11 de Febreiro do 2013 perpetrado por
o traveseiro
O xa por todos e todas coñecido doRCCV, ademais de pasarse de cando en vez polo Ventorrillo (El Vientorrillo, para Paco Vázquez) tamén le o Marca polas mañás. E nunha desas, concretamente o sábado pasado, topouse con esta incualificábel animalada.

O Celta xogaba ese día en Balaídos ás seis da tarde perante o Valencia. Para os do Marca, facíao ás catro no Reyno de Navarra pamplonés. O xogo era arbitrado por Mejuto González (xa retirado). Os dous equipos son adestrados por Marcelo Bielsa, que, como é lóxico xogan co mesmo sistema (4-3-3) aínda que logo no debuxo aparecen con outro (4-2-3-1). Os suplentes de ámbolos dous son os mesmos, todos futbolistas do Athletic Club, e algún nin iso.
Os titulares xogan todos co dorsal 24, agás os porteiros, Iraizoz polo Celta e Muniain (!) no Valencia. Este último tamén forma cos celestes no posto de mediocentro, ao igual que Llorente (lateral esquerdo e interior) e M.Ortiz (de central nun e lateral dereito noutro).
Nos vigueses salientar na aliñación a presencia de catro futbolistas chamados PNSIOKA, que xogan de mediocentro, mediapunta, interior dereito e dianteiro centro. E no Valencia, un tal PEPINO na punta de ataque.
Esta chea de subnormaladas non fai máis que reafirmar a miña teoría de que os xornalistas do Marca e As métense de tódalas substancias habidas e por haber no seu posto de traballo, se é que non acoden xa dende casa colocaos até as cellas.
Para rematar, lembrar que a frase que serve para titular este post e que debería presidir a redacción do xornal, escoiteilla hai uns meses a unha ionki que falaba soa… «es que hay que saber ser drogopendiente», dixo toda chea de razón, «ou drogoindependentista», que salientou un colega meu cando lla contei.
Arquivado en Xornalistos |
3 Grandísimas aportacións »
12 de Xaneiro do 2013 perpetrado por
o traveseiro
Unha vez, achegámonos eu canda uns amigos ao hotel onde se hospedaba o Deportivo en Donosti a mendigar unhas entradas. Tan só Albert Luque cedeunos as dúas das que dispoñía e até moveu fíos para conseguir algunha máis do clube. Un colega bautizouno coma «El Único», por ser unicamente Luque o que nos atendeu amabelmente e nos conseguiu entradas. Este alcume foi usado durante bastantes meses cando nos referiamos a el.
Isto vén a santo de que estou sopesando referirme ao seareiro deste blogue, doRCCV, coma «O Único». Pois como salientei nalgunha ocasión máis, é o único que a día de hoxe envía achegas á nosa caixa dos correios (otraveseiro@gmail.com). Desta vez, esta castronada:

Para a meirande parte de vós resultará un erro irrelevante poñer «Burgos» no canto de «Bustos» porque Cristian Bustos non é precisamente un futbolista coñecido. De feito, non é de primeira división en canto a calidade futbolística se refire, e agora nin a militancia, xa que deixou o Celta para enrolarse no Sporting de Xixón.
Sexa como for, o erro paréceme monumental porque vai na capa dun xornal deportivo «prestixioso» (AS), aínda que sexa na edición para Galiza e Asturies, e porque unha vez máis deixa a profesión de xornalista á altura da merda. Coño, que é a edición impresa! Que foi dos que traballaban nos xornais exclusivamente para corrixi-los posíbeis erros antes de imprimir os xornais? Asiestaspaña!!
Arquivado en Xornalistos |
9 Grandísimas aportacións »
15 de Novembro do 2012 perpetrado por
o traveseiro
Manda chover na Habana que practicamente o único que estea a encher de lixo este blogue a xeito de comentarios e envíos á nosa caixa dos correios sexa un radical do Celta de Vigo. Leitores deportivistas: xa vos vale.

En fin, que doRCCV mándanos a captura de MarcaTV onde figura o resultado do Rayo Vallecano-Celta do sábado pasado co inxustificábel erro (non sabemos se a conciencia) de colocar o emblema do Deportivo coma se fose o do Celta. Esta castronada obviamente alporiza a seareiros tanto de un coma doutro equipo.
De tódolos xeitos, quero salientar varios dúbidas sobor esa imaxe:
-Quen é o fulano do cadro da esquerda vestido de camisa, chaqueta e garabata de cadros casual subculture e con cara de estreñido?
-Quen é o fulano/a que aparece xunto a Paco Jémez? Un segurata? Gloria Fuertes? Xosé Manuel Beiras?
-Por que leva unhas gafas estilo os lagartos de «V»?
Arquivado en Xornalistos |
2 Grandísimas aportacións »
2 de Agosto do 2012 perpetrado por
o traveseiro
Lugo e Deportivo enfrontáronse onte nun amigábel, e antes do descanso seica houbo un incidente entre seareiros visitantes e policía española. Velaí temos a captura do tratamento da nova na edición dixital en castelán de La Voz de Galicia.

Fago fincapé en que é en castelán porque na edición en galego non aparece esa publicidade á dereita do corpo da nova. Casualidade ou non, meten un anuncio dunha academia especialista en oposicións a policía dentro dunha nova no que, os que xa teñen praza fixa no corpo, pasan de estar sentados comendo pipas e vendo unha pachanga de verán a, para estirar as pernas no descanso, poñerse a mallar nos afeccionados. Un choio cojonudo, pensarán algúns. Do careto de felicidade e gafas de sol do figurante ao máis puro estilo Stevie Wonder xa non opino.
Nós, preferimos seguir os consellos de Albert Pla, e emprazamos aos damnificados a que poñan sempre que poidan, e a todo volume, este temazo de Los Chikos del Maíz. E mira que a min o hip hop nin fu nin fa pero… «Que quede claro, seré sincero: Antes pongo el culo en esquinas que me hago madero!»
Arquivado en Xornalistos |
5 Grandísimas aportacións »
2 de Agosto do 2011 perpetrado por
o traveseiro

A nova está escaneada dun exemplar (do pasado 20 de Xullo) de El Correo Gallego, e foi tirado da Pizzería McRober de Cee (o povo máis europeo da Galiza) polo noso corresponsal na Costa da Morte. Un xornal por certo, que é sen dúbida un dos máis malos do país, pior ca carne de pescozo. Sei do que falo, que, por razóns que non veñen ao caso, foi o primeiro que lía polas mañas durante uns anos.
O pior de todo é que chamarlle luso ao futbolista ferrolterrán non é a única barrabasada do día, porque no corpo da nova din que Juan Domínguez «trata de mejorar en una temporada en la que competirá con JESÚS MUÑOZ, Álex Bergantiños y Rubén Pérez por la titularidad en el centro del campo». Suponse que se referirán a Jesús Vázquez, máis dáse a casualidade que Jesús Muñoz, coñecido por estes lares como Jesusinho Munhões, foi un de tantos e tantos paquetes fichados por Lendoiro que non xogaron partidos oficiais no Deportivo (tan só un encontro en catro anos en nómina). Todo deus di cada dous por tres que fichou a Bebeto, Mauro Silva, Rivaldo ou Makaay, pero aquí estamos nós para lembrar que morralla tamén trouxo para dar e tomar.
Arquivado en Xornalistos |
1 Grandísima aportación »
26 de Xullo do 2011 perpetrado por
o traveseiro

Coidadiño, que os leitores vanse empachar de tanto galego!
O xornal deportivo coruñés DXT CAMPEÓN é un deses medios de comunicación galegos (como a inmensa maioría) aos que o idioma galego lles importa tres pementos e sen embargo, o día 25 de Xullo (Día da Pátria para uns, de Galiza ou do Apostol… para outros) publican a portada integramente en galego, porque «una vez al año no hace daño», pensarían os seus responsábeis. Neste caso até tiveron a feliz (?) ocorrencia de suplir a clásica cor vermella do cabezallo pola bandeira galega.
Este exercicio de galeguismo é todo en plan postureo, un xesto de cara a galería, xa que logo abres o xornal e vas flipando conforme pasas as páxinas porque non atopas absolutamente ningunha nova nin artigo en galego. Todo o xornal está escrito en castelán na súa practica totalidade (40 páxinas) agás:
1. A portada paripé, que tedes aquí enriba.
2. A viñeta do polifacético Antón Lezcano (Nicetrip, Zapping, Turkía…), que xa traballara no xornal cando botara andar hai dezaseis anos e que considero que hai que poñer pola súa interese e do pouco salvábel do xornal.

3. O nome do Trofeo Festas do Burgo.
4. Os teléfonos de interese (hospitais, servizos sociais…).
5. A programación da TVG, na que se inclúe a sipnose do filme «Sempre Habana», que botan de madrugada.
6. A publicidade da Pulpeira A Lanchiña.
Para máis amole, na contracapa coñecemos que o torneo Cidade da Coruña de tenis disputouse nun estraño lugar chamado LA Zapateira.
As explicacións ás deturpacións de topónimos (o do outro é un caso perdido) hai que pedilas a dxt@deportecampeon.com ou mesmo vía twitter ou facebook, xa que o primeiro xornal deportivo de Galiza, a parte de non usar o galego, tamén é o primeiro e pode que único, que non ten páxina web.
Arquivado en Pregunta para nota, Xornalistos |
7 Grandísimas aportacións »
10 de Maio do 2011 perpetrado por
o traveseiro
O pasado domingo confirmouse o descenso do Pontevedra a Terceira División. A traxedia mascábase dende hai semanas, e como soe pasar nos casos en que un equipo con aspiracións cae a postos de descenso, os afeccionados vanse a polos xogadores. Hai uns días tocoulle a china a Iban Espadas. Nin a Operación Xerónimo nin hostias, en La Voz de Galicia optan por facer un seguimento minuto a minuto máis interesante, o da persecución do futbolista por parte duns… HOOLOGANS (?)

Entendo que é moitísimo máis grave tatuarse mal a palabra HOOLIGANS, mais iso non quita que é unha metedura de gamba coma un piano, e non é a única do texto. Tema a parte é o incidente en si, que había que estar alí para ver o que realmente aconteceu, pero se é así semella máis unha peli de acción que outra cousa. E sen deixar de lado a este xornal, e recén saído do forno…

O Deportivo vence en Riazor ao ATHLETIC DE XIXÓN. E noutro partido da xornada o Málaga fixo o propio co SPORTING DE BILBAO, ou xa postos, de Santurtzi, non te fode!
Moitas grazas a Alberto Michijhense (Dombate is not Michigan!) pola primeira imaxe.
Arquivado en Analfabestas, Xornalistos |
5 Grandísimas aportacións »
6 de Abril do 2011 perpetrado por
o traveseiro
Na vindeira xornada de liga enfróntanse no Calderón o Atlético e Real Sociedade. Dende que xogaron na primeira volta gardaba o recorte de portada dos liantes do Marca (sempre na procura da paz social e contra a violencia), un par de días despois de disputarse o encontro.

Relativo a isto engadir que…
1. Os da Peña Mújika deben ter unha vista de lince para ollar o brazalete do capitán do Atlético dende a súa bancada, a bastantes metros do campo, e con pistas de atletismo polo medio.
2. O Atlético de Madrid só usa ese brazalete nos partidos internacionais, nos de liga adoitan a levar un co escudo do equipo. Tamén é moita casualidade que xoguen en Anoeta e poñan ese, igual tiñan o titular a lavar.
3. Na nova de dentro poñen que o do brazalete «fue otro de los motivos que los radicales de la Real esgrimieron para convertir en su cántico favorito -españoles hijos de puta- que gritaron casi sin parar durante los 90 minutos». En que quedamos? Segundo o titular lles cantaron fillos de puta polo brazalete, e resulta que logo foi outro dos motivos, mais non din cales. E o mellor de todo… alguén cre que un grupo de afeccionados estiveron berrando unha soa frase case sen parar durante hora e media?
4. Non publican nada de que noutro encontro desa xornada, o Real Madrid-Athletic de Bilbao os ultras locais estiveron todo o puto partido (como tódolos anos) poñendo verdes aos bascos («puto vasco el que no bote» p.ex.). Se tan españois son e consideran a Euskadi unha parte de España… por que insultan aos seus compatriotas das «Vascongadas»?

5. Seguen a mesma liña doutras publicacións editadas na capital do pequeno imperio. Un xornalismo moderno, serio e dinámico, que nos informa con total independencia e obxectividade de todo o que acontece.
Arquivado en Xornalistos |
10 Grandísimas aportacións »
28 de Marzo do 2011 perpetrado por
o traveseiro
Coma se no Deportivo non aconteceran xa bastantes cousas das que avergoñarse, van e lle dedican no voceiro do Clube unha portada (e entrevista interior) á petarda de Marta López, de Gran Hermano 12.

Os do Schalke 04 tiñan a Hitler como afeccionado e nós a esta
Esta imbécil profunda fíxose famosa por estes lares por poñer a caer dun burro aos galegofalantes, cualificándoos de brutos, paletos e ignorantes, verbas que á larga custáronlle a expulsión e o desprezo absoluto na nosa terra, menos para os pimpíns do panfleto deportivista.
O que pretenden no Deporsport (e iso que aínda non lin a entrevista) sabémolo de sobra: utilizala para atacar a La Voz de Galicia, argumentando que este xornal maltratouna, cando o certo, e non é por defendelos, é que foi un máis de tantos que criticaron as súas defecacións verbais, agás os medios da estrema dereita que a defenderon a capa e espada porque «confirma la imposición chapucera del gallego» (?).
Por certo, que a piques de publica-lo post decátome que até na referencial web sobre as mongoladas do xornalismo deportivo, La Libreta de Van Gaal, fanse eco desta abraiante portada.
ACTUALIZACIÓN.
Porque o publicou antes ca min e porque vale moitísimo máis a pena ler que este, o post do amigo Mr.Tichborne sobre a vergonhenta (que non vergonzante) portada do Deporsport… AQUÍ.
Arquivado en Odioteca, Xornalistos |
14 Grandísimas aportacións »
4 de Novembro do 2010 perpetrado por
o traveseiro
Lotina puxo a xogar o outro día un equipo coa media de idade máis alta dos que aliñara até o de agora, e se gañou. Unha casualidade como outra calquera. Mais para os do órgano de propaganda do Clube, a falta de ideas, xa lles serviu para levala á capa do xornal de onte. E de que maneira, oiga…

Supoño que a tremenda parida (o pior de todo, o touro branquiazul) se lles ocorrería ollando a botella de brandy que de seguro teñen agochada na redacción para botarlle aos cafés ou meterlle algún que outro lingotazo a morro.
Estou pensanco que, coa mesma, cando gañemos co once máis novo igual nos deleitan cunha ilustración a modo dun bote de champú Nenuco ou algho.
Por outra banda, hoxe souben que o seleccionador español Vicente Del Bosque estreouse como asesor de Iberdrola. Paréceme moi ben, porque de seguro que a súa experiencia e sabedoría no eido das enerxías renovábeis seralles moi útil, mais agora só falta que poñan a un electricista a asesorar a Guardiola ou Mourinho.
Arquivado en Xornalistos |
3 Grandísimas aportacións »