Quinocho, morte dun xerente

19 de Outubro do 2013 publicado por o traveseiro

Mañá cúmprense vintecinco anos do falecemento de Joaquín Fernández Santomé, A.K.A. Quinocho, lenda do Celta de Vigo e que naquelas datas desempeñaba o cargo de xerente. Nós adiantámonos un día aos especiais que de seguro haberá na internete sobre este cabodano.

As armas do asalto e o falecido

Eses feitos aconteceron o 20 de Outubro de 1988 arredor das seis e media da tarde. Quinocho atopábase nas oficinas do clube na compaña de tres empregadas. Dous toxicómanos con síndrome de abstinencia chegaron facéndose pasar por mensaxeiros e, armados cun coitelo e unha pistola, entraron para darlles o pau, o xerente resistiuse e tentou agredilos arrebolándolles un cinceiro. O portador do puñal, que berraba que se atopaba moi nervioso, respostou á agresión cravándollo no corazón e quitándolle a vida case no acto.

CURIOSIDADES:

– A derradeira persoa coa que falou Quinocho á marxe dos asasinos foi Berta Vales, a sempiterna xerente do Deportivo. “Teño que colgar Berta, que me están a petar na porta”, disque foi o que lle dixo. Polo visto mantiñan unha moi boa relación nunha época de fractura case total entre afeccionados de ámbolos dous clubes e entre dirixentes das cidades.

– Os asasinos fuxiron con medio millón de pesetas nunha Vespa de cor branca e azul, o que fixo sospeitar nun primeiro intre que se trataba de seareiros do Deportivo da Coruña.

– Un dos mozos xogara nas categorías inferiores do Celta. Na imaxe dos asasinos (exclusiva!) é o que porta o puñal e viste unha camisola celeste Umbro da época.

– Os tres procesados (seica había un terceiro implicado) foron xulgados en maio de 1989, pedindo o fiscal para eles 89 anos de cárcere. Non sabemos que foi deles pero supoño que xa levarán anos criando malvas.

– O Celta réndelle homenaxe tódolos veráns cun torneio que leva o seu nome, o Memorial Quinocho, que practicamente gaña tódolos anos. Só perdeu dúas ou tres veces en perto de vinte edicións. Tamén ten unha rúa ao seu nome en Vigo e un busto en Balaídos.

– En Riazor se lle recordou durante anos, e máis en ocasións especiais coma na crise dos avais en 1995 que case descenden ao Celta a Segunda B. “Quinocho resucita e entrega o aval” entoouse naquelas datas. “Puñalón” era o nome dunha sección deportivista de tributo e “Viva o puñalón”, “Mamá bájame el puñalón”, ou “Liberdade xusticierios de Quinocho” son outras das barbaridades que se escoitaron pola Coruña ao longo destes vintecinco anos.

– O título da entrada parafrasea a unha miniserie de TVE emitida en 1987 “Lorca, muerte de un poeta” traducido pola miña nai lendo a programación da tele un día deses como “La horca, muerte de un poeta”.

Arquivado en Mundo viejuno-celebrities | 6 Comentarios »

25 anos do debut de Fran co Deportivo

17 de Xaneiro do 2013 publicado por o traveseiro

Mañá (por hoxe) 17 de Xaneiro de 2013 cúmprense 25 anos do debut de Francisco González Pérez co Deportivo. É de supor que o os órganos de propaganda do clube no que xogou (e moi ben, por certo) toda a súa carreira deportiva non farán mención algunha a este fito. De feito, no último número da revista oficial póñeno nunha diana xunto a outros supostos inimigos do Deportivo, e baixo o título de “Los lacayos de Santiago Rey” din de Fran que “manifiesta un odio enfermizo hacia el Club”. Unha auténtica castronada.

Porque ao Fran pódeselle achacar que ao mellor non teña unha mente moi lúcida, que, como calquera rapaz que quere viver do fútbol e mellorar profesionalmente negociara fichar polo Barcelona e Real Madrid (cantos non o farían?) ou que, pode que mal aconsellado, reclamara cartos que se cadra non lle correspondían.

Pero dicer que Fran odia ao Deportivo, cando xa xogaba para el nos campos de terra, que disputou 700 partidos co primeiro equipo, practicamente sempre titular,  e sempre dándoo todo e botándose a equipa ás costas, incluso xogando lesionado… Hai que ter moitos collóns para dicer iso cando tanto antes, coma durante e despois de Fran pasaron centos de mercenarios que se levaron un pastizal sen suar a camisola e a este se lle bota en cara que se montou no dólar a costa do Deportivo.

En fin, que supoño que en La Voz de Galicia principalmente e no resto agardo que tamén publicarán álbumes de fotos e toda a hostia sobre este 25 aniversario, pero tan só aquí, en O Traveseiro, reproducimos parte da delirante crónica dun tal Alba, corresponsal de El Mundo Deportivo, do encontro no que debutou Fran, o Deportivo 0 – Burgos 1, que nos deixaba nunha situación delicada, con catro negativos (cousas de antes). Unha proba de que a falta de profesionalidade no xornalismo xa vén de lonxe.

De entrada, o nacho este refírese ao Deportivo coma Coruña, nada novo fóra das nosas fronteiras. Posteriormente chama Cela ao defensa central Portela, e para remata-la faena, no apartado de incidencias define ao noso protagonista como FRANCH, que para máis inri é IRMÁN XEMELGO DE XOSÉ RAMÓN. Se non volo credes aquí vos deixo a captura do artigo, onde tamén salienta que ao presidente García Yáñez case lle dá un jamacuco.

Abraiante tamén como prosegue a crónica, onde di que “no tuvo necesidad el equipo burgalés de forzar la máquina, ya que enfrente tuvo a un rival que parecían once amigos que iban a cumplir con una tradición como es jugar a fútbol el domingo por la tarde”.

De seguido, reproduzo tamén integramente un artigo titulado “FRAN” que foi publicado no fanzine Curva Máxika en Febreiro de 1997, pero que podería ser escrito tranquilamente hoxe en día, substituíndo ao de Carreira por Álex Bergantiños, Juan Domínguez, Seoane ou Juan Carlos.

“No colexio onde eu estudaba todos levabamos xuntos na mesma clase dende primeiro curso. No noveno ano, ou sexa 1º de BUP, moitos marcharon e outro tanto chegou. Os novos eran, na súa maioría, moi boa xente mais non eramos capaces de conxeniara do mesmo xeito con eles, faltaba ese grado de identificación e familiaridade que só o tempo pode dar. Por poñer un exemplo, semellaban máis guapas as compañeiras de sempre que as novas, aínda que obxectivamente estaban mellor as recén chegadas.

No Deportivo deste ano atópome cunha situación moi semellante a aquela. Xa sei que estamos en tempos de aperturas de fronteiras e de todas esas cousas que soan tan ben na sempre manexábel boca do presentador de telexornais, eu tamén sei que todos somos persoas sen importar-lo lugar de procedencia e que todo é beneficioso sempre e cando veña para aportar cousas positivas como están a facer no caso deportivista. Que es ao que iamos, eses fenómenos que son xente coma Martins, Rivaldo, Songo’o e compaña pero… que lle vou facer! a min sígueme a caer mellor os da miña clase, sobre todo se con eles vivín inxustas semifinais de Copa, Promocións, Ascensos, Soños Europeos, Títulos e Derrotas, en definitiva, centos de emocións vividas e outro tanto por vivir.

Nestas épocas de Lei Bosman, de suplencias e lesións, é necesario lembrar que a maxia tamén nace a carón da nosa casa e leva convivindo con nós case unha década. Por iso, nestes tempos tan complicados para el pido reivindicar a ese rapaz que leva o número 10 e que no medio de tanta (marabillosa) samba pon o punto de familiaridade sobre o céspede. Aínda que veñan mellores xogadores (vai ser difícil), eu sempre preferirei a Fran, coma se estudaramos na mesma clase.

P.D. Agora con menos retórica, o certo é que, aínda que non sexa un lumbreiras noutras cousas, futbolisticamente é todo un símbolo do Deportivismo e polo tanto da nosa peña, así que todos animando a saco a Francisco, que por algo é o capitán”.

Para rematar, unhas pequenas aclaracións das imaxes adxuntas:

1. A primeira foto tíñaa a cor pero preferín esta para darlle un toque vintage e nela pousa Fran en Riazor xunto a Xosé Ramón, tamén coñecido coma “meu irmano”, pois así se refería Fran a el nas entrevistas da época.
2. A segunda, como xa comentei arriba, está tirada da referencial hemeroteca de El Mundo Deportivo, e pódese consultar o exemplar completo dese día premendo aquí.
3. A terceira é a que ilustra o artigo do Curva Máxica, un claro “robado” e que debe saír aquí si ou si.
4. A cuarta é un manuscrito de Ventoso Mariño (representante de Fran e Xosé Ramón hai 25 anos) correspondente á negociación co Deportivo para facer un contrato semiprofesional aos dous irmáns. Publícoo polo feito de estar en galego, algo que non debería ser digno de salientar pero por desgraza é así.

Arquivado en Mundo viejuno-celebrities | 11 Comentarios »

“Quien me pone la pierna encima…

16 de Decembro do 2012 publicado por o traveseiro

para que no levante cabeza? ¿Quien?!!” Co permiso da insuperábel actuación de Fernando Arrabal no programa de Sánchez Dragó, a fraseciña de Jorge Berrocal en Gran Hermano 1 é sen dúbida un dos mellores intres da historia da televisión española. Á marxe das súas célebres citas, salientar que o devandito presumía de que estivera en Bosnia, mais cando levaba un día sen comer xa papaba até o envoltorio das magdalenas.

Esta mítica edición tamén nos deixou intres en clave futboleira, como que o gañador, Ismael, era seareiro do Cádiz (er Cai); que Israel, que deu vergoña allea cando se puxo a chorar porque “no me quiero enamorar”, era de Ourense, pero non do equipo local por excelencia, nin do Ponte Ourense. Nen sequera do Arenteiro ou Verín… Israel din as malas linguas, era do Celta.

Lembrar tamén que un dos concursantes, que non me lembro do nome, e que acabou emparellado coa de “Jo-de-té, jo-de-té!” (outro intre estelar) era médico e seareiro do Real Madrid, e comentou a xeito de anécdota que “los Celtarras son unos cafres”, porque seica unha noite estaba de garda nun hospital de Salamanca e chegaron un montón de feridos de diversa consideración, polo visto atacados por estes nunha discoteca.

A pregunta é que carallo facían os Celtarras na discoteca? Igual ese día pinchaba Paco Pil, ou vaite ti a saber. Para rematar con esta ida de pinza, comentar que María José, a prostituta que se liou co mañico-bosnio, e primeira expulsada, era sobriña dun expresidente do Betis.

Bueno, todo este roio ben a conto da arrepiante foto que acompaña este post (premer nela para vela a tamaño orixinal). A mesma, seguramente tirada no campo vigués de Coia, data de 1910-11 e nela forman de xeito informal os once equipiers do Vigo FC, equipo que desaparecería esa mesma tempada para formar o Vigo Sporting, que tamén pasaría a mellor vida.

Chama poderosamente a atención, a diferencia de moitas fotos da época, que tódolos xogadores saian de pé agás un. Foi obrigado? Pois ten toda a pinta, porque ou é a mascota do equipo (nese caso xogarían con dez) ou é un claro caso de vexación e acoso cara un compañeiro. Dous futbolistas, un semella o porteiro, póñenlle cadansúa perna en cada ombreiro, cargándolle todo o peso das botas da época, cos seus tacos de ferro e madeira e de seguro cheos de barro e purín.

Descoñecemos o nome dese pobre desgraciado, aínda que barallo uns cantos nomes, mais solidarizámonos con el aínda que lle dea igual, porque como diría o propio Jorge Berrocal… “no lloréis, que me voy a casar con ellos”.

Arquivado en Mundo viejuno-celebrities | 2 Comentarios »

O portugués esquecido

23 de Agosto do 2012 publicado por o traveseiro

A continua chegada nas últimas datas de xogadores portugueses ao Deportivo tráeme á memoria a fichaxe, finalmente desbotada, dun portugués para xoga-la tempada 88-89: ALBERTO BASTOS LOPES.

Defensa central formado no Benfica, tivo sempre o sambenito de ser o irmán malo do internacional Antonio Bastos Lopes. De feito, nos foros benfiquistas onde estiven a documentarme méteno na categoría de ex-funcionários, ou sexa, no grupo dos paquetes ou, cando menos, dos que sen ser uns mantas tiveron un rendemento máis ben baixo (Joan Capdevila, por exemplo, figura nesta categoría) sen chegar a unha suposta sección de “bandalhos, escroques e crápulas”.

Ao que iamos, o seu breve paso polo Deportivo. A pesares de que xogou varios encontros de pretempada sen problemas aparentes, finalmente non asinou porque non superou as probas médicas. Segundo o informe pericial “Bastos Lopes acusa un desequilibrio muscular con pérdida de potencia en la pierna izquierda como consecuencia de una hernia de tipo muscular”. Tamén detectáronlle os médicos “una tendinitis en el talón de Aquiles del pie izquierdo y osteosíntesis en antepié que, a la larga, exigirá una intervención quirúrgica”. Vamos, que o tipo tiña que estar coma un farrapo para que até o doutor Barbeito desestimara a súa fichaxe. E iso que naqueles anos só se podía ter a dous estranxeiros no plantel e había que mirar todo con lupa.

A falta de imaxe do ínclito coa camisola do Deportivo, poño unha cando militaba no Belenenses, a mediados dos oitenta.

Arquivado en Mundo viejuno-celebrities | 3 Comentarios »

Drogaría Celta

14 de Abril do 2012 publicado por o traveseiro

O histórico e céntrico establecemento coruñés forneceu de material de primeira calidade durante anos a…

– Goran Juric (Insulina).
A finais da tempada 92-93 detectóuselle nun exame rutineiro unha diabetes tipo I, polo que tiña que tomar tres doses diarias, que seica non lle chegaban, polo que converteuse nun insulino-dependente total. O Celta deulle a baixa por non poder pagarlle o vicio, cousa que si fixeron outros clubes, xogando dez anos máis no seu país, selección incluída.

– Borja Agirretxu (Nandrolona).
Ten a honra de protagonizar o primeiro caso de dopaxe sancionado na primeira división. Deu positivo tras un Valladolid-Celta de xaneiro de 1997. A falta de chuletóns, botoulle a culpa a unhas pílulas que estaba a tomar para frea-la caída de cabelo (non tivo efecto), pero xa cando a sanción foi firme tirou da manta, acusando de todo aos servizos médicos do Celta.

– Everton Giovanella (Nandrolona).
Un control antidopaxe tras un encontro perante o Pontevedra en 2004 confirmou que xogou dopado até as cellas. Na primeira década do século os ionkis xa non estaban tan mal vistos pola sociedade, así que durante o tempo que durou a sanción (dous anos) o Celta pagoulle igual sen xogar. Durante ese tempo quixo “matar el gusanillo” (nunca mellor dito) na sección de fútbol sala do Celta, pero tamén prohibíronlle participar. Tan só xogou un partido, suficiente para colaborar co descenso final do equipo.

– Horacio Gómez (Metanol).
Antes de forrarse co Celta traballou fabricando e vendendo gaseosas. Coñecendo a catadura moral do tipo, custa moito crer que non introducira nas botellas alcol metílico a esgalla.

– As prespitutas de Tojeiro (Drojas varias)
As dúas, “la delgadita pelo largo, la segunda una rubia de 32 años, la de pelo largo 26” , exerceron o pracer da prespitación con directivos e xogadores do Celta nas concentracións, tomando nota dos efectos que produce a inxesta de drogas mesturadas con colacao, para posteriormente utilizar esas prácticas con outros clientes, coma co noso caro amigo Xosé Toxeiro.

Arquivado en Mundo viejuno-celebrities | 2 Comentarios »

20 anos do enterro de Juanito

3 de Abril do 2012 publicado por o traveseiro

Un emotivo recordo para un futbolista do montón e peor toureiro: Juan Gómez “Juanito” me mola tu tumba en Fuengirola. No terreo de xogo un chulo, provocador e violento, e fóra del un bocazas e sobretodo puteiro, afección esta última collida de cando vivía debaixo dun prostíbulo. Definiuno perfectamente o que fora vomitivo presidente do Barcelona durante 22 anos e empresario corrupto, Josep Lluis Núñez, cando dixo del que “embarazaba a las mujeres por las esquinas”.

O mellor de todo é que un tipo así sexa ídolo do madridismo, e en especial dos ultras sur (o propio Juanito tamén os admiraba), dos do Mérida (poñían unha faixa que rezaba “Juanito, sangre y honor” (¿?) con simboloxía nazi) e dos do Málaga.

Precisamente escollo unha foto destes últimos porque así mato dous paxaros dun tiro, valéndome para a sección de Analfabestas. Que é iso de FUISTES, pedazo de pailarocos?

 

Arquivado en Analfabestas, Mundo viejuno-celebrities | 9 Comentarios »

Sito presidente!

2 de Febreiro do 2012 publicado por o traveseiro

Aurrera, aurrera, aurrera!!!

Lamentábel a tempada que está a realizar o Juventud de Cambados no Grupo 4 da Primeira Autonómica (vén sendo 6ª División), en postos de descenso a Segunda e perdendo a pasada fin de semana 0-1 na casa fronte o SD Salvaterra (de Minho, non de Agurain). Quedan aínda moitas xornadas e a cousa ten difícil arranxo a non ser que o seu expresidente máis ilustre, Xosé Ramón Prado Bugallo, a.k.a SITO MIÑANCO, volte colle-las rendas do clube do Salnés para sacalo do pozo, agora que sae de cando en vez da cadea de permiso.

Será capaz de levalo como fixo a finais dos oitenta, da Preferente a Segunda B (4º clasificado na 89-90)? De facer de Burgáns un campo cinco estrelas (xa pagou unha reforma)? De voltar a concentrar ao plantel en hoteis de luxo? De repetir as xiras do equipo por Venezuela e Panamá (onde din que tivo un fillo cunha familiar de Noriega)? De convidar outra vez a xornalistas deportivos ao seu chalé a encherse cos mellores mariscos e viños (e seica tamén a putas de alto standing)?

En calquera dos casos, o que de ningún xeito queremos que se repitan son as pintas que levaba no xuízo do 2004, non polas trobas e a barba, senón polo penoso gorro do Real Madrid que leva na cachola.

OFF TOPIC
Brutal achega futboleira recibida hoxe vía SMS e que debemos reproducir por seren asuntos de máxima actualidade: “Estamos co fútbol e cos que, coma os exipcios, restabelecen a xustiza pola súa man, e cos que, como os de Sta. Comba, cobran duns patróns inocentes e honrados”.

Por non atopar ligazón explico: Un futbolista do Santa Comba CF foi pagar 16 euros de compra nun super da Coruña e a caixeira díxolle que o billete que lle deu de 50 era falso, e que o ía reter e chamar á policía. O tipo non tiña nin idea que era falso e botou a man ao sobre cos cartos que lle pagara o clube e pediulle á caixeira que lle comprobara se levaba máis falsos. En total cinco. A madeira levouno ao calabozo, e aínda que o ceibaron, irá a xuízo. Os directivos do Santa Comba din que tampouco sabían que os cartos eran falsos e que seguramente saíron dunha festa que fixeron o outro día para recadar fondos. Si, claro, e o meu can pillou unha mosca!

Arquivado en Mundo viejuno-celebrities | 4 Comentarios »

Os ultras de Xixón cando non están correndo a maratón

13 de Xaneiro do 2012 publicado por o traveseiro

Pode semellar algo fóra do normal que un futbolista do Sporting de Xixón, suponse que profesional, se fotografe con humoristas frikis cando visite Sevilla e pendure a imaxe das redes sociais. Non é algo novo nin moito menos, e para iso estamos nós, para demostralo.

“Grupo Histórico.. oh, oh, oh” (Música de “Un rayo de sol”)

Hai coma dezaoito ou vinte anos non eran os xogadores do Sporting, senón os seus propios afeccionados os que o facían. Na imaxe podemos ver a un grupo de membros da coñecida coma peña Ultra Boys,que aproveitaban as súas visitas de fin de semana aos seus noivos sevillanos, os ultras do Betis, para frecuentar os máis afamados locais gais da época (Arny, 27, Valentino…) e tirarse fotos con famosos coma Los Morancos.

Daquela non existía o Twitter nin o Facebook, e a falta deles, estes xixoneses tiñan que conformarse con envia-las fotos (xunto con outras de horrendos tifos de plastiquitos) por correio ordinario a unha coñecida revista sobre o mundiño das bancadas. O feito de que non eran os únicos que o facían lévanos á conclusión que os seus rivais ovetenses empregaban mellor o seu tempo de lecer fóra dos campos de fútbol.

Arquivado en Mundo viejuno-celebrities, Xentes da grada | 1 Comentario »

Como non boicotear unha marca deportiva

26 de Setembro do 2011 publicado por o traveseiro

Quero aclarar que, ao fío do post anterior, por moito que lle faga boicote a Adidas polas súas horrendas últimas creacións, porque fabrique no terceiro mundo ou pola razón que sexa, chámalle X… nunca chegarei ás cotas do mítico Ladislao Kubala. Como moito (teño un suadoiro retro case igual) poñería unha etiqueta de Estrella Galicia, máis acorde cos mercadotécnicos tempos actuais, e se nos poñemos á súa altura, caso improbábel, este outro escudo.

Cómpre tamén aclarar que, sen saber de que vai a cousa, o máis normal é que o bo de Kubala tivera un contrato de patrocinio coa multinacional alemá e que vestía a súa roupa sen problema nos equipos que adestraba… agás no seu curro coma seleccionador da España alá polos anos setenta, cando foi tirada a foto, e que lle obrigarían na federación a estampar a merda do escudo do aguilucho por riba. Un caso semellante que Cruyff no Mundial de 1974, que tiña contrato con Puma e boicoteaba as tres bandas da camisola da selección que defendía.

Por certo, que a foto está escaneada dun vello exemplar da revista Don Balón, que esta semana botou o peche, quen sabe se definitivo. Hai a tira de anos que non a mercaba, se cadra por iso, por xente coma min e polo que se foi ao tacho, pero pasei moitas horas de cativo ollándoas e é triste que xa non exista.

P.D. CASO REAL, ao fío do último parágrafo: O meu irmán tiroume uns cantos exemplares ao lixo porque non quería xogar con el por estar todo o puto día cos Don Balóns. Tiven que baixar a recollelos do recoletor. Verídico!

Arquivado en Espanholadas, Mundo viejuno-celebrities | Comentarios desactivados en Como non boicotear unha marca deportiva

75 anos da incautación do Madrid

6 de Agosto do 2011 publicado por o traveseiro

Real Madrid… “quien te ha visto y quien te ve”

O pasado mes de xullo cumpríronse setenta e cinco anos do lutuoso golpe militar fascista, e estes días os mesmos anos da incautación do Real Madrid pola Frente Popular (até algúns futbolistas adheríronse ás milicias). Segundo publicou o xornal madrileño El Sol o 6 de Agosto de 1936…

“EL FRENTE POPULAR SE INCAUTA DEL MADRID C.F.
El Club se pone al servicio del Gobierno y jugará partidos para recaudar fondos para las víctimas.
Constituídos en el Madrid F.C. Don José Vallejo, en representación de la Federación Cultural Deportiva Obrera; D. Agustín Varela, por la Juventud de Izquierda Republicana; D.Agustín Nieto, por la Juventud Socialista Unificada; don Vicente Veres, socio del Madrid afiliado a la UGT; D.Leandro Sechi, socio del Madrid afiliado a Izquierda Republicana, con (…) D.José Carlos Alonso, en representación de todo el personal del Club sin excepción, acuerdan la incautación de dicho Club (…) para orientar la marcha del Club en un sentido popular, que (…) permita la extensión de los beneficios deportivos que pueda proporcionar todas sus instalaciones a las masas populares, que en estos momentos están defendiendo heróicamente la República (…).

A los fines de esta incautación se acuerda:
Primero. Respetar toda la plantilla del personal que no sea desafecto al régimen.
Segundo. Convocar a la anterior Junta Directiva (…) a los efectos de transmisión de poderes.
Tercero. Autorizar la utilización de todas las instalaciones del Club y local social (…) a todos los socios del Madrid afectos al régimen (…).
Cuarto. Poner a disposición del Gobierno el Club con todas sus disponibilidades y preparar la organización de un partido internacional o varios, si es posible, con objeto de recaudar fondos para la suscripción a favor de las víctimas del fascismo.”


Reseña do antifascista (?) ABC da época

No que atinxe á nosa terra, ocupada xa por aqueles días polo fascismo, atopamos a un Celta de Vigo “colaboracionista” (non quedaba outra) e que segundo o Faro de Vigo de 7 de Agosto, xogou un partido a prol dos sublevados.

“EL CELTA JUEGA A BENEFICIO DEL EJÉRCITO
Se ha celebrado ayer tarde, en Balaídos-Stadium, el match de football de confraternidad entre los ingleses del destructor británico surto en el puerto y el equipo del Celta. El partido dio comienzo a las cinco, ejecutando el kick-off el cónsul de la Gran Bretaña en nuestra ciudad. Hallándose en el palco presidencial el comandante militar de la plaza, don Felipe Sánchez (…) los teams salieron a la pradera de Balaídos, entre grandes aplausos (…). El partido se ha deslizado correctísimamente (…). Habrá sido seguramente éste el primer partido de football que se juega en España, desde que se ha desarrollado el actual movimiento nacional. En el stadium se hizo colecta, que ha ido a engrosar la suscripción (…) en favor del Ejército
.”

P.D.: Javi Poves, xogador profesional do Sporting de Xixón, deixa o fútbol e grandes verdades como esta: “¿De qué me sirve ganar 1.000 euros en vez de 800 si están manchados de sangre, si sé que se obtienen con el sufrimiento y la muerte de mucha gente? La suerte de esta parte del mundo es la desgracia del resto. En vez de tanto 15-M y tanta hostia, lo que hay que hacer es ir a los bancos y quemarlos, cortar cabezas. Así de claro te lo digo”.

Vía Chuza!

Arquivado en Mundo viejuno-celebrities | 3 Comentarios »

« Previous Entries