A xordeira dos da TVG

10 de Abril do 2012 perpetrado por o traveseiro

Dende que teño uso de razón no derradeiro partido en Riazor do Deportivo antes de xogar un derbi en Vigo sempre se escoitou o clásico «Todos unidos a puta Balaídos!!» Esta pasada xornada tampouco ía ser menos (algún substituíu Balaídos por Lonaídos), mais segundo o telexornal da TVG do domingo este cántico foi traducido desta maneira: «Todos unidos, imos a Balaídos!!»

Redactor da TVG en Riazor

Para máis cachondeo aínda, no resumo dos partidos, pola noite, co craque Oscar Benito á cabeza, reafirmáronse no dito anteriormente, co cal se confirma que, ou están como putas tapias, ou pretenden suavizar un roio que como dixen antes, é  case tan vello coma o propio derbi galego.

Este episodio tráenos á memoria cando alá por mediados dos noventa xogaba o Celta en Logroño e nun valado das Gaunas penduraba unha bandeira do Deportivo. Os da TVG, en troques obviar o asunto, van e din que «Afeccionados do Deportivo animando ao Celta» (?), provocando que escacháramos da risa todos fronte ao televisor.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Maldita TV | 3 Grandísimas aportacións »

Pensamos en verde

7 de Xuño do 2011 perpetrado por o traveseiro

Estase a poñer de moda en case tódolos telexornais de case tódalas canles dar as novas de pé cun ecram xigante detrás. O de Antena 3 penso que é o máis grande de todos, mesmo o plató, que debe ter coma mil metros cadrados e os xornalistas collen un chimpín para ir dende a mesa até o superpantallaso. Neses intres danse situacións como estas.

Lourdes Maldonado, que dirixe os informativos de fin de semana de Antena 3, falando de sabe deus que, e con Leo Messi detrás caéndolle a baba… e parecía parvo! Claro que a muller esta, que aínda que non está nada mal tampouco é Rosa María Mateo nin moito menos. Mais nin nós nin Messi somos os únicos saídos…

Tamén David De Gea. O porteiro do Atlético de Madrid, que mantén unha relación con Edurne, cantante (e madridista confesa) saída de Operación Truño, devece por Ainhoa Arbizu, de sobra coñecida neste blogue por sacarse unha foto co dobre-gordo de Aranzubia. Claro que hai xente para todo…

Coma o Lotina (Miguel Angel Lotina Oruetxebarria) ao que os realizadores de Antena 3 ofrécenlle unha oportunidade de ouro e o tío non reacciona. Nen sequera con Ainhoa tocándolle a meixela é quen de mirar para ela. E para rematar, tamén coa presentadora dos deportes da Cadena Triste (Jorge Javier Vázquez dixit)…

O Vicente Del Bosque, que gosta de observa-la beleza da rapaza con aceno serio, impasíbel, disimulando o que de seguro é: un vello verde.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Elas tamén xogan, Maldita TV | 3 Grandísimas aportacións »

A espiña de Gustavo López eche ben profunda

14 de Xaneiro do 2011 perpetrado por o traveseiro

Estiven a ver onte o partido de Copa do Deportivo en Almería, con derrota e xogo penoso por parte dos coruñeses, e Lotina, tan pancho, di que «Nos vamos satisfechos» porque o resultado non é malo. Dende logo que non, es ti bastante pior que o resultado. Mais deixando de lado un partido sen moita historia, quero salientar a presenza coma comentarista de Dixital Plus de… Gustavo López, aquel ao que o Deportivo lle cravara unha espiña e que leva anos tentando quitar.

De entrada non tiña nin paxoleira idea que era deste tío, e se sorprendeume que fose comentarista, máis aínda que estivera cubrindo un partido do Deportivo, que, como todo o mundo sabe por estes lares, é un equipo ao que odia profundamente, co cal chocaba un pouco a súa presenza. E a súa parcialidade amosouna ao longo e ancho de toda a retransmisión.

De feito, tras adiantarse o Almería, o equipo andaluz seguiu apertando e Gustaviño non perdeu a ocasión de darlles folgos dicindo case textualmente que «esperemos que el Almería sea capaz de mantener esta ventaja o incluso ampliarla». O comentarista principal do encontro tampouco se curtou un pelo e contestou que «a ver si se cumplen tus deseos».

Visto o visto, non nos queda outra que aplaudi-lo comentario dun paisano que dixo que «Gustavo, ímosche mandar aos sicarios de Cáceres, e logo nos vas chiscar un ollo«.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Maldita TV, Odioteca | 8 Grandísimas aportacións »

25 anos da retransmisión do século

19 de Xullo do 2010 perpetrado por o traveseiro

A Radio Televisión de Galicia cumpre 25 anos e na súa segunda canle estano a celebrar reemitindo partidos de fútbol e básquet de hai bastantes anos. A noite do sábado sorprendéronos botando un encontro do Trofeo Cidade de Vigo de 1985 entre o Real Valladolid e o Dinamo de Kiev. Papeime a derradeira media hora de xogo, do que saco cousas como que…

1. Os casteláns eran unha panda de mataos como agora, pero menos, porque contaban nas súas ringleiras con  xogadores interesantes coma os chilenos Aravena e «Pato» Yáñez, con Fenoy e, coma curiosidades, co ex-treinador do Celta, Eusebio e o actual director deportivo vigués, Torrecilla. Por parte dos ukranianos, que viñan de facer dobrete na Unión Soviética, formaban xente coma Blokhin, Zavarov, Mikhailichenko ou Demyanenko. O craque Belanov seica non xogou aquel encontro.

2. A retransmisión era cutrísima, se non foi a primeira que fixeron pouco lle falta, xa non pola realización, que era pasábel, senón polos comentarios. Pola voz, semella que o comentarista principal era Ovidio González, moi paradiño el, e que ademais narraba nun marcado galego-castelán. Ademais o tío era máis de baloncesto, que era do que chanaba. Lembro velo na Polideportiva de Riazor cando el estaba a ver de incógnito un partido do desaparecido C.A.B Coruña entre o público e a xente descubriuno e comezouno a putear. Vaia risas, e Ovidio, até o carallo.

3. Nun momento da retransmisión anuncian a fichaxe de Baltazar polo Celta (o nomean Baltasar, coma o rei mago), que debutara no torneio e din que a ver que tal lles resulta. Pois a verdade é que deulles un bo rendemento.

4. Balaídos está practicamente igual que a día de hoxe, seguramente en mellor estado daquela. A única diferenza visíbel está en que non hai butacas (só nas tribunas) e os bancos de suplentes, soterrados e de cemento. Un deles, pintado coa bandeira galega institucional. O outro non sabemos.

5. As camisolas do Dinamo non tiñan visíbel a marca, e as do Valladolid eran da coñecida fábrica de bañadores, e por aquelas datas gran futboleira, Meyba. Ian totalmente de morado, pero as camisolas eran máis claras que o calzón e as medias. Semella que os responsábeis da lavandaría pucelana descoñecían a máxima de que as camisolas sempre hai que lavalas do revés e nunca secalas ao sol.

6. O Valladolid ataca e así nolo conta Ovidio (textual): «Xogada de perigo do Valladolid que finalmente Víctor en moi malas CONDICIONES puido evitar que o balón non salise fóra de banda pero xa en unhas CONDICIÓS pésimas para poder centrar en CONDICIÓNS«. Nunha soa frase, a mesma palabra dita de tres xeitos diferentes. Por certo que a xogada de Víctor é tristísima e remata cunha cesión ao porteiro, que daquela estaba permitida pero a ves agora e flipas.

7. O reporteiro que está a pé de campo que, coma non sei como se chama, chamareille Saro Carboeiro, polo papel que desempeña, dá unha clase maxistral de seguemento do xogo e estratexia vallisoletana. Tamén textual, o digo polos castelanismos: «Estamos vendo como o Real Valladolid eeeeh… estáááá… dando unhas mostras dunha gran forza física e defende con tódolos xogadores e ataca con seis, sete e hasta oito homes en un perfecto acordeón». Se cadra Vicente Cantatore poñíalles este temazo nos adestramentos.

8. O mítico Aleksandr Zavarov chamábase así para todo o mundo menos para os da Galega, que, a parte de pronunciar Savarov, tamén o escrebían. Descartamos que sexa por seseo, porque tampouco dicían Selta.

9. Saro Carboeiro albisca a presenza de dous xogadores do Valladolid realizando exercicios de quencemento: «Detrás da portería de Mihkailov estamos vendo a dous xogadores do Valladolid que están facendo eeeeh… estanse quentando, supoñemos que para substituír a algún compañeiro«. Deben ter frío e están a quentarse cunha fogueira detrás da portería. E supós ben, amigo Saro, porque non creo que vaian substituír a un do outro equipo nin ao árbitro.

10. Chegan os trocos no Dinamo: «E nestos momentos o equipo soviético fai a súa primeira… o seu primeiro cambio, retírase do campo eeeeh… o xogador Yevtushenko e é substituído por Mi…misabisenko (Mikhailichenko). Eeeee… bueno, o xogador que se retirou do campo eeeeeh… foi Blokhin, precisamente o goleador desta tarde».

11. O xogo rematou con catro goles a dous para o Dinamo de Kiev, marcando para estes no primeiro tempo dous Blokhin e na segunda Zavarov e Mikhailichenko, e para os casteláns fixérono Yáñez e Jorge. Atención á metedura de gamba do «2º TIEMPO».

Permanecerei atento á programación deste «25 anos de deporte» para ver se botan outra reliquia destas, iso si, tendo perto da tele unhas boliñas de naftalina, non se me vaian a apolillar os sofás.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Maldita TV | 11 Grandísimas aportacións »

A dignidade do fútbol (morte ao xornalismo moderno)

4 de Maio do 2010 perpetrado por o traveseiro

«Iros todos a tomar por culo»

Un amigo desta casa pídeme sen rodeos, («sin polladas de qué tal estás y todo eso») que é como hai que pedir as cousas, que lles bote unha man difundindo un texto contra o xeito e forma das retransmisións deportivas actuais, e en concreto as de Telahinco, que semella que son os que van retransmiti-lo Mundial para o Estado Español. Velaí vai:

—————————–

Este escrito foi elaborado por un grupo de bloggers doídos a causa dos malos tratos que existen cara aos afeccionados ao fútbol desde certos medios. O obxectivo é amosa-la unidade da afección contra o deixamento xornalístico, e esperamos que o resto de afeccionados ao fútbol secúndeno, apóieno e difúndano na medida do posíbel. Moitas grazas e ánimo.

A dignidade do fútbol.

Logo de anos de retransmisións televisivas, parece que máis que evolucionar cara a un formato mellor para o espectador e cliente, involuciona de maneira que o prexudicado non é só este último, senón o fútbol en si mesmo. Falo das calamitosas retransmisións que nos últimos anos ofrecéronnos emisoras nacionais como Telecinco ou La Sexta, pasando por Antena 3, TVE e todas as autonómicas. Non é a intención deste escrito o desmerecer como profesionais aos que se encargaron diso, pero si o recordarlles a quen se deben e a que propósito serven, que non é outro que o de facer máis amenas, divertidas e didácticas as retransmisións tanto de fútbol como doutros deportes.

A pinga que colmou o vaso, a puntilla, púxoa a lamentable retransmisión que Telecinco fixo do partido que enfrontou ao Liverpool FC contra o Atlético de Madrid. Lamentábel, por moitos motivos, pero en especial polos malos tratos cara ao espectador, non só cara ao afeccionado do Atleti, que supón o feito da inexistente cobertura brindada ao encontro, tanto no pre-partido -alguén viu o «You’ll Never Walk Alone»- como no post-partido. Durante os minutos nos que transcorreu o choque, tanto JJ Santos como Guillermo Amor regaron á audiencia con mentiras, como a suposta mudanza que o Liverpool levará a cabo a próxima tempada, unha mudanza de estadio que só existe na imaxinación do narrador ou en Wikipedia. Outra falta de respecto e de rigor cometida por JJ Santos consistiu en falar sobre un xogador do Liverpool, Babel en concreto, situándoo nunha posición na que xogou só un puñado de veces na súa carreira deportiva. Estes exemplos serven para ilustrar acerca da incompetencia que rodea ás retransmisións futbolísticas, e serían anecdóticos se non se repetisen de forma sistemática, facendo ferver o sangue do afeccionado ao fútbol, que ve e oe como tentan tomarlle o pelo nos seus fociños.

Hoxe en día, o mundo da comunicación evoluciona cara a unha maior intercomunicación e interactividade nos diferentes medios. Acabáronse os tempos de queixas por correo, abonda con que un profesional cometa un erro gramatical para que xa se comente nas distintas redes sociais. Non hai que tomar estes avances na tecnoloxía como inimigos, senón como un medio para mellorar e acabar con numerosos erros frecuentes nos medios de comunicación, especialmente naqueles que se dedican ao deporte, que é o que tratamos aquí.

Se fai 4 ou 5 anos, un narrador de fútbol daba un dato erróneo, pronunciaba mal un nome ou dicía vulgaridades do tipo «bótalle ovos, Atleti, bótalle ovos» (JJ Santos dixit) non pasaba nada. Unha decena de telespectadores mandarían un mail e deixarían a súa queixa á televisión en cuestión. Transcendencia da queixa e dos despropósitos do profesional en cuestión? Cero.

Hoxe día, centenares, milleiros de afeccionados fanse eco dos atentados cara á a profesión, cara ao xornalismo. Non entramos a valorar se fulanito gústanos máis ou se menganito cáenos mellor, tampouco se trata de críticas «a diario». Se se fan constantemente comentarios -nada positivos- sobre as narracións dos JJ Santos, Sergio Sauca, Antonio Esteva e cía non é porque sexan ?a diario?, senón porque, lamentablemente, abundan e moito. Familiarizámonos con despropósitos talles como seareiros diante dun micrófono, informacións erróneas (como pode ser dicir que o Liverpool inaugurará estadio o ano próximo) ou certas cousas que denotan unha falta de interese absolutamente. Como pode ser que JJ Santos sígase referindo ao Fulham con esa pronuncia? Pódese entender que alguén se equivoca, pero non que non rectifique e siga caendo no mesmo erro unha e outra vez.

Mención especial ao comportamento do ente público coa Premier League, que o noso diñeiro custounos (porque o orzamento de RTVE sae dos nosos petos), quizais demasiado para o trato que está recibindo.

Que nos familiarizamos con estas dantescas situacións debe facer que sigamos impasíbeis ante elas? Podemos facer algo, os telespectadores, para evitar que isto continúe así? Dubidámolo.

Como se dixo, non se dubida da profesionalidade, senón da ética dalgúns comunicadores que se pon diante dun micrófono co obxectivo de transmitir unha información que non posúen, de venderse como coñecedores de algo que non coñecen. Quizais o fagan sen maldade, pero desde logo esta práctica non é máis que un engano e unha falta de respecto cara á audiencia, que, desde logo, non é boba.

Basta con palpar un pouco polo mundo do xornalismo deportivo «indie» para darse conta de que hai moito nova cualificado con ganas de desenvolver esta profesión, con rigor (palabra fundamental no xornalismo) e profesionalidade impecábel. Deste xeito, os afeccionados ao fútbol, como ouvíntes, espectadores, e se queren clientes, pedimos por favor que o nivel de interese sexa equitativo por parte do afeccionado e a emisora cara ás retransmisións.

Se a información deportiva (principalmente nas televisións xeneralistas) deixa moito que desexar, o xornalismo en xeral tampouco se salva. Cada vez máis xente maniféstase en contra de todo isto. A Libreta de Van Gaal é un referente e pioneira neste asunto. Grupos de Facebook como «Polo despedimento de Eduardo Inda de Marca e a súa expulsión do xornalismo» (máis 21.000 seareiros en apenas 2 meses de vida) reportan unha gran difusión a este «movemento».

Todos temos algo en común: queremos que cambie, para ben, o xornalismo en xeral e as retransmisións deportivas en particular.

——————————

Apoian:

http://futbolperez.blogspot.com/

http://www.thekidtorres.com/

http://ladoblevisera.wordpress.com/

http://sergio-planetadelfutbol.blogspot.com/

http://desdeanfield.blogspot.com/

http://cavernasmediaticas.blogspot.com/

http://mipremierleague.blogspot.com/

http://pokegol.wordpress.com/

http://http//humildeaficionado.blogspot.com/

http://factoryfootball.blogspot.com/

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Maldita TV | 4 Grandísimas aportacións »

Sofía Mazagatos, agora tamén esmoleira

10 de Febreiro do 2010 perpetrado por o traveseiro

En Antena 3 verá a luz proximamente un novo e pestilente reality chamado «Invisibles», versión do inglés «Famosos y mendigos» onde o navegante (?) Álvaro de Marichalar, o paparazzi Miguel Temprano, o escritor (?) Yeyo Llagostera, a esquiadora Blanca Fernández Ochoa e a modelo e intelectual Sofía Mazagatos deberán viver coma indixentes durante dez días e dez noites.

Non entendo a presenza neste programiña da Mazagatos, que xa ten experiencia dabondo no tema porque leva mendigando toda a vida, chegando a viver incluso en plan okupa nas casas das súas ex-parellas.  A súa vinculación máis coñecida ao mundo do balompé (que é o que a trae a O Traveseiro) é o roiete que mantivera co presidente do Sevilla FC a mediados dos noventa, González de Caldas, o cal lle regalara un Mercedes pagado con cartos do clube hispalense.

Naqueles tempos o tema tivo bastante transcendencia e os propios afeccionados sevillistas chegaron a manifesta-lo seu apoio incondicional nese duro transo á señorita Mazagatos con faixas durante os encontros, como esa amosada nun partido perante o Atlético de Madrid no Calderón.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Maldita TV | 2 Grandísimas aportacións »

Gayoso Sportman!

13 de Decembro do 2009 perpetrado por o traveseiro

Princi, un dos ocasionais comentaristas desta casa, ten unha opinión moi clara e formada sobre a revista oficial do Deportivo da Coruña: «Con decirte que tuve que mandarles 3 email diciéndoles en negrita y con mayúsculas: ‘NO ME MANDEIS MAS ESA MIERDA DE REVISTA A MI CASA, NO QUIERO QUE MI NOMBRE APAREZCA LIGADO A ESA BASURA’. Gracias por su comprensión».

Opinión respetábel pero non compartida de todo. Porque si que é certo que a meirande parte da revista é morralla, pero algunhas cousas tamén poden resultar divertidas. Coma por exemplo, nun número bastante atrasado, o showman Xosé Ramón Gayoso entrevistado e fotografiado  enfundándose unha camisola do Depor… e sen micrófono peghado ao mentón!

xose-ramon-gayoso

«Hombre sin pelo en pecho no es hombre, es desecho»

Semella que lle queda bastante pequena, o cal non se explica porque a que debe usar el é talla de pequerrecho, pero bueno… Para os que viven máis alá do Telón de Grelos, non collen a TVG pola TDT, ou non souberon do famoso episodio da prematura morte de El Fary, dicer que Gayoso é un señor que leva currando na TVG dende 1985, e presentando o Luar, programa estrela da canle, dende 1992. Incríbel que dure tanto en antena porque baixo o meu humilde punto de vista é un auténtico bodrio, un programa 100% casposo, unha especie de Noche de Fiesta á galega.

Ben, pois como dicía, na revista do Deportivo fanlle unha extensa entrevista, grazas á cal nos decatamos que «Eu crieime en Riazor. Dende os doce anos até os vinte, o estadio era a miña segunda casa, practicamente vivía aquí». Como? Xogaba ao fútbol? En absoluto: «Eu practicaba o lanzamento de martelo, e ía ao estadio a adestrar, igual que o meu irmán». Presentador, avogado, músico… e agora tamén seica era atleta!

Presume de deportivista: «Por suposto, sigo ao Deportivo, gústame o Deportivo, pero nunca o emprego como arma arreboladiza (mellor lanzar martelos que Deportivos). Non entro en forofismos nin sinrazóns, gústame o deporte porque fun deportista e creo que é algo san non só para o corpo senón tamén para a mente e o espírito» (todo o contrario que o seu programa).

Non aclara si a TVG é do Celta ou do Depor: «Aquí na Coruña se nos pregunta iso e en Vigo se nos di todo o contrario. Esa é a parte paixonal do deporte. Hai unha parte do afeccionado que é paixón e cando só aplicas iso non ves nada máis que as túas cores». O mítico Manolo Pampín deixou os deportes da TVG precisamente por iso, porque lle daban paus por todos os lados, e iso que o tipo sempre dicía que era neutral, que máis non o podía ser porque era de Melide, o centro de Galiza. A xente ignoraba que Pampín non era nin dun nin doutro, era e segue a ser un barcelonista coma un piano, que pertencía a unha peña culé e até tiña orgasmos cantando os seus goles nos partidos.

Máis madeira, o segredo da lonxevidade do infecto Luar: «O traballo e a ilusión. [...] Cada Luar é coma un partido de fútbol, sempre diferente». Che, che, che… para o carro, sempre diferente cada Luar? Pero se cada vez que os venres pola noite poño por erro a TVG están actuando un día si e outro tamén os Pimpinela, Bisbal, Camela, Isabel Pantoja, Manolo Escobar, Bustamante… E iso que presumían de adicar un amplo espazo do seu tempo á música galega, xa vemos, xa.

Para rematar, salientar que botei en falla na entrevista algunha referencia ao seu famoso can… se é do Deportivo coma el ou lle tira máis o Celta, se move o rabo cando o ve pola tele ou se é certo iso que din as malas linguas: «Para máis señas, o can chámase Golfo e é un golden retrier. E si, falan os dous entre eles en castelán. Se alguén o quere ver, están polo paseo das Pontes da Coru á noitiña. Houbo unha época en que pensaba que o can se chamaba Cojones, porque o Gaioso sempre lle tiraba un pau e o can non llo traía e berráballe ‘Trae eso, cojones’». Persoalmente podo dar fe disto porque coincidín con eles moitas veces nese parque namentres paseaba ao meu defunto can.

Como vedes, en tódalas casas se cocen fabas: o Schalke 04 tiña como seareiro famoso a Hitler, o Bolonia a Mussolini, o Arsenal a Bin Laden e o Deportivo a este, que se lle vai facer.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Maldita TV | 7 Grandísimas aportacións »

Kira Miró aurrera!!

9 de Outubro do 2009 perpetrado por o traveseiro

Hai unha hora que me acaba de saudar (vía Puto Fútbol) Kira Miró enfundada nunha camisola do Athletic Club de Bilbao dos anos noventa. E me dixen «coño! pero non capturara eu unhas imaxes iguais da TV hai a hostia de tempo porque me chamara a atención o da camisola e porque daquela eu estaba namorado desa presentadora?»… Pois vai ser que si.

kira miro athletic

Póñome a pesquisar no disco duro e as atopo. E xa choveu diso, porque os detalles das imaxes dinme que as capturei o venres 20 de Xaneiro do 2006 ás 2:05 da madrugada.  Hai cousas que non cambian, vai para catro anos e sego a ver merda na televisión a horas intempestivas, neste caso Cuatrosfera.

kira miro ath.bilbao

A calidade das capturas é pésima, seguramente porque daquela a tarxeta de televisión que ghastaba era cutre, pero máis que sufiente para distinguir que…

1. Kira Miró estaba a entrevistar ao director da pinícula «El síndrome de Svensson», da que curiosamente xa falei de rebote neste o voso blogue.

2. Que seguramente levaba unha camisola do Athletic para pelotear ao entrevistado, Kepa Sojo, que é basco, e, como se demostra na seguinte foto, tamén do Athletic, ahí va la hostia pues!!

Kepa_Sojo

3. O terceiro en discordia, o maromo da segunda foto á esquerda, que din que é Johann Wald, podería tratarse de Julien De Guzmán con gafas.

4. A camisola de Kira é de manga longa e a ten remangada. O pantalonciño non o pode remangar máis.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Elas tamén xogan, Maldita TV | 3 Grandísimas aportacións »

Son feos, punto e pelota!

2 de Xullo do 2009 perpetrado por o traveseiro

Antonio é cuspidiño a Kaká, mais el non se considera unha beleza: «A mí me han dicho varias veces que me parezco a él y tampoco soy tan guapo, por mucho que mi madre diga lo contrario». Michijhiense non se anda con rodeos e di que «si Kaká é tan guapo eu son Mr. Mundo». E Pableras opina que «a miña nai tamén me di que son moi guapiño».

Conclusións que sacamos destas grandísimas aportacións: Dous comentaristas desta casa teñen nais que entran dentro da media mundial (para o 99% das nais os seus fillos son unha preciosidade). Un terceiro ten como grupo de cabeceira Modestia Aparte.

punto-pelota

E que pasa cos comentaristas oficiais do programiña futboleiro da casposa Intereconomia TV, «Punto Pelota», Tomás Roncero e Jorge D’Alessandro (o dos penaltis polo pau curto)? Coido que aí todos poderemos coincidir que son bastante feos, sobretodo o primeiro, aparte de pedantes, tóxicos e pesaos a máis non poder. Ao realizador lle mola dividi-la imaxe en dous poñendo os primeiros planos deles namentres discuten para revolvernos a cea. Fáltanos por saber a opinión que teñen destes dous elementos as súas respectivas nais.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Adefesios, Maldita TV | 6 Grandísimas aportacións »

Este pénsase que o seu fillo é Maradona

20 de Xuño do 2009 perpetrado por o traveseiro

O pasado mes cumpríronse dez anos dende que a selección española gañara o Mundial Sub20 de Nixeria. Na canle 24H de TVE repuxeron a reportaxe que no seu momento emitiu Informe Semanal sobre os campións. Collino empezado, pero algo vin dalgúns, coma de Varela, Barkero, Jusué ou Marchena.

marchenas-family1

Deste último di o seu pai que sempre se coidou «que nadie pudiera decir… iba publicando lo que era el hijo sin… sin  haber llegao. Es ahora y me lo aguanto. Porque después empiezan a decir ‘este se cree que su hijo era Maradona’ entonces yo eso siempre lo he tenido para mí». Como che cambia o conto cos anos. Agora o que comentarían sería «este se cree que su hijo es Andoni Goikoetxea«.

Non podo pasar por alto a entrañábel foto de familia. Á dereita, un primeiro plano do perfil de porquiño do futbolista. No medio, o fachendoso pai, e á esquerda, a nai, facendo o papel da raíña Sofía, que ha venido de  Grecia y se pone hasta arriba sen articular palabra. A súa pose lémbrame ao tema que gravaron Aerolineas Federales para o Xabarín Club: «Eu o que quero é xamón, xamón, xamón, xamón, xamón… curado!». Digno de mención tamén o sofá de sky marrón e o tapete de encaixe que o decora.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Arquivado en Maldita TV | 8 Grandísimas aportacións »

« Entradas Anteriores

Apoiamos a Isaac Díaz Pardo