Avance de programación

26 de Marzo do 2010 publicado por o traveseiro

Todo o mundo que administra un blogue sabe de sobra que a meirande parte das visitas conéctanse dende o curro, por iso o normal é que na vindeira semana, por ser santa, non entre aquí nin o gato.

Mais non podo pasar unha semana sen alimentar o meu ego. O Traveseiro é sen dúbida a mellor alternativa aos tostóns das procesións e ás pelis bíblicas, así que se te aburres na casa porque non podes saír de viaxe por non gastar o que non tes, apaga o cerebro, acende o ordenador, e goza da nosa estupenda programación.

Nada máis nacer empezan a corrompernos

Coma por exemplo, da agardada segunda parte de “Antes de colgar a túa imaxe na web, pénsao…” coas mellores imaxes de frikis futboleiros, aos que só poderás ver e criticar aquí, con máis de 140 caracteres, nunca no Twitter ese de marras. Iso si, teño que recoñecer que a carne é feble, e estame a custar non entrar ao farrapo duns pequenos demos que me andan a provocar enviándome ligazóns ao propio Twitter de Cañizares onde conta as súas vivencias como piloto de rallies (!). Como vaia aí… se entera!!

Arquivado en Autobombo | 7 Comentarios »

500 posts!!

4 de Xaneiro do 2010 publicado por o traveseiro

500 post

500 entradas a facerlle dano ao contrario, 500 balonazos en toda a cara, 500 pedras ao bus do equipo rival e tódalas paridas que se vos ocorran.

Joder!, é que se alguén me di cando comecei con isto que ía chegar a publicar cincocentas anotacións respóndolle que vaia vacilar á puta da súa nai. Sobretodo porque non levaba un mes co blogue cando a pouco máis o deixo, pasando a militar non no blogomillo, senón no blogomorgue (magnífico termo que lin na CCCP). Os comezos sempre son fodidos, porque non controlas do tema e porque semella que escrebes para as paredes, que non che le nin cristo. Aos que se atopen nesa tesitura aconséllolles que tiren para adiante, que os comentarios dan moral pero que non os haxa non quere dicer que o blogue non se lea.

Ben, pois a idea para conmemorar tan magno acontecemento era facer unha escolma cos post máis especiais, o número 50, o 100, o 250, o 300… poñendo unhas ligazóns a estes, pero non están numerados, e para dar con eles teño que ter moita paciencia e máis actitude, que por algo a preguiza é un dos sete pecados capitais xunto coa luxuria que máis practico. Tan só, iso si, repescar un post que ficaría no esquecemento se non fose porque onte houbo un comentario nel. O administrador da web do UD Alzira dá un paso cara adiante despois de case un ano para recoñecer que non estaba bébedo nin baixo os efectos de substancias psicotrópicas cando insultou aos veciños do seu propio pobo: “Quiero deciros que cuando escribí eso, lo hacía plenamente consciente…” Así me gusta, cun bo par, esa é a xente que queremos!

Á marxe disto, e xa para rematar, un par de consellos para os nosos lectores. Aos que poñedes no Google o que sexa acompañado de O Traveseiro para procurar anotacións aquí (coma figura nas estatísticas) dicervos que non fai falla irse a un buscador alleo, pois na esquina superior dereita, aí ao lado —-> hai un campo no que pon “procurar”. Escrebides o que queirades e de seguido premedes en “buscar”. É sinxelo.

buscador

E ao pavo que quere ir de putas por Viena e non sabe onde atopalas, que se poña en contacto con Estoja, coruñés residente en Austria e que coido que se coñece Viena ao dediño. Con dicer que até saíu en Callejeros

Bueno señores, isto é todo. Eskerrik noxo a todos e todas, que algunha haberá.

Arquivado en Autobombo | 15 Comentarios »

Un blog de fútbol que serve de consolador

9 de Novembro do 2009 publicado por o traveseiro

Unha arrepiante nova enviada por Pableras, alias Luis Tosar (escoiten se non), fixo que tivera que para-las rotativas e apraza-lo post de hoxe para darlle total prioridade a isto.

pregunta comprometida

Bruna F. é unha brasileira que ten un problema que xa quixeran moitas… bástalle con bicar ao seu mozo para excitarse completamente e mollarse todiña. Mais semella que co maromo non lle chega e, a pesares de que a rede está chea de webs porcas, prefire masturbarse utilizando este voso blogue, o cal é un orgullo para min. Aínda así, ela non está del todo convencida e lanza a pregunta ao aire: “É normal masturbarse con O Traveseiro?”

Para Karol “E se masturbar com o travesseiro??!! Pow.. aproveita teu namorado e faz com ele! É mais gostoso!!”. E digo eu… querida Karol, acaso coñeces ti ao seu namorado para saber que é máis gostoso facelo con el?

A internauta Escurida, resposta que “aproveite tudo isso porque o tempo passa e desfrute totalmente dos seus desejos mesmo com travesseiro”. Di que si!

A miña resposta: Non é xa que sexa normal, é que está á orde do día, miña filla. Dende que usamos xestor de estatísticas xa estou afeito a recibir visitas de internautas que usan este blogue para sacia-lo seu apetito sexual. Como mostra, dous botóns.

visitas depravados

Dende Brasil até Extremaydura, O Traveseiro, o voso blogue de fútbol, violencia, sexo e droghas!! Ah, por certo, que xa me esquecía, a ligazón ao consultorio das nosas amigas brasileiras, aquí.

EDITADO
Mr.Tichborne considera que hai que ter moi mala hostia para publica-las IP’s dos depravados. E ten toda a razón… se o fixera adrede, mais nin conta me din. Solucionado.

Arquivado en Autobombo | 6 Comentarios »

Os trastornados (e sobretodo trastornadas) fans de Kaká

30 de Xuño do 2009 publicado por o traveseiro

Hoxe é inevitábel falar de Kaká. Bueno… del exactamente non, senón dos seus fanáticos seareiros e seareiras. Moitos deles, como non podía ser doutro xeito, elixiron O Traveseiro para acadar información sobre o crack brasileiro. Compróbeno vostedes mesmos desta captura do meu xestor de estatísticas:

captura-30-06

Vale que oficialmente non andan a pesquisar cousas do futbolista, porque nunha non pon KAKÁ, senón XAXA. Deduzo que o tipo é disléxico ou ben pensaba que non era Kaká o que fichaba polo Madrid, senón outra brasileira, XUXA. Na última, querían coñecer dun medio riguroso como este o número ou scan do DNI KAKA, aínda que cecais tampouco tiña que ver co xogador, senón o que moitos pensamos: DNI MERDA. Polo medio, Epi, Blas e as drogas, sempre presentes.

Dito isto, o que descubrín hoxe pola mañá lendo a prensa. Unha fanática de Kaká fai un chamamento para que outras unineuronais como ela se personen na presentación do futbolista para chorar, berrar, rabuñarse a faciana e mollarse de pracer. Esta é a citación para o macroevento, en versión orixinal. Os meus comentarios ao respecto, entre guións:

Chicas del mundo!!, madridistas convencidas!! os convoco a una macro kedada en la zona del aparcamiento del Santiago Bernabeu el próximo martes 30 a las 18.30 horas para crear la pancarta con la que recibiremos a Kaká en Madrid”.
– Aparcadoiro + Bernabeu = carros grandes e pesados. Cun pouco de sorte atropelan a algunha… ou a todas –

“La entrada al estadio es GRATIS y me temo que no tendremos muchas más oportunidades de ver “de free” y de cerca al guapísimo Kaká”.
– Estou desexando ver a Brayam Angulo “de free” en Riazor –

“Como aún no sabemos cuál será el número con el que juegue porque lo tienen en secreto y se descubrirá allí, os propongo que entre todas pongamos en los comentarios de la kdd, ideas de cómo enfocar la pancarta”.
– A pancarta se debería enfocar con chisqueiros, e canto máis perto da tea mellor, para que arda –

“Yo llevaré el material necesario. Sólo tenéis que venir con muchas ganas de pasarlo bien”.
– Paquetes de kleenex, é todo o que necesitan –

“Por cierto, ya he recibido algún mensaje para animarnos a montar el club de fans oficial de Kaká en España. Lo hablamos allí. Besitos a todas”.
– Agardo ansioso ese clube de fans. Outro biquiño para ti, ghuapa! –

Ao peche desta edición non se sabía como rematara a contenda, igual coma a folga do metal, dado o perigoso que resultan centos destas mociñas atacadas perdidas. Mañá se hai ligazóns ou fotos da agardada pancarta ou das paviñas, o actualizo.

ACTUALIZACIÓN:

bemvindo-cagalhom

O prometido é débeda, unha foto das fans de Kaká. O ideal sería que puxera “Bemvindo cagalhom”, mais ao final a fixeron en perfecto castelán e sen faltas, o cal é un logro vendo o perfil das nenas. Para ve-lo resto das fotografías, coa confección da faixa paso a paso, premede aquí.

Arquivado en Actualidade, Autobombo | 6 Comentarios »

Dous anos pasando o rato

17 de Maio do 2009 publicado por o traveseiro

denuncia

“Tome nota Sr. Agente: otraveseiro.blogaliza.org, le encantará”

Hoxe cúmprense dous anos dende que O Traveseiro botou a andar. Un blogue que goza de moi boa saúde, pero como seguimos a estar sen un can (non admitimos publicidade) e cos tempos de crise que corren… pois non podo facer unha festa de cumpreanos en condicións. No seu defecto, terei que botar man dos agradecementos a todos aqueles que fan ou que fixeron no seu momento que esta palla mental tire para adiante. Así pois, mil grazas a…

…os administradores de Blogaliza (a miña casa), sempre ao pé do cañón e dispostos a arranxar problemas; Djukica e Juggalo, uns históricos que deixaban comentarios (seguro que por pena) cando por aquí non paraba nin cristo; Volkoff, que non pasa por aquí por estar enganchado aos foros da revista Vogue (verídico!); Eduardo, un veterano do Blogomillo que un día destes volve ao grande, coma Florentino Pérez; Breogain, xa é pai e o seu Pontevedra non sube nin pa dios; Dokièh e Antonio, Sevilla ten unha cor especial; Estoja, Austria falando coruño; Merk, actualidade balompedicocestista en galego; Pableras e Capitán (Tan) Argento, tanto monta monta tanto; EMF, a pinga reintegracionista neste blogue isolacionista; Lemos 1923, da Ribeira Sacra a Matogrande pasando por Suiza,…

comentaristas-o-traveseiro

Un grupo de comentaristas de O Traveseiro

Miguel Piñeiro, un sopro de aire fresco nun xornal que cheira a rancio; Dirty, un tipo que xoga limpo;  Tomi, pasándoas sempre putas co seu Atleti; Mr.Tichborne, aportando dende ningures; Otomano, Turkya is not Spain; Antihéroe, un medio troll do que aínda estamos agardando que nos explique o do cancro inventado por Molina; Alberto, comendo pasteis de carne nun pobo perdido de Michigan; Princi, erudito do roio das bancadas;  O Raposo, tranquilos que non morde, máis ben todo o contrario; W.Sobchak, o primeiro que me puxo no seu blogroll; Nalyd85, un dos novos; Stbz-Detritus, parecido razonábel con Oliver Atton; Animaliño, máximo expoñente do momento coruñento da primeira década do Século XXI,…

…os desaparecidos en combate, coma Roberto, que se foi a mercar tabaco e non voltou;  Alan Fournier, que se pirou sen despedirse; Sergio Cortina, un crack asturiano perdido polos madriles; as autoridades da defunta RBBE

…e para finalizar, algúns que deixaron algunha pegada ocasionalmente, coma Appg, alcume da única muller (que se saiba) que comentou aquí; a xentiña do Balón Digital; aos de Linea de Cal…das de Reis; Javi, un tocaio meu cun blogue de decadentes coma min; Anónimo, que seica comenta en centos de blogues coma o meu; Kimi Raikkonen, Nicrariense, Xelo, Paulo, Diego, J.C, Miguel, Pablo, Vain… e aos que me deixo no tinteiro, que de seguro que hai algún.

A todos e todas ESKERRIK NOXO! e aos lectores que non vos animáchedes a comentar xa estades a tardar, que vos necesito para seguir alimentando o meu ego.

Arquivado en Autobombo | 18 Comentarios »

Castigo divino

10 de Abril do 2009 publicado por o traveseiro

O ano pasado por estas datas publiquei algún que outro post conmemorativo da Semana Santa e seica a Deus non lle fixo moita gracia, así que este ano buscou un oco na súa apertada axenda (terremotos, atentados, violencia de xénero…) para castigharme pola miña ousadía. De entrada borroume o post “Domingo de Ramos” do pasado día catro, e posteriormente impediu que actualizase o blogue e, o que é peor, que tampouco puidese ser visitado en catro días. Vamos, que neste tempo non puiden alimenta-lo meu ego, obxectivo real de todo blogueiro.

Menos mal que os administradores da Blogaliza pregaron por min e semella que ao final obtiven o seu perdón. Aínda así pregúntome que se me fixo iso a min… ¿que fará con Rober Bodegas, que hoxe se preguntaba no Sé lo que hicisteis… que por que na última cea estaban todos sentados no mesmo lado da mesa? que se cadra era porque estaban vendo o fútbol.

Arquivado en Autobombo | 3 Comentarios »

As espinillas de Adorno

24 de Marzo do 2009 publicado por o traveseiro

Tomándome a caña e tapa de rigor no meu bar de confianza descubro que o chapuceiro cromo de González se está a facer famoso. E todo grazas a Donovan (tranquilos, non é o de “V”), un foreiro do foro da ACB que se tomou a molestia de louvar O Traveseiro e traducir dous post, entre eles o do cromo do Castellón. O malo é que non pon a ligazón para non facer spam (?). Pero eche igual, graciñas de tódolos xeitos, Donovan.

Aproveito para publicar un novo cromo dese mesmo album, o do entón xogador valencianista, Adorno. A súa ficha: “Miguel Angel Adorno Ramírez. Delantero. Nació en Puerto Aragón-Santa Fe (Argentina) el 5-6-1949. Estatura: 1’78 metros. Peso aproximado: 75 kilos.”

O xogador non leva espinilleiras, algo que era moi habitual na época, así que podemos dicer que as tiña de adorno, como o seu propio apelido indica. O malo do asunto, que como che deran unha patada ías de cachas, como se ve na súa perna dereita, onde ten un burato do diámetro dun taco de aluminio. Eso sí, de seguro que viu as estrelas e lle fodeu, pero rapidamente estaba a correr, e non coma os mariquitarls do fútbol moderno.

Voltando ao album da tempada 73-74 que conservo, por fin souben a quen pertenceu. A un veciño meu moi futboleiro que foi asasinado namentres cumpría coas súas obligacións como cidadán facía o puto servizo militar hai vintepico anos. Graciñas, Juanjo!

Arquivado en Autobombo, Mundo viejuno-celebrities | 6 Comentarios »

Solidariedade con Gaza

12 de Xaneiro do 2009 publicado por o traveseiro

Aproveito que a mafia da FIFA e asociados só multa a futbolistas con conciencia e que de momento non inventou un artigo para sancionar a blogues de fútbol… para manifestar que O Traveseiro está xunto ao povo palestino. Porque non vai ser todo cachondeo, oiga.

Arquivado en Actualidade, Autobombo | 8 Comentarios »

Estudio Xeral de Medios

13 de Decembro do 2008 publicado por o traveseiro

Estes días se deron a coñece-los datos da terceira ola acumulada do ESTUDIO (…Estadio, desaparecido programa de TV onde emitían os resumes dos partidos da xornada coma deus manda, e non as merdas que botan agora) GENERAL (…de Pie, mítica grada de Riazor, agora Marathon Inferior) de MEDIOS (…centros, campos, puntas…), ou sexa, as audiencias dos medios de comunicación.

Isto é coma cando se coñecen os resultados dunhas eleccións ao parlamento, onde todos gañan. Nos medios de comunicación fan o mesmo cando se dan os datos do EXM, triunfan todos: somos o medio que máis medra…, somos os únicos que non sofremos retroceso…, as nosas pirolas son as máis grandes… Aquí en troques non nos andamos con parvadas e dicimos as verdades: O Traveseiro o len catro gatos, como reflexa este gráfico do que levamos de mes de Decembro, xentileza do noso novo xestor de estatísticas, Statpress.

O do día cinco foi un accidente. El Becario escribiu un post sobor os comentarios de Michel nas retransmisións de partidos en TVE, e para amplialo puxo unha ligazón a un post meu do mesmo tema. O caso é que ese día subiron as visitas coma a espuma, apoiado porque tras iso o post foi meneado e tamén ligaron con isto nalgún que outro blogue. Ao día seguinte, o seis, aínda quedaba algún que outro residuo do día anterior e logo xa voltou aos índices normais.

En canto ao tipo de audiencia que elixe O Traveseiro, unha gran porcentaxe son pervertidos, segundo os motores de busca (como xa comentei o outro día) e o resto fieis lectores dos que uns cantos son deportivistas ou cando menos, simpatizan co Deportivo. Este dato non é que sexa unha gran nova, porque a idea que tiña ao crear o blogue era que fose futboleiro pero sen tocar moito ao Depor, non ser unha especie de información deportiva da TVG, que dan os resumos “prestando especial atención ao que fan os clubes galegos”, e tampouco para que pola miña culpa e dos comentaristas relacionen HINCHA + GALEGO + DEPORTIVO = CHALADOS. Terei que analizar en frío estes penosos resultados e despois xa veremos.

Arquivado en Autobombo | 7 Comentarios »

Como se chama o son que emite a rata

2 de Decembro do 2008 publicado por o traveseiro

Na Blogaliza se está a probar un novo xestor de estatísticas chamado PressStat en substitución do antigo Counterize, que seica non furulaba. Fedellando neste novo engadido descubro que o pasado día 27 de Novembro, ás 21:19 horas un internauta chegou canda este blog tecleando no buscador a pregunta que dá título a este post.

Noutras veces deron con O Traveseiro pesquisando cousas coma Supermodelos mostrando el pene”, “Pezones blancos”, “Gente que se da de hostias”, “Pimpinela incesto” ou Fotos voyeur de San Fermín” (as cinco 100% reais). Neste caso que nos ocupa o internauta non é un perturbado mental coma os anteriores, fai unha pregunta moi interesante para sacarlle partido na súa vida cotiá. Este señor ou señora quere saber como se chama o son que emite a rata para dicirlle ao xefe, marido, muller, sogra, veciño… que “vostede non fala, emite o son da rata”. Naturalmente substituíndo esta frase polo nome verdadeiro que recebe este son. Basta para que aínda por riba o faga en galego para que teña a obriga de axudalo, a el/ela ou a cantos volvan chegar aquí con esa dúbida. A resposta é a seguinte: non existe un único nome para ese son, hai moitos e variados, segundo a zona e o tipo de rata que o emita. Estes son catro exemplos, no eido xorna-futbolístico.

-Roncear: Cando o ruído o emite Tomás Roncero, xornalista do AS. Para escoita-lo basta con sintonizar na TDT a canle Intereconomía TV, concretamente o programa Punto Pelota, presentado por Josep Pedrerol. Emítese de luns a xoves ás 00:00 e Roncero é un dos colaboradores. Se se quere vomitar sen necesidade de escoitalo, se pode visitar o seu blog.

-Delamorenanear: Son propio de José Ramón De la Morena, da SER, unha especie birolla procedente de Brunete (Madrid). O son é bastante molesto, mesturado con horríbeis laismos nas súas entrevistas (¿a tú mujer LA gusta el fútbol…? ¿Y tú que LA dijiste?) amén de inventarse verbas coma escupitanajo (escupitajo) ou estampanar (estampar).

-Josegerardear: Emitido por José Gerardo Fernández, rata zamorana afincada na Coruña. Descendente do ratonciño José María García, gran imitador deste e un varas de moitos quilates. Te pode dar un chungo se sintonizas Radiovoz Coruña no 92.6 FM ás 14:00 horas de luns a venres.

-Manololamear: O son é parecido á das hienas, bastante tóxico. O emite Manolo Lama, e se pode escoitar os sábados e domingos no Carrusel Deportivo da Ser e tamén a diario en Cuatro, nas noticias deportivas do mediodía. Este tipo é un dos culpábeis de que os afeccionados ao videoxogo FIFA se pasen ao Pro Evolution Soccer (o ínclito comenta os partidos no primeiro deles).

Arquivado en Autobombo, Odioteca, Xornalistos | 7 Comentarios »

« Previous Entries Next Entries »