Até o 40 de Maio non te quites o chaleco antibalas

11 de Xuño do 2013 perpetrado por o traveseiro

Augusto César Marcos, fillo primoxénito do presidente do Deportivo, home con tres nomes e que comparte acrónimo coa Associació Catalana de Municipis e coa Asociación de Celiacos de Madrid, datos de vital relevancia… acode aos partidos do Fabril (para os modennos Deportivo B) no palco (?) do campo de Abegondo provisto de chaleco antibalas.

Esta prenda, de seguro que mercada a prezo de ouro en Hierro y Albero ou nalgún antro do estilo, protexe do posíbel impacto de proxectís no seu peito e abdome. Que por que non leva protección na testa? preguntarédesvos, pois porque tanto el coma o seu pai e o resto dos conselleiros do Deportivo teñen a cara tan dura que nen sequera unha bala de prata faralle dano algún.

Con estes modelitos, como ese raquítico xersei, pantalóns de pinzas remangados por abaixo e sen calcetíns como de ir pescar panchos, mocasíns… Lendo Jr. pasa totalmente desapercibido por Praza de Vigo e Rúa Juan Flórez, pero que non se achegue así por Labañou, Agra do Orzán ou A Sagrada porque pode levar as do pulpo. Nin o chalequiño de marras o salvará.

Por certo, aguantando a respiración mergulleime un pequeno intre polo facebook de Hierro y Albero. Velaí vos deixo esta recomendación para o pasado San Valentín. Por favor, vomitade por dentro.

«Ideas para San Valentín:
Complementos para caballero con un detalle muy español. Las billeteras y tarjeteros de piel!
Para ella como para él, llaveros con motivos ecuestres… Ideales verdad?
Pulsera para ellas. Hemos elegido la fucsia color del capote y la de banderitas españolas…son monísimas!»

 

 

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Adefesios | 9 Grandísimas aportacións »

A feira cabalar

31 de Maio do 2013 perpetrado por o traveseiro

A pasada semana tivo lugar en Compostela a famosa Feira Cabalar de Amio, que contou con milleiros de asistentes como é costume e coa presenza de setenta equinos. Unha mágoa a ausencia obrigada polos compromisos deportivos do madridista Sergio Ramos, porque de seguro que algún premio se levaba na categoría de concurso morfolóxico e quen sabe se tamén na de cabalos cruzados. Unha mágoa como digo porque para algo que podía gañar este ano…

De tódolos xeitos, o mundo do fútbol estivo ben representado co que fora futbolista internacional austriaco e actual técnico do  Austria Viena, Peter Stoger.

E falando de competicións, tamén estes días disputouse en Cambrills (Tarragona) o XI Torneo Internacional de Fútbol 7 para policías, no que participaron un total de trinta equipos. O campión resultou ser o equipo da Policía Local de Arteixo, que gañou a pesar de que non contaba con apoios na vila coruñesa, xa non pola inseguridade cidadá, senón que namentres estes estaban por terras catalás os bares arteixáns baixaron considerabelmente os seus ingresos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Adefesios | 10 Grandísimas aportacións »

Contra o descenso… botox

31 de Marzo do 2013 perpetrado por o traveseiro

Como adoita a pasar seguramente sexan paranoias miñas, mais dáme a sensación de que tanto o adestrador Abel Resino coma o seu axudante, José Serer, teñen menos engurras na faciana que hai vinte anos, cando eran futbolistas. Mami silicón, no quiero más estrías; mami silicón, mami silicón, botox de chocolate!

No caso de Serer, o segundo técnico, ácholle certa semellanza con FÚJUR, aquel famoso bicho do filme ochenteiro de «La Historia Interminable».

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Adefesios | 2 Grandísimas aportacións »

Cheryshev Fashion Week!

22 de Febreiro do 2013 perpetrado por o traveseiro

O sempre hostiábel deseñador de moda Karl Lagerfeld fixo hai pouco unhas declaracións que crearon unha forte polémica malia ser grandes verdades. Por un lado cualificou como gorda á cantante británica Adele e por outra que os rusos eran feos. Concretamente declarou que «si fose unha muller rusa, sería lesbiana: os homes son extremadamente feos, aínda que hai algunha excepción como o noivo de Naomi Campbell». Porén, segundo a web de citas de elite para xente guapa beautifulpeople.com, os rusos son os máis rexeitados, todo sen saber aínda que tamén cheiran a pés. Alomenos iso di a faladuría popular.

Esta obviedade corroborámola ao ver a foto de Dmitri Cheryshev e do seu fillo Denis (primeiro ruso en xogar co Real Madrid) nunha foto tirada hai coma dez anos, na cal tamén podemos olla-lo penoso e charramangueiro aspecto do pai. Esas noxentas pintas xa eran horrendas e estaban desfasadas xa hai unha década, polo que non hai escusa que valga.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Adefesios | 4 Grandísimas aportacións »

A mascota Özil

31 de Xaneiro do 2013 perpetrado por o traveseiro

Na traxectoria oficial do futbolista do Real Madrid Mesut Özil figura que fichou nas categorías inferiores do Schalke 04, equipa da súa localidade natal, en 2005, omitindo un relevante dato que destapamos nós agora.

Özil, antes de ser futbolista profesional, gañábase de neno os garavanzos actuando como mascota, como demostra esta imaxe súa abrazando (ou algo máis!) agarimosamente ao mítico Olaf Thon na súa segunda etapa no Schalke, en 1996.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Adefesios, Cuspidinhos, Idas de olla | 2 Grandísimas aportacións »

Á súa imaxe e semellanza

22 de Novembro do 2012 perpetrado por o traveseiro

Así coma deus fixo ao home á súa imaxe e semellanza agora entendo o porqué do antiestético, repelente, horrendo, desagradábel… e tódolos cualificativos que se vos ocorran, deseño das novas camisolas da Selecció de Catalunya a cargo de Ángel Custodio Dalmau Salmón, coñecido mundialmente coma Custo Dalmau (na imaxe).

Asáltame a dúbida se este home irá ás manifestacións… ou ficará na casa con Arturo Fernández?

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Adefesios | 1 Grandísima aportación »

Rupert, te necesito! (2)

18 de Xullo do 2012 perpetrado por o traveseiro

O balompé está a chegar até tal punto que até aos xogadores do infrafútbol xa non lles basta con imitar aos profesionais calzando esas putas botas de cores (botas negras xa!) e o metrosexualismo en xeral, senón que tampouco teñen reparos en pousar para a imprensa deportiva local para que todos vexamos a súa falta total de dignidade e vergoña.

Disto a un emo hai un paso

Sirva coma exemplo o lateral esquerdo Jorge Rebollo, unha das fichaxes do Betanzos para esta tempada, procedente do Bergantiños. Desta guisa xa non sabemos se a imaxe é dun futbolista, un fotograma de El Cuervo, un bosquexo para o cartaz do Festigal 2012, ou a capa de Héroes, un bodrio de Ray Loriga, autor da célebre cita «La verdad es que cada vez me gusta más el fútbol y menos la vida» . Mais para frases, as clásicas que escoitaría Rebollo de boca dos nosos vellos e vellas: «Corta o pelo e faite un home», «pareces un droghadiño» ou «quita o pelo da cara ou levas unha hostia».

Un Rebollo, por certo, que substitúe no Betanzos a Juachi, que á súa vez ficha polo Cerceda, un coruñés que apuntaba maneiras e que tras saír do Fabril estivo a face-lo pavón por eses campos de deus, sobre todo pola zona de Murcia, ¡qué seca hermosa eres!… coma o propio Real Murcia B, Caravaca, Costa Cálida, UCAM Murcia…, e logo tamén Conquense ou Lanzarote antes de voltar a Galiza.

P.D. Máis autobombo: Rupert, te necesito! (1)

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Adefesios | 4 Grandísimas aportacións »

Os dorsais de Rubik

5 de Xullo do 2012 perpetrado por o traveseiro

Despois da grande aceptación (?) por parte dos seareiros do Deportivo da Coruña das camisolas para a vindeira tempada deseñadas por Lotto, agora chegan os dorsais.

Nesta ligazón podemos olla-lo minucioso traballo dun dos creativos da prestixiosa marca italiana, que, como podemos apreciar, utiliza un dos últimos, modernos e sofisticados programas informáticos para deseña-los dorsais das novas camisolas: A serpe de Rubik.

E falando de camisolas, mólanme cantidade as comercializadas polo Corinthians para festexa-lo campionato da Libertadores, en especial as de «Contra tudo e contra todos» e «Cala a boca». Iso son deseños e non a aberración ideada polo Deportivo co gallo do ascenso.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Adefesios | 27 Grandísimas aportacións »

Un vicio coma outro calquera

28 de Xuño do 2012 perpetrado por o traveseiro

Tanoréxico perdido (e paquete)

A tanorexia, ou adicción ao bronceamento, é o termo usado para describir unha condición na cal unha persoa xera unha necesidade obsesiva para lograr un ton de pel máis escuro, xa sexa tomando o sol ao aire libre ou en cabinas de raios UV, que nunca pode alcanzar ao crer ter un ton moito inferior ao real.

Segundo os médicos, trátase dun vicio similar a poñerse até arriba de alcol, tabaco ou outras drogas. En casos estremos, coma o de enriba, pode ser indicador de padecer un trastorno dismórfico corporal, detallado xa polo miúdo noutra entrada.

E falando de viciosos, o prestixioso columnista do Times of India, Maradona, pide no seu artigo unha estatua en Lisboa para o da foto. Si, iso, para que lle caguen por riba as pombas!

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Adefesios | 3 Grandísimas aportacións »

Caldeirada de Ribery

15 de Xuño do 2012 perpetrado por o traveseiro

Non se nota nin nada que estamos a pasar olimpicamente da Eurocopa de fútbol. Sen selección galega e sen a presenza, como é obvio, da República Popular Democrática de Corea, non nos queda ninguén ao que alentar, aínda que apoiamos as preferencias dunha ampla maioría dos galegos.

O Conde Orlock futbolista

Mais a pesares de todo iso non somos alleos á marea informativa eurocopeira. Porén, non podemos deixa-la oportunidade de publica-la arrepiante imaxe de Franck Ribery tomando un baño no pote dos callos recheo con augas radioactivas enviadas expresamente á concentración francesa en Ucraína dende a lagoa de Meicende, aka MyCende (Concello de Arteixo).

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Adefesios | 3 Grandísimas aportacións »

« Entradas Anteriores

Apoiamos a Isaac Díaz Pardo