Exclusiva: fotos de Lendoiro tapiñando

12 de Setembro do 2012 publicado por o traveseiro

Como todo o mundo sabe, o presidente do Deportivo hai moitos anos que trasladou o seu despacho e oficinas aos restaurantes El Manjar e Playa Club, onde se lle xuntan as merendas coas cenas pechando contratos, puteando a clubes, xogadores e representantes namentres se papa de todo, como así destapou un usuario de Riazor.org nas horas previas ao peche do mercado de fichaxes de verán: “Lendoiro ahora mismo se está terminando los callos y ya tiene sobre la mesa las gallinejas con las que terminará de merendar. Una vez termine, se limpia con el contrato de Bodipo y a cerrar particulares”.

Moi ben, pois aquí tedes dúas imaxes inéditas sobre o ínclito. Na primeira, jalando o que semella lacón con garbanzos e costela, e na segunda tomándose o café de rigor, por suposto regado cunhas pingas de augardente de oruxo.

Urxe aclarar para os menos observadores que é cravadinho a Lendoiro mais non é Lendoiro (non se albisca a lorza nuquil e ten menos papada). Atopado de casualidade fedellando pola rede, trátase dun usuario dun foro… sobre cámaras de fotos Sony e Minolta! Vamos, uns frikis igual ca nós pero noutro eido. As imaxes coido lembrar que foron tiradas durante unha quedada de foreiros en O Courel.

Arquivado en Cuspidinhos | 3 Comentarios »

Un home chamado cabalo

8 de Febreiro do 2012 publicado por o traveseiro

Moitas foron as louvanzas escoitadas e lidas tralo partido de Sergio Ramos o pasado sábado en Xetafe, con gol incluído. O Beckenbauer español? o Baresi de Camas? o Luis Sierra andaluz?

O que me estraña, e bastante, é que non o comparen con Babieca, o cabalo do Cid, polo seu parecido físico cos equinos e porque lle sobran “cojones y españolía”, frase acuñada en 1948 polo dirixente federativo xeneral Zamalloa arengando aos futbolistas, e que provocou a risa do mítico dianteiro galego Pahíño, anécdota penso que xa comentada por estes pagos.

Arquivado en Cuspidinhos | 1 Comentario »

O parecido imposíbel

2 de Novembro do 2011 publicado por o traveseiro

Atopar semellanzas entre actores e futbolistas adoita a pasar. Mais raro é que estas sexan entre un actor español do montón e un xogador alemán dos anos trinta. Atrévome a dicer que só nun blogue absurdo coma este pódese dar isto.

Á esquerda, o actor Sergio Peris Mencheta, de moda por interpretar recentemente no cine ao Capitán Trueno e na televisión ao Capitán Ugarte (Tierra de Lobos) e disque proximamente ao Gran Capitán nunha nova serie para TVE. Vamos, que só lle falta dar vida ao Capitán Araña (amigo de Paulino e de Toxeiro). Eu non sabía del dende que saía na popular serie xuvenil de Telahinco “Al Salir de Clase”, que era mala a rabear pero naqueles tempos cumpría unha grande labor social coma alternativa para a sesta aos documentais de animais de La2 e coma prolífica canteira de xóvenes actores e actrices mediocres. Por certo, creo lembrar que o rapaz ao que interpretaba cascou nun accidente de moto. Cando os guionistas queren prescindir dun personaxe adoitan a mudalo de cidade ou matalo. A Sergio tocoulle palmar, vaia por deus.

E á dereita, Reinhold Müzenberg, destacado xogador alemán xa falecido da década dos anos trinta e corenta. Sobra dicer que nese espazo de tempo, e ao ser internacional, xogou para a Alemaña nazi. O da face non sabemos se é terra, sangue… De tódolos xeitos, mólanme esas pintas.

OFF TOPIC
Cando rematou o concerto do outro día de La Gran Orquesta Republicana a xente púxose a alentar ao treinador do Deportivo berrando “Oltra, Oltra, Oltra!!” e saíron outra vez os músicos a tocar, e así até tres veces. Curioso.

Arquivado en Cuspidinhos, Idas de olla | 5 Comentarios »

Bin Laden vive

15 de Agosto do 2011 publicado por o traveseiro

Quen dixo que Osama Bin Laden foi abatido polos americanos en Pakistán? Acaso alguén viu o seu cadáver? Pois nada dixo, nós podemos afirmar con rotundidade que Bin Laden segue vivindo e coleando (iso si, cos achaques propios da idade e os malos hábitos) e que canta nunha banda de rock ourensá baixo o pseudónimo de Yosi.

De feito, a semana pasada estivo pola Coruña, e aproveitou para sacarse unha foto nos baixos do estadio de Riazor acompañado de dous dos seus lugartenentes (Charli e Tino), que por aquelo de que a cidade está en festas e disputábase o trofeo Teresa Herrera preferiron por esta vez substituír os fusís kalashnikov por bandeira e bufanda respectivamente.

“Tenemos un amigo que os ama,

os ama, os ama…

Tenemos un amigo que os ama…

Osama Bin Laden!”

Arquivado en Cuspidinhos | 1 Comentario »

O Messi escocés

16 de Xullo do 2011 publicado por o traveseiro

Falsa alarma. Non se trata dunha ligazón a un video caseiro dun cativo de seis anos facendo malabarismos cun balón e caneando a a dez xogadores e a un porteiro gravado nun suburbio de Edimburgo. Tampouco unha ampla reportaxe-tostón co estilo Julio “Maldini” sobor a última promesa  do fútbol británico. Se pensabades iso é que non nos coñecedes. Somos bastante máis simples.

Trátase da última, e estúpida, achega deste blogue para a sección de cuspidinhos: Lionel Messi vs. Alan Rough. Ao primeiro xa o coñecemos de sobra, e o segundo é un porteiro escocés xa retirado. A imaxe data de finais dos 70, cando xogaba no Partick Thistle de Glasgow e na selección escocesa.

Non o vimos xogar, pero supoñemos que coma case todo porteiro británico, sería un soberano paquete, pero moi carismático. Para ver unha imaxe deste home na actualidade e para imaxinarvos o careto de terá Messi cando teña sesenta tacos… premede AQUÍ.

Arquivado en Cuspidinhos | 1 Comentario »

“Ratón” Ayala livre!

18 de Maio do 2011 publicado por o traveseiro

Acho certo parecido ao, recentemente liberado, fotógrafo Manu Brabo co mítico exfutbolista arxentino Rubén “Ratón” Ayala.

Arquivado en Cuspidinhos | 2 Comentarios »

O pelaso de Angel Torres

13 de Abril do 2011 publicado por o traveseiro

Non agocho a coña que me fai a xente á que lle quedan catro pelos na cabeza e non a rapan, alomenos iso faría eu se tivera problemas de alopecia. Un persoeiro relativamente popular con este problema é Angel Torres, presidente do Xetafe CF. Estiven a procurar algunha imaxe del para publicar algún post sobre a súa horrenda moda capilar e atopei algo mellor.

O propio Angel Torres en 1978, cun abraiante volume capilar, tal que semella un león da reserva natural do Masai Mara ou, por que non, un elemento subversivo extraído dunha ficha da Brigada Político-Social. Póñome a investigar o seu pasado e tamén levo unha grata sorpresa, pois até o de agora só sabía del que, á marxe de presidir con éxito o Xetafe, era un empresario das discotecas e bingos e que gostaba de ir aos touros con xente de dubidosa catadura moral.

Pois se non me vai deixar de caer mal tampouco vai a engrosa-la miña odioteca, porque este señor seica comezou a traballar sendo un neno e tras quedarse orfo de pai, nun taller mecánico, todo o día agachado recollendo virutas. Máis tarde traballou nunha empresa de fabricación de electrodomésticos, onde foi despedido por estar afiliado a Comisións Obreiras, algo que lle aconteceu anos máis tarde noutra empresa por solidarizarse cun compañeiro que ían botar á rúa.

Posteriormente montou unha cooperativa para construír vivendas para traballadores, e na que tódolos promotores proviñan do Partido Comunista, e que eran coñecidos coma os Marxistas-Ladrillistas. Logo vendeu a súa participación na constructora e foi cando se forrou e meteuse en negocios de festa e ludopatía (nos que inclúo ao fútbol). Pero o seu pasado está aí. E para matar dous paxaros dun tiro… unha cousiña para a sección de cuspidinhos:

O busto que Angel Torres ten en Xetafe (á esquerda) seméllase bastante a calquera de Vladimir Ilich Ulianov, Lenin. Neste caso poño un con motivos futboleiros (está adornado cunha bandeira dos Riazor Blues) que se atopa en Italia.

OFF TOPIC
Ao final cumpriuse a ameaza e foi desaloxado o C.S.O Casa das Atochas. Na edición impresa de La Voz de Galicia leo a parida do día, onde din algo así que o centro social coruñés creouse a xeito dos bascos GATXETES. Non atino a comprender se falan de tranchetes, gachas ou GAZTETXES.

Arquivado en Cuspidinhos, Mundo viejuno-celebrities | 7 Comentarios »

Día internacional contra o racismo e a xenofobia

21 de Marzo do 2011 publicado por o traveseiro

Xa non debería dicilo, mais dende este blogue chamamos a celebrar o día contra o racismo e, xa de paso, a pasar olimpicamente do cumpreanos do twitter ese do carallo.

Nota para os despistados: nin o da esquerda é Magic Johnson nin o da dereita Robert Prosinecki.

Arquivado en Actualidade, Cuspidinhos | Comentarios desactivados en Día internacional contra o racismo e a xenofobia

Puerto Hurraco, territorio Champions

26 de Agosto do 2010 publicado por o traveseiro

Hoxe cúmprense vinte anos da famosa masacre acontecida no marabilloso e divertido povo estremeño de Puerto Hurraco. Estaba a ver a efeméride nos informativos da noite e tras ela, pasan á información deportiva, co sorteo da primeira fase da Liga de Campións coma foco de máxima atención.

“La culpa si no pasamos a octavos es de los Cabanillas”

Sae opinando MANUEL LLORENTE, presidente do Valencia, da sorte que correu no sorteo o seu equipo. Medio sufrín un esvaecemento e por un intre pareceume ver a unha das indutoras do crime de Puerto Hurraco, LUCIA IZQUIERDO (a da dereita), comentando o sorteo da Champions cando foi detida xunto á súa irmá Ángela nun tren en Madrid.

Arquivado en Cuspidinhos | 2 Comentarios »

Máis Özil, por favor!!

23 de Agosto do 2010 publicado por o traveseiro

Son moitas as castronadas que estou a escoitar nos últimos tempos sobor Özil… (“o home que non necesita afeitarse, o transplantado de cara, o que está receber sesións de quimioterapia…”) hai que engadir estoutras:

1. O vampiro de Dusseldorf.

Mark, un dos membros do consello de administración de Puto Fútbol, póñenos sobre a pista dun dos asasinos en serie máis famosos da Historia, Peter Kürten, cuxas falcatruadas foron levadas ao cine por Fritz Lang en 1931. O papel protagonista foi interpretado por Peter Lorre, e aí é onde entra Özil, porque el e mailo actor son cuspidiños, cravadiños, cagados, calcados… e todo o que se vos ocorra.

Se cadra a única diferencia radica, a parte dos anos transcorridos, en que un era vampiro en Düsseldorf e o outro foino en Gelsenkirchen, logo en Bremen, e agora será en Madrid onde sementará o pánico. O Vampiro de Valdebebas, pode ser a súa nova carta de presentación.

2. Turco? Alemán? Non… galego!
Cada vez que escoito en radio e televisión nomear rápido a este tío, Mesut Özil, dáme a sensación que din MEXUTO XIL. Se cadra até a súa orixe non é turca e resulta que é galego de pura cepa, e quen sabe se nado no medio dunha colonia de sapos dunha charca perto do encoro de Cecebre. Estou desexando escoitalo falar, a ver se croa con sotaque galego.

3. Levantinista de corazón.
Sabemos que a pesares de que Özil é musulmán pásase polo forro dos collóns o Ramadán: “Si o fago nos meus días libres, pero para ser futbolista necesito comer e beber. Trato de compatibilizalo co deporte”. O que non sabemos é se hai algunha cláusula no seu contrato que lle impida enfrontarse ao Levante UD, polo dano moral que igual lle supón xogar perante os seus familiares.

Arquivado en Cuspidinhos | 2 Comentarios »

« Previous Entries Next Entries »