Valladolid, o mellor castelán do mundo?

25 de Febreiro do 2014 publicado por o traveseiro

É por todos e todas de sobra coñecido que os afeccionados do Valladolid son do peorciño do Estado en canto a fidelidade ás súas cores e en animosidade, como na maioría dos afeccionados castelán-leoneses (agás o Mirandés e Ponferradina, baixo o meu punto de vista). Non enchen os seus campos, non viaxan, e os que si van ao fútbol ofrecen vergoñentas imaxes envoltos en mantas. Só lles falta a bata e as zapatillas.

E tamén sabiamos, ou cando menos estamos fartos de escoitalo, que en Valladolid fálase o mellor castelán do mundo. Pois vai ser que niso tamén fan o ridículo, oigan.

ANALFABESTAS RVCF

A foto foi tirada nesta pasada xornada. Nela aprézase a gaiola onde se ubican dous dos grupos ultras locais, os dereitistas Ultra Violetas e os “apolíticos” Komando Violeta. Hai outros dous grupos, de esquerdas, Frente Esgueva e Fossa Garrafoni, que ubícanse en diferentes bancadas por non se sabe moi ben que motivos pero que aínda que se xuntaran serían igualmente catro e o bombo.

Pero vamos aos da foto. Os tipos sacan unha faixa cunha lenda dirixida aos xogadores aos que esixen a que se deixen a alma no campo, que para iso eles se deixan as gorxas. Á marxe da cutrez da faixa, escrita a pulso e spray sobre papel marrón de embalar… contén unha importante gralla gramatical.

Efectivamente, ese “dejaRos” dana a vista, porque tratándose dun imperativo, a forma correcta sería DEJAOS. Ofrece pouca xustificación, a non ser que fagan como os de Extremoduro, que cando presentaran o seu disco en directo “Iros todos a tomar por culo”, Robe explicara en rolda de prensa (sen que ninguén lles preguntase polo erro) que puxeron IROS no canto de IDOS porque se non a xente pensaría que estaban TOLOS.

Queda por saber porque salientan a O de “dejaros”. Segurante represente o ollo do cu do Real Valladolid.

 

Arquivado en Analfabestas, Pregunta para nota | 3 Comentarios »

Que fai Míchel?

29 de Outubro do 2013 publicado por o traveseiro

A procura entre o lixo-arquivo da manida foto de Luís Enrique desfilando co nariz vendado no servizo militar non foi tan infructuosa. Porque o fillo de Amunike non apareceu, pero si José Miguel González Martín del Campo, coñecido futbolisticamente coma Míchel.

Xa a tiña recurtada da páxina do xornal polo que non podo saber con seguridade de cando é, mais tendo en conta que leva unha camisola de adestramento da marca Hummel publicitada por Otaysa… estará datada en 1992 máis ou menos. Tampouco sei os motivos de que a recurtara, mais maxino que naquel intre sería para putear a compañeiros madridistas do instituto.

Mais remítondome ao cabezallo: que cona fai Míchel? Estas son as miñas tres teorías:

– Estaba facendo abdominais.
Se é así semella que as está a facer mal, erguendo os pés do chan e sen as mans repousadas, o cal ten delito tratándose dun futbolista profesional. Os acenos de dor delatan que ou levaba moitas feitas ou xa non podía co puto cu.

– Estaba cagando (coma o neno bombeiro).
Véulle un apretón e quixo facer o mesmiño que Gary Lineker no Mundial de 1990, arrastrándose coma un verme polo céspede do campo de adestramento.

– Estaba secuestrado.
Posibelmente polo C.E.M (Comando de Exterminio Merengue), que existiu porque lembro que había camisolas con esa lenda. Até o de agora non se coñecían accións do grupo pero cabe a posibilidade que o maniataran para posteriormente sodomizalo, de aí a cara de dor do ínclito.

Arquivado en Pregunta para nota | 2 Comentarios »

Que facemos con Diego López?

20 de Febreiro do 2013 publicado por o traveseiro

Sei que moitos agardaredes unha entrada sobor o caso Salva Ballesta, mais é un tema moi trillado xa, e case que vou pasar de tocalo. Só comentar que se Santi Cañizares, que seica púxoo o outro día a caer dun burro na radio, ocupa un lugar destacado na nosa odioteca… onde estará Salva?!

En fin, que hoxe é a quenda do “noso” Diego López, que como saberedes voltou coma o fillo pródigo ao Real Madrid, a equipa que lle deu porta xa hai bastantes anos. E a pregunta non ma fago eu, senón os ultras sur. Explícome:

Resulta que en setembro do ano 2008, Diego López concedeu unha entrevista ao xornal El Progreso, e nunha desas dinlle que… “E, fóra do campo, que despexaría de puños?”. O de Paradela resposta que “o racismo e a violencia é algo que non soporto. A nivel político, repúgname que haxa xente en España que non se sinta español e que queira separarse. Eu síntome español e galego, por suposto”.

Grande cuestión á que se enfrontan os ultras sur. Que facer con Diego López? O animamos ou non? Pode que na procura da resposta lles estoure a cachola, aínda que tampouco se perdería moito, dito sexa de paso. Por unha banda, estes suxeitos son extremadamente racistas e fan apoloxía da violencia, polo tanto deben apupar a Diego López. Pero por outro lado, teñen que poñer ao porteiro no olimpo dos deuses porque, coma eles, tamén lle repugna a xente que non se considere español e non desexe pertencer a España.

Na balanza tamén deberían poñer o feito de que Diego López cando sube ao seu pobo fala con seus achegados en dialecto vernáculo, algo inadmisíbel para os notas estes.

Na imaxe, aproveito para salientar o parecido físico de Diego López con Gallofa, personaxe de Los Aurones, infecta serie oitenteira producida en España destinada para público infantil (sen chegar ás merdas televisivas de Los Fruitis e Mofli, el último Koala, tamén españolas). Salientar que a aldea destes bichos chamábase O Poboado, igual que o campo do Endesa de As Pontes (daquela en Segunda B) dando lugar a delirantes paridas como “Gol no poboado… marcou Poti Poti, outro persoeiro.

Arquivado en Pregunta para nota | 9 Comentarios »

As nosas cores?

29 de Agosto do 2012 publicado por o traveseiro

A idiotización dos afeccionados ao fútbol está chegando até tal extremo que se escandalizan por unha parida tal coma que un futbolista do Atlético vaia a mercar á tenda do Real Madrid. Ben no está, máis tampouco é para crucificalo.

Non acontecía así hai vinte anos, onde tres iconas da época do Real Madrid e Barcelona, Michel, Butragueño e Zubizarreta, pousaban para a prensa travestidos coa uniformidade oficial completa dos seus acérrimos rivais. Michel, de atlético; Butragueño, de culé; e Zubi de madridista. Se iso o fan no ano 2012 habería como mínimo lapidación iraniana para os tres. Merecida en todo caso, mais non polo asunto da camisola, senón por saír en playeros. Horreur!

Arquivado en Pregunta para nota | Comentarios desactivados en As nosas cores?

Os canarios do Depor… independentistas?

31 de Maio do 2012 publicado por o traveseiro

Pousan así de contentos coa bandeira tricolor antes da cea de celebración do ascenso. De esquerda a dereita, Ayoze Díaz, Manuel Pablo García, Juan Carlos Valerón e Aythami Artiles. Mira ti por onde gañámoslle ao Barça por goleada, que só teñen un.

Arquivado en Pregunta para nota | 10 Comentarios »

Onde cona é que vai o noso diñeiro?

26 de Abril do 2012 publicado por o traveseiro

Recortes en sanidade, educación, I+D… namentres os clubes de fútbol deben un pastón ao Estado, cousa que non impide que segan fichando por un tubo e os dirixentes dos clubes, xa de paso, forrándose. En Europa flipan e aquí pasamos de todo. Bueno, non todos…

Porque ser futboleiro non significa ser “débil mental, subnormalito, mongólico, simiesco…” (Sánchez Dragó dixit). Nós gostamos do xogo pero estamos até o carallo do fútbol negocio, por iso deberiamos difundir cartaces coma o de enriba. Editado por As Filhas, pódese descarregar, imprimir, copiar, colar… tanto a cor coma en branco e negro, en galego-portugués e tamén en castelhano de Castilla.

A marxe disto, grandes putadas os nomes que figuran na ligazón á nova de que a Comisión Europea investiga as débedas dos clubes coa Facenda. O do director da escola de negocios IESE, Sandalio Gómez (“Hola, me llamo Sandalio, pero mis amigos me llaman Chanclo”) e o do mestre da Universidade de Barcelona que segue as contas dos clubes, José María Gay.

P.D. Cartaz e ligazón vistos previamente no C.C.C.P (Centro de Cultura Contemporanea Persoal).

Arquivado en Pregunta para nota | 7 Comentarios »

Deportistas: por que non se suicidan máis a miúdo?

9 de Decembro do 2011 publicado por o traveseiro

Na capa do Marca de antonte anunciaban un “REPORTAJE: ¿Por qué llega al suicidio un deportista de élite?” Aos do panfleto deportivo madrileño pásalles un pouco como a min, que non lles gosta moito escreber (coa diferencia que eu non cobro por elo) porque logo abres o xornal e esa “reportaxe” que pintaba ben tradúcese en dúas páxinas que se  lle quitas as imaxes (unha inmensa do marcador de Goodison Park lembrando a Gary Speed, seleccionador galés que se aforcou o outro día; outra non moito máis pequena do funeral de Robert Enke; unha máis deste porteiro que cascou tirándose ás vías do tren; e finalmente unha de Babat Rafati, un árbitro alemán que a semana pasada tentou suicidarse curtándose as bonecas) fica tan só un texto de merda que cho les en medio minuto.

Suicidio colectivo xa!

E aínda por riba os psicólogos consultados tampouco din nada que non saibamos, coma que os deportistas de elite están sometidos a presión (coma calquera persoa) e que tipos coma Speed tamén poden estar deprimidos aínda que teñan éxito no seu traballo e teñan cartos. Nos ha jodío, pois menuda novidade.

E logo está a ridiculez da cuestión formulada… que leva a un deportista profesional a prantexarse o suicidio ou mesmo levalo a cabo? A miña pregunta, que gostaría que me aclararan eses afamados psicólogos é o por que non se suicidan máis a miúdo, sobretodo moitos futbolistas e exfutbolistas españois.

Aí temos o exemplo de Álvaro Benito (foto superior), futbolista que ía para figura do Madrid e que unha chea de lesións obrigárono a pasar polo quirófano varias veces (incluíndo transplante de ligamentos dun cadáver) e que non só o levou ao suicidio senón que se vingou da sociedade facéndose cantante (?) e guitarrista dun grupo pseudopunkpopeiro para quinceañeiras.

O flipao este iniciouse na música precisamente durante as súas longas convalecencias, aburríase e algún malnacido que debería ser levado ao tribunal da Haya por crímenes contra a Humanidade, agasallouno cunha guitarra. Unha historia semellante á de Julio Iglesias, outro 100% hostiábel que ía para porteiro do Real Madrid e que, cando tiña 19 anos, un accidente cando conducía un carro posto até as cellas case o deixa paralítico afastándoo dos seus soños coma profesional do balompé. Tivo que estar encamado dous anos, mais lonxe de suicidarse, déuselle por aprender a tocar unha guitarra de tuno que algún fillo de puta como o de Alvaro Benito lle regalou. O demencial resultado xa é por todos e todas coñecido.

Chema Buceta, psicólogo durante sete anos do Real Madrid, di falando do caso do árbitro alemán que quixo suicidarse porque o obrigaban a retirarse pola idade (“¿Queréis verbenas? pues ver venas!”, debeu poñer na súa nota de despedida), motivo segundo el máis que suficiente para curtarse as venas: “Dejar de hacer lo que te gusta es un gran problema. La jubilación anticipada te va arrinconando hasta que te aparta de lo que más te gusta. Eso genera estrés, depresión…” E nomean ao colexiado Iturralde González, que cancelou a súa conta en Twitter por sentirse presionado. Un Iturralde por certo, que se xa me caía ben porque tras manter unha pequena conversa con el e porque rara vez perdía o Depor con el arbitrando… agora de putísima madre tras coñecer que tivo unha banda de punk, que cantaban en euskara, que estaban influenciados por grupos coma Kortatu, Negu Gorriak, RIP, Eskorbuto…, que ten máis de 20.000 discos… pero iso xa é fariña doutro costal. O caso é que con eses antecedentes, se non se matou ou o fixo a heroína, non o vai facer agora polas estúpidas presións vía twitter dos xornalistas e de catro afeccionados mamarrachos.

E para rematar, e xa que tamén sae na foto, Guti, que recentemente anunciou que se retira do fútbol pero moito me temo que non o seu suicidio, porque a Guti non o xubilan, xubílase el, e ademais tampouco deixará de facer o que máis gosta, que non se trata precisamente xogar ao fútbol, senón ao golf, saír de festa e enroiarse con cachondas.

 

Arquivado en Pregunta para nota, Puto Guti | 11 Comentarios »

Webmaster. Vale calquera?

17 de Setembro do 2011 publicado por o traveseiro

Grazas ao twitter de Miguel Piñeiro descubro o ben feita que está a web dunha equipa humilde coma o C.E. Sabadell. Sen ir máis lonxe, pódese ler en catalá, inglés e castelán, algo aparentemente normal e lóxico nunha páxina de calquera clube profesional, agás os galegos, claro. 🙁

Esta semana están a publicar unha serie de reportaxes sobor o partido entre o Deportivo e o Sabadell desta xornada, coma unha entrevista a Yann Songo’o, fillo do que fora porteiro deportivista que medrou na Coruña e que fichou hai poucos días polos arlequinados; outra ao seu director deportivo, que debutou co Barça en Riazor, e finalmente a Pedro Muñoz, ex-xogador de ámbolos dous clubes. A verdade é que a entrevista está caralluda, xa non polo feito de estar en catalá, senón que o lugar escollido foi o Centro Galego Nós de Sabadell, e todo amenizado cunha enchenta de polbo á feira e bebendo cervexa Estrella e viño galego.

O certo é que sinto un pouco de envexa de que, como dicía antes, un clube pequeno se curre esa web e este tipo de reportaxes, que de seguro repetirán cos seus vindeiros rivais, e a do Deportivo dea puta pena. E poño dous exemplos acontecidos no último mes.

1. O Deportivo xoga o Trofeo Teresa Herrera perante o Sevilla FC e os andaluces sorprenden ao persoal saíndo ao campo cunha faixa que reza “DEPOR, SEMPRE DE PRIMEIRA”. Sen embargo, para o manzanillo que escrebeu a crónica para Canaldeportivo.com, no apartado de incidencias…. “El Sevilla saltó al terreno de juego portando una pancarta en la que se leía: ‘Deportivo, siempre de Primera’, con lo que se ganó la ovación de la grada”. Esta castronada máis propia dun Jiménez Losantos da vida ou de La Razón e medios do estilo non pasou desapercibida nos foros oficiais da devandita web, pois coma di un tal PMI: “Non vou a entrar se esta páxina debe estar en galego ou en castelán. O que si quería denunciar é o maltrato que se lle da á língua galega. Non é de recibo que na nova na que se comenta a vitoria do Sevilla no Teresa Herrera aparece na fotografía o lema “Depor sempre de Primeira” e na redacción da mesma haxa unha traducción da frase ó castelán. Non me imaxino o webmaster consultar un traductor para saber como sería en castelán, supoño que se entenderá perfectamente aínda que sexa en galego. Me parece unha situación penosa: os sevillanos cunha pancarta decindo un lema en galego e os galegos dicíndoo en castelán. Creo que sería xusto que se rectificase o lema na redacción. Non fagamos o ridículo.”

Como era de supor non lle fixeron nin puto caso, pois non houbo rectificación, pero polo menos tampouco lle borraron a mensaxe, coma a min, cando me censuraran hai uns anos cando critiquei ao administrador por poñer unha nova sobre unha visita do vicepresidente do Deportivo á Real Academia Galega redactada integramente en castelán e deturpando os topónimos.

Ben, o caso é que o temiña da galegofobia dos dirixentes do Deportivo xa está hinchando os collóns a moita xente, até o punto de que un grupo de afeccionados estase a mover para lograr que o Deportivo deixa de excluír ao galego. Aquí tedes o folleto de apresentación.

2. O seguinte xa non ten que ver co tema do idioma, pero si coa incompetencia ou mala baba do tipo que administra a web oficial, que debeu sacar o título por CCC, ou así.

Esta é unha nova publicada como se apreza o pasado 17 de Agosto. O máis normal, penso eu, é que se queres poñer unha imaxe relacionada coa noticia, neste caso unha de Redondela… é que sexa unha dos coñecidos e centenarios viadutos do ferrocarril, por exemplo. Ou eu que sei… o escudo da vila. Sen embargo este señor opta por deixar unha do monumento de Os Cabalos, que non só non se atopa en Redondela, senón que está na Praza de España… de Vigo! E para agrandala barrabasada confirmamos que nese lugar sitúase a sede do Real Clube Celta!!

Que levaría a este homiño a cometer tremendo erro? Faríao a propósito? Ou se cadra estaba a fumar petas vendo á mesma vez un episodio de Bob Esponxa namentres traballaba e escoitaba na radio a popular canción “vexo Vigo, vexo Cangas, tamén vexo Redondela”? Combinación brutal.

Arquivado en Pregunta para nota | 10 Comentarios »

O 1º xornal deportivo… galego?

26 de Xullo do 2011 publicado por o traveseiro

Coidadiño, que os leitores vanse empachar de tanto galego!

O xornal deportivo coruñés DXT CAMPEÓN é un deses medios de comunicación galegos (como a inmensa maioría) aos que o idioma galego lles importa tres pementos e sen embargo, o día 25 de Xullo (Día da Pátria para uns, de Galiza ou do Apostol… para outros) publican a portada integramente en galego, porque “una vez al año no hace daño”, pensarían os seus responsábeis. Neste caso até tiveron a feliz (?) ocorrencia de suplir a clásica cor vermella do cabezallo pola bandeira galega.

Este exercicio de galeguismo é todo en plan postureo, un xesto de cara a galería, xa que logo abres o xornal e vas flipando conforme pasas as páxinas porque non atopas absolutamente ningunha nova nin artigo en galego. Todo o xornal está escrito en castelán na súa practica totalidade (40 páxinas) agás:

1. A portada paripé, que tedes aquí enriba.
2. A viñeta do polifacético Antón Lezcano (Nicetrip, Zapping, Turkía…), que xa traballara no xornal cando botara andar hai dezaseis anos e que considero que hai que poñer pola súa interese e do pouco salvábel do xornal.

3. O nome do Trofeo Festas do Burgo.
4. Os teléfonos de interese (hospitais, servizos sociais…).
5. A programación da TVG, na que se inclúe a sipnose do filme “Sempre Habana”, que botan de madrugada.
6. A publicidade da Pulpeira A Lanchiña.

Para máis amole, na contracapa coñecemos que o torneo Cidade da Coruña de tenis disputouse nun estraño lugar chamado LA Zapateira.

As explicacións ás deturpacións de topónimos (o do outro é un caso perdido) hai que pedilas a dxt@deportecampeon.com ou mesmo vía twitter ou facebook, xa que o primeiro xornal deportivo de Galiza, a parte de non usar o galego, tamén é o primeiro e pode que único, que non ten páxina web.

Arquivado en Pregunta para nota, Xornalistos | 7 Comentarios »

Os escoceses mexan máis lonxe?

5 de Novembro do 2010 publicado por o traveseiro

Un soño para moita xente que só estes foron quen de cumprir. Porque segundo sinalan diversos medios, seareiros do Glasgow Rangers mexaron por riba dos afeccionados do Valencia C.F. Os feitos aconteceron durante o partido de Champions disputado en Mestalla o pasado martes.

Vendo as imaxes da bancada onde estaban situados os seareiros do Rangers, na parte máis alta, e co anel de embaixo totalmente baleiro de xente… téñome que perguntar como carallo fixeron para que os seus mexos alcanzaran aos valencianistas situados na bancada máis baixa, a pé de campo.

P.D. A Fundación do Real Madrid entregou un premio a entre outras persoas e entidades a  Instituciones Penitenciarias del Ministerio del Interior (?).

Arquivado en Pregunta para nota | 3 Comentarios »

« Previous Entries