs fichados polo Deportivo na época prelendoriana, o peruano William Huapaya. Velaí vai pois o seu discurso, tamén literal.
«Moitas gracias señor presidente. Bos días a todos os presentes. Desde o momento en que me comunicaron que eu era un dos premiados e que terei que falar nun auditorio tan distinguido, acordeime dun dos contos de Castelao: ‘O barbeiro de sábado’. Recordei o barbeiro de sábado… amaba os libros que el non entendía, e gustaba lelos enteiros. Coa testa pousada nas mans ao xeito dun pensador, dicía ‘estou profundando, e non podo profundar máis porque non sei latín’. Eu tamén empecei a profundar, pois non me aclaraba moito, e tampouco sei latín. Con este pensamento que me perturbaba un pouco acordeime dun xogador que estuvo comigo no Deportivo, un xogador estranxeiro, que cando o vía un pouco agitado eu preguntáballe ‘¿Cómo se encuentra hombre?’ El dicíame ‘muy exigido’. Eu tamén me atopo ahora muy exigido, y solamente quero dicirlle muchas gracias señor presidente y muchas gracias a todos ustedes».
Aclarar que a imaxe de Arsenio corresponde ao deseño dunha camisola creada pola peña deportivista Os Curriolos, baseada na letra do tema «Oda a Arsenio» dos Diplómaticos, e á venda por oito pavos en A Cova Céltica (Coruña).
Ao fío disto, comentar o patético que resulta o xornal zómbico El Ideal Gallego, que acompaña como imaxe á nova da felicitación do Deportivo a Arsenio unha no que aparece o homenaxeado durante un adestramento co Real Madrid. Pero iso non é o pior, senón que vai ataviado cun horrible chándal Kelme… que me cago en diola! Claro, que a escollida destoutra vez, con chándal Rox con motivos mariños tampouco é para enmarcar. Malditos noventa.
Para rematar, premede aquí se queredes ollar ao completo toda a entrega de medallas. Dura algo máis de cincuenta minutos. A partires do minuto 14:00 podemos ver a Arsenio e no 31:40 a Míchel, e para botaros a durmir, no minuto 36:00, o discurso de Feijoo.