Quen son eu

Ese da foto son eu. Non o rapaz ao que lle acaban de meter un gol, que ben puidera ser. Tampouco son o suposto goleador, o de vermello, nin o do pantalón curto, nin o de amarelo, nin nengún dos do fondo. Eu son o traveseiro da portería, e o anaco que me falta son dúas partes do meu corpo, segundo dende o ángulo en que se mire.
Por unha banda, os pés, imprescindibeis para xogar ben ao fútbol, cualidade que deus (ou quen sexa) non me deu. E por outra o cerebro, ou unha parte deste, que fai que se me ocorran paridas e moitas delas vaian a parar a este blogue.
Un blogue, O Traveseiro, que, como puxen na mensaxe de presentación, é unha ollada atravesada e travesa do mundo do fútbol. Un deporte marabilloso, pero que tamén está cheo de merda até o pescozo, e iso hai que conta-lo, pero dende a miña particular visión. Directivos, xogadores, adestradores, xornalistas, federacións, siareiros... todos aqueles que reúnan a condición de mediocres, casposos, corruptos, descerebrados e unha chea máis de adxectivos... terán cabida neste recuncho cibernético.
chuzame - 

